Mantense aberto o prazo para tratamentos contra o cancro do castiñeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en colaboración con Medio Rural, tratou un total de 44.500 árbores nos últimos cinco anos

Mantense aberto o prazo para tratamentos contra o cancro do castiñeiro

Souto de castiñeiros.

A Consellería do Medio Rural informa de que aínda está aberto o prazo para solicitar o tratamento de inoculación de cepas hipovirulentas en pés que están afectados polo cancro do castiñeiro. Desta forma, todos aqueles que teñan pés danados nas súas parcelas poderán verse beneficiados dos tratamentos que está levando a cabo este departamento en colaboración coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.

Se o tempo non permitise levar a cabo estas tarefas, os solicitantes xa quedarían automaticamente rexistrados na base de datos para as inoculacións de 2017.

Estes traballos de innovación xurdiron no ano 2003 cun primeiro estudo profundo da natureza e distribución deste fungo na nosa comunidade autónoma, co obxecto de atopar as cepas hipovirulentas que permitisen controlar e diminuír esta enfermidade ao estar en contacto coas cepas daniñas. Logo de desenvolver os inóculos hipovirulentos, procedeuse a levar a cabo estes tratamentos en parcelas experimentais. Tralos resultados positivos acadados, no ano 2011 comezouse a traballar fóra destas parcelas para así sanear os soutos públicos e privados.

Desde 2011 foron 44.500 os castiñeiros afectados polo cancro que recibiron o tratamento, 20.000 deles o pasado ano.

Presentación de solicitudes
De cara a realizar a solicitude, os interesados poden dirixirse aos servizos de Ordenación e Produción Forestal provinciais, aos distritos forestais ou ás oficinas agrarias comarcais, tanto por teléfono como en persoa. Así mesmo, a empresa pública Seaga habilita un número de teléfono (881 997 045) onde se pode chamar para comunicar a petición do tratamento todos os días da semana, incluíndo sábados e domingo nos seguintes horarios: de luns a venres de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas; e os sábados e domingos de 09:00 a 14:00 horas (o servizo de fin de semana funcionará ata o 15 de decembro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información