Medio Rural alude á rendibilidade do eucalipto para explicar as plantacións ilegais

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, defende que a Xunta aplica a legalidade vixente e apela ó futuro Plan Forestal de Galicia como vía para lograr un novo equilibrio

Medio Rural alude á rendibilidade do eucalipto para explicar as plantacións ilegais

Plantación de eucaliptos nun antigo prado.

A forestación ilegal de terras agrarias no últimos anos chegou ó Parlamento de Galicia, onde o grupo socialista preguntoulle a Medio Rural polas medidas a adoptar ante a expansión do eucalipto en superficies agrícolas. Os socialistas lembraron o malestar de organizacións agrarias e grupos ecoloxistas, que cifran en máis de 30.000 as hectáreas plantadas de xeito ilegal, coa conseguinte redución de terras agrarias.

Contestou á pregunta o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, quen defendeu que a Xunta aplica a legalidade e advertiu das dificultades que entraña a planificación do territorio en Galicia. “Hai solos de especial protección agropecuaria que teñen piñeirais de 40 anos. Como se explica iso?. Son situacións complicadas de xestionar. Cando ese propietario corta, non lle deixamos plantar tras a corta, o que está poñendo ós propietarios en problemas”, cuestionou.

“Con independencia diso, nós estamos aplicando a lexislación e se nos chegan casos de forestación en solos rústicos de especial protección agropecuaria, denunciamos” -asegurou.- “Agora ben, tamén hai que dicir que as plantacións en terras agrarias fanse sen axudas públicas e na busca dunha rendibilidade. Unha cuestión importante que hai que ter en conta é que en Galicia, cando un propietario forestal quere cortar a súa parcela, vai ter ofertas pola súa madeira e vai ter quen lla corte”.

Plan Forestal de Galicia
Fernández Couto avogou por lograr un “novo equilibrio” no marco do Plan Forestal de Galicia, no que sinalou que se buscou o consenso de todas as partes, incluídos propietarios forestais, organizacións agrarias e ecoloxistas.

A ese respecto, desde o grupo socialista cuestionouse a eficacia do futuro Plan Forestal, que se presentará nas próximas semanas: “É un marco filosófico que non vai determinar a política forestal. Calquera que colla un coche e se dea unha volta por Galicia decatarase do descontrol, da ausencia de planificación e da falta de ordenación do territorio”, criticaron.

Una idea sobre “Medio Rural alude á rendibilidade do eucalipto para explicar as plantacións ilegais

  1. Fernando Insua

    Non creo que o Director Xeral chegara a decir esas declaracións, por que sería moi grave, a o meu modesto entender. Mais rentable sería plantar marihuana, pero eso non xustificaría que a administración non actuara para obrigar a o cumplimento da lei.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información