Medio Ambiente subvencionará en Rede Natura a sustitución de eucaliptos por frondosas

O obxectivo da medida é aumentar a superficie de árbores caducifolias coma o carballo e o bidueiro en áreas de montaña, turbeiras e queirogais. A Consellería destina 2 millóns de euros á iniciativa

Medio Ambiente subvencionará en Rede Natura a sustitución de eucaliptos por frondosas

Masa adulta de bidueiros.

A Consellería de Medio Ambiente publicará este mes unha liña de axudas para fomentar a sustitución de eucaliptos por carballos e bidueiros en zonas de Rede Natura 2000. As subvencións, que contan cun presuposto total de 2 millóns de euros, buscan aumentar a superficie de masas caducifolias en áreas de montaña e hábitats de interese coma turbeiras e queirogais húmidos.

A Xunta calcula que as axudas poderán beneficiar ata a 3.000 propietarios de terreos en zonas de Rede Natura. “Realizaranse pagos a aqueles particulares que adopten compromisos ambientais e climáticos máis estritos que os establecidos pola normativa vixente”, destaca a Consellería en nota de prensa. Medio Ambiente lembra que na actualidade está permitido replantar as masas de eucalipto xa existentes en Rede Natura 2000. Esta medida busca que os propietarios asuman o compromiso de retirar e sustituír esas plantacións co obxectivo de mellorar os espazos protexidos.

A medida irá dirixida a todas as zonas I (territorios cun nivel de conservación moi alto) e II (territorios cun nivel de conservación alto e medio) da Rede Natura 2000 das áreas de montaña. Outra opción é que os particulares opten pola sustitución de eucalipto sobre hábitats turbófilos e queirogais húmidos, polo que esta medida beneficiaría a todas as zonas da Rede Natura 200 onde se localicen este tipo de hábitats.

Queirogais húmidos e turbeiras
Na actualidade, existen na totalidade da Rede Natura de Galicia 6.100 hectáreas de turbeiras e 15.000 hectáreas de queirogais húmidos, distribuídas en 33 Zonas de Especial Conservación (ZEC).

Os hábitats de turbeira máis extensos sitúanse na Serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo; na provincia da Coruña, as máis relevantes están na zona de San Sadurniño e A Capela (ZEC Xubia-Castro) e en Toques (ZEC Serra do Careón). No caso da provincia de Ourense, hai bos exemplos de turbeira na ZEC Pena Trevinca (concellos de Viana do Bolo e A Veiga), na zona do Xurés (concellos de Verea e Quintela de Leirado) e no Macizo Central (concellos de Manzaneda, Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso) e, por último, no caso de Pontevedra, destacan as turbeiras da Serra do Cando, nos concellos de A Lama e Cerdedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información