Medio Rural anuncia a próxima convocatoria da Mesa da Castaña

A Consellería reunirá por primeira vez este órgano consultivo para abordar a situación sanitaria do castiñeiro e as posibilidades de recuperación dos soutos tradicionais

Medio Rural anuncia a próxima convocatoria da Mesa da Castaña

Visita de Medio Rural a un souto de Folgoso do Courel.

A Mesa da Castaña, un órgano consultivo promovido pola Xunta, reunirase este mes por primeira vez tras a súa constitución, segundo anunciou o conselleiro do Medio Rural, José González, que se desprazou a un souto de Folgoso do Courel (Lugo). No foro, no que participan os principais axentes ligados á castaña, abordarase a situación sanitaria dos soutos, xa afectados en toda Galicia pola avespiña do castiñeiro, e o plan de recuperación de soutos tradicionais que Medio Rural anuncia que quere impulsar.

O conselleiro, que visitou onte un souto en recuperación en Folgoso do Courel, asegura que a Xunta impulsará un plan de recuperación de soutos tradicionais. “Farase en diferentes fases, que contemplarán desde a identificación a e a caracterización de soutos ata a implantación dun modelo de aproveitamento da castaña (…) procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo”, explica Medio Rural en nota de prensa.

En Folgoso do Courel, estase desenvolvendo un proxecto piloto no que a Xunta investiu medio millón de euros. A experiencia consiste na roza de parcelas e na execución de camiños de acceso a soutos de Moreda, que irá seguida dunha última fase de poda sanitaria e de medidas de loita biolóxica. Estas intervencións servirán de modelo para actuar noutros soutos da comunidade, segundo a Consellería.

Na última campaña, cómpre lembrar que as zonas produtoras de castaña do oriente lucense, Ancares e Courel principalmente, sufriron unha das peores colleitas que se lembran debido a factores como a avespiña do castiñeiro e as nevaradas de outubro.

En canto á avespiña do castiñeiro, xa está presente en todas as zonas de Galicia con presenza de soutos. Para este ano, Medio Rural ten prevista a solta de 1,6 millóns de exemplares do insecto que combate a praga, o ‘Torymus sinensis’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información