Medio Rural asegura que un terzo dos montes con axudas de prevención de lumes poden executar os traballos

A Consellería apunta que 134 beneficiarios dun total de 399 teñen notificada autorización para o inicio das tarefas. En montes veciñais conveniados, a Xunta asegura que xa ten investidos 500.000 euros en prevención

Medio Rural asegura que un terzo dos montes con axudas de prevención de lumes poden executar os traballos

A Consellería asegura que xa investiu 500.000 euros en prevención nos montes que xestiona.

A Xunta defende que está a facer unha axeitada xestión da prevención dos lumes. Fronte ás críticas do sector forestal, Medio Rural asegura que un terzo das comunidades de montes beneficiarias por axudas de prevención de lumes xa teñen autorización para iniciar os traballos. Son 134 dun total de 399 comunidades de montes con subvención, segundo os datos da Consellería. O investimento total da Administración autonómica nas axudas de prevención é de 4 millóns de euros.

Medio Rural incide en que os traballos de prevención deben facerse, con especial incidencia, xusto antes da campaña de alto risco no verán, pois de acometerse antes, o resultado non sería óptimo, dado o alto ritmo de crecemento da biomasa en Galicia.

A Administración lembra ademais que tódalas comunidades de montes teñen obriga por lei de reinvestir na xestión do seu monte o 40% do total dos seus ingresos. “A elas correspóndelle xestionar e previr os lumes nas superficies das que son titulares. O que fai a Xunta -sinalan desde Medio Rural- é colaborar cos montes veciñais a través dunha liña específica de subvencións”.

Montes conveniados
En montes conveniados xestionados directamente por Medio Rural, a Consellería asegura que xa leva executado este ano máis de 500.000 euros en obras preventivas de incendios.

Desde o sector forestal, pola súa banda, lembran que o capítulo VI do Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) prevé un investimento superior ós 21 millóns de euros en montes conveniados, tanto en investimento directo de prevención (limpeza de cortalumes, rozas), como en traballos silvícolas de prevención indirecta.

De cara o próximo ano, Medio Rural sinala que baralla a posibilidade de “axilizar aínda máis” a convocatoria e tramitación das axudas para montes veciñais, así como intensificar os labores en montes xestionados.

Medidas complementarias
A Administración autonómica quere poñer en valor tamén outras medidas complementarias dirixidas ó sector forestal, como as axudas de tratamentos silvícolas -pendentes de resolución-, as de creación de sistemas silvopastorais ou as de redacción e revisión de plans de ordenación (pendentes de convocar). En conxunto, estas medidas superan os 9 millóns de euros, segundo Medio Rural.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información