A madeira deixou 278 millóns de euros nos propietarios forestais galegos no 2018

A Asociación Forestal de Galicia destaca a repercusión económica dos aproveitamentos entre particulares e comunidades de montes, así coma o seu impacto na xeración de emprego

A madeira deixou 278 millóns de euros nos propietarios forestais galegos no 2018

Galicia cortou 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira o último ano, o que para propietarios forestais particulares e comunidades de montes supuxo uns ingresos duns 278 millóns de euros, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia.

As cortas con destino industrial concentráronse, como vén sendo habitual, en eucaliptos (5,8 millóns de metros cúbicos) e piñeiros (3,5 millóns de metros cúbicos), en tanto o conxunto das frondosas caducifolias quedouse en 293.000 metros cúbicos. Se se teñen en conta as cortas de frondosas para leñas domésticas (rebolos, carballos, bidueiros, etc.), habería que contabilizar alomenos outro millón de metros cúbicos de cortas, segundo as estimacións do sector.

Os ingresos derivados da venda de madeira procederon principalmente do eucalipto, cuns 204 millóns de euros -dos que 41 millóns corresponden ó eucalipto nitens-. O piñeiro aportou outros 73 millóns de euros, unha cifra que, aínda que só representa un cuarto do total da facturación das vendas de madeira en pé, “é fundamental como recurso económico de moitos propietarios forestais e de centos de serradoiros e empresas de transformación asociadas a esta especie”, destaca a Asociación Forestal de Galicia nun artigo do último número da súa revista ‘O Monte’.

En piñeiro, as vendas de madeira de rolla de primeira estímanse en 39 millóns de euros; as de rolla de segunda en 18 millóns de euros e as de puntal para trituración en 16 millóns de euros.

Distribución provincial
A análise da distribución provincial das cortas de madeira revela que máis da metade corresponden á provincia da Coruña, que acumula o 52%; seguida de Lugo, co 36%. Na provincia da Coruña, cortáronse no 2018 uns 3,3 millóns de metros cúbicos de eucalipto e uns 900.000 de piñeiro; en tanto en Lugo taláronse 1,9 millóns de metros cúbicos de eucalipto e 1,8 de piñeiro.

Pontevedra tamén ten máis cortas de eucalipto que de piñeiro (542.000 toneladas do primeiro por 450.000 do segundo), en tanto en Ourense, cunha actividade forestal residual, o piñeiro é o gran protagonista, cunhas cortas de 216.000 toneladas.

Por distritos forestais, seis dos 19 distritos concentran o 70% das cortas de Galicia, tres en Lugo (Mariña lucense, Lugo – Sarria e Terra Cha) e tres na Coruña (Mariñas Coruñesas – Bergantiños, Ferrol e Santiago – Meseta Interior).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información