Máis de 700 silvicultores formáronse en Forest-IN, unha alianza internacional na que participou a Asociación Forestal de Galicia

As actividades de formación desenvolvéronse ao longo de tres anos grazas a unha alianza estratéxica para a educación forestal entre asociacións de España, Portugal e Francia

Máis de 700 silvicultores formáronse en Forest-IN, unha alianza internacional na que participou a Asociación Forestal de Galicia

Xornada de Forest-In

Máis de 700 persoas recibiron formación en silvicultura sustentable grazas a Forest-IN, unha alianza estratéxica para a educación forestal, na que participaron a Asociación Forestal de Galicia, a Universidade de Aveiro (Portugal), a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), e a Asociación Bosque Modelo da Provenza (Francia).

O proxecto Forest-IN, co-financiado polo programa Erasmus+, desenvolveuse ao longo dos tres últimos anos en Francia, Portugal e España. Grazas a el silvicultores, técnicos e representantes de organizacións galegas tiveron ocasión de ver e aprender de prácticas forestais de moi diversa índole que se están a desenvolver en Portugal e Provenza (Francia) e dende Galicia amosóuselle a portugueses e franceses exemplos de xestión forestal.

Segundo Carlos Fonseca, investigador do Departamento de Bioloxía e do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar da Universidade de Aveiro e coordinador do proxecto, “o principal obxectivo do Forest-IN foi explicar que é esencial facer silvicultura baseándose nos coñecementos máis actualizados e coas mellores prácticas forestais dispoñibles, non só para o sector, senón para toda a sociedade”.

Para elo, o proxecto adoptou unha perspectiva inclusiva ao involucrar aos propietarios rurais, a miúdo descoidados e/ou esquecidos nos debates sobre a dimensión territorial e o monte, así como á administración, as ONGs, a industria, a universidade e outros axentes relevantes do sector. “Forest-In explicou á sociedade e ao propio sector o poder dos silvicultores para mellorar o medio ambiente, a economía e mesmo a sociedade, poñendo en marcha pequenos e simples cambios na práctica silvícola”, subliña Carlos Fonseca.

Resultados de Forest-In

O 24 e 25 de xullo tivo lugar o seminario de clausura do proxecto Forest-IN na Universidade de Aveiro. O evento foi dirixido sobre todo aos propietarios e xestores forestais, así como ás súas organizacións representantes, e dun modo transversal, aberto á sociedade en xeral. No acto tamén se presentaron algúns dos resultados do proxecto:

-Cinco accións de sensibilización e capacitación, cunha duración de 3 días (tres en Portugal, un en Francia e un en Galicia), nos que participaron máis de 600 persoas.

-Catro accións de formación, cunha duración de 5 días, nas que se formaron máis de 130 persoas.

-Unha páxina web, www.forest-in.eu , como plataforma de comunicación/divulgación e repositorio dos produtos xerados polo proxecto.

-Unha aplicación para móbil para a capacitación/aprendizaxe sobre xestión forestal sostible, incluíndo ferramentas prácticas e conceptuais, con contidos que van desde a política forestal á divulgación de boas prácticas.

-Unha ferramenta de aprendizaxe autónoma.

-Un informe técnico do proxecto e un informe para leigos para a diseminación do proxecto e dos seus resultados.

A divulgación foi concibida en varios planos de comunicación adaptados aos diferentes interlocutores e públicos. Contouse con dúas contas nas redes sociais (Facebook e Twitter), que foron visitadas e compartidas por aproximadamente un millón de persoas.

Para saber máis: www.forest-in.eu e [email protected]

forest in 2

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información