Lucenza: un exemplo de unión veciñal para previr os lumes no monte

Os veciños desta aldea do concello de Cualedro (Ourense) decidiron actuar tras o devastador lume que arrasou a Serra do Larouco en 2015. Este mes comezarán as obras para pechar boa parte do monte veciñal onde están a introducir cabalo galego e vaca cachena para aproveitar a biomasa.

Lucenza: un exemplo de unión veciñal para previr os lumes no monte

O devastador incendio de agosto de 2015 que arrasou boa parte da Serra do Larouco, con máis de 3.500 hectáreas queimadas, supuxo un antes e un despois para os veciños de Lucenza, unha aldea de Cualedro, un dos concellos máis afectados por aquel desastre.

A Asociación de Veciños de Lucenza -un pobo de apenas 80 persoas-, e a comunidade de montes da localidade decidiron dar un paso adiante para por en valor o Monte das Chairas, un monte comunal de 175 hectáreas que periodicamente era pasto do lume.

“Neste monte hai anos pacían máis de 2.000 ovellas que o mantiñan limpo, pero co declive da actividade agrogandeira e a despoboación, o monte veciñal quedou abandonado e cubriuse de matogueira que de forma cíclica era pasto do lume”, explica Jose Bailón Fernández, apicultor e tesoureiro da Asociación de Veciños.

Para rachar con esta dinámica, este ano comezaron cun proxecto para introducir cabalo de raza galega e vaca cachena, dúas especies autóctonas que son auténticos apagalumes, ao pacer tanto toxo, xesta como o resto de biomasa.

“Empezamos pechando 15 hectáreas, nas que temos 16 cabezas de vaca Cachena -12 nais, 1 touro e tres becerros que naceron este verán-, e 5 cabalos que foron cedidos pola Asociación Cabalo de Pura Raza Galega”, explica Jose.

Unha experiencia piloto para rachar cos lumes forestais na comarca de Verín, a máis castigada polos incendios en Galicia

Este proxecto de prevención dos lumes forestais mediante o silvopastoreo acordaron presentarllo tamén á Consellería do Medio Rural que decidiu apoialo como experiencia piloto para frear os incendios no distrito forestal con maior actividade incendiaria de Galicia, como é o de Verín.

A axuda da Consellería, 150.000 euros, destinarase a valar 42 hectáreas do monte comunal cun peche fixo, cun perímetro de 3,5 quilómetros, así como para construír unha pista de acceso dende a aldea de Lucenza ata o monte. Tamén se adquirirá unha manga de manexo para os animais e se construirá un galpón para que se podan resgardar nos días de choiva. As obras, que executará a empresa pública Tragsa, está previsto que se inicien a mediados deste mes de outubro.

“A nosa idea é seguir recriando e chegar a ter un rabaño de 35 vacas e 6 cabalos nesas 42 hectáreas. E unha vez que academos un tamaño, certificarnos en ecolóxico e vender unha parte dos becerros”, explica José Luis.

DESTACADO: “Se o proxecto vai ben, non descartamos ampliar o pastoreo a todo o monte comunal”

E se o proxecto se consolida, non descartan ampliar o pastoreo e o peche eléctrico ás 175 hectáreas do monte comunal, unha parte do cal está plantado con piñeiros. “Agora mesmo os piñeiros son pequenos, pero máis adiante as vacas e os cabalos poderían encargarse de debrozalos”, explica. “O obxectivo principal é ter o monte limpo, unir aos veciños e que os ingresos que se xeren reinvestilos no pobo e no proxecto”, engade Jose Luis.

Os traballos dos veciños e veciñas de Lucenza : 

Os veciños recollendo herba para as vacas

A dispoñibilidade de alimento non é un problema para o gando nesta zona: e é que xunto á abundante xesta, carqueixa e tamén toxo e pasteiros, neste monte das Chairas hai puntos de auga, e durante o verán complementan con rolos de herba seca procedentes de parcelas abandonadas da aldea.

Un proxecto que contribuíu a unir á veciñanza

Ademais, o proxecto está contribuíndo a reforzar os lazos entre os veciños. “É un proxecto que está unindo ao pobo. Para os traballos xuntámonos ata 30 persoas os sábados pola tarde ou os domingos pola mañá, levamos unhas empanadas e xantamos xuntos”, recoñece o tesoureiro da asociación de veciños, que no seu momento apoiou maioritariamente esta iniciativa. Os propios veciños (Faustino, David, Mario, José, Fernando, Camilo ou Delfín, son algúns deles- tamén fan quendas todos os días para ir vixiar o gando ao monte, e levarlle anacos de pan ou mazás.

O pasado ano os veciños de Lucenza inauguraron en plena Serra do Larouco -un deus celta adorado nesta comarca antes da chegada dos romanos- un banco dende o que se divisaba a paisaxe calcinada polo lume de 2015. Os nenos de Cualedro plantaron xunto a el 25 carballos e castiñeiros, e bautizárono como o “O Banco da Esperanza”, un símbolo da ilusión por un futuro mellor para o seu monte que agromou con esas árbores e co proxecto dos veciños e veciñas de Lucenza.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información