Lourizán está a un paso de catalogar piñeiros resistentes ó nematodo

O Centro de Investigación Forestal ultima a avaliación de datos dos seus ensaios para decidir que material lle transferirá ó sector nun futuro. Identificou árbores tolerantes que sobreviviron ata a tres inoculacións da praga en invernadoiro

Lourizán está a un paso de catalogar piñeiros resistentes ó nematodo

Plantas de piñeiro en Lourizán preparadas para novos ensaios co nematodo do piñeiro.

Galicia está máis preto de contar con plantas de piñeiro que sexan resistentes ó nematodo. O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán tramitará proximamente a catalogación de familias de piñeiros que presentan unha alta supervivencia á praga. O equipo de Lourizán que traballa co nematodo, coordinado por Raquel Díaz, identificou un mínimo de tres familias que presentan unha alta tolerancia á praga, unha delas con ata un 82% de supervivencia en condicións de invernadoiro, fronte a unha media do 61% do resto de materiais seleccionados para a fase final de avaliación. Tamén se identificaron, dentro de cada familia, árbores especialmente tolerantes que sobreviviron ata a tres inoculacións do nematodo.

“Os ensaios en invernadoiro funcionaron moi ben” -valora a investigadora Raquel Díaz-. “Na natureza, as circunstancias son distintas, pero todo apunta a que temos material que podería resistir ó nematodo no monte”, asegura. “En ensaios repetidos en invernadoiro ó longo de varios anos, constatamos que contamos con entre 3 e 5 familias, procedentes do noso programa de mellora xenética, que presentan unha alta supervivencia ó nematodo. Nestes momentos, estamos en plena análise dos datos dos 6 anos que levamos traballando con este patóxeno de corentena para decidir que material se podería catalogar como máis resistente”, explica.

A decisión do material a catalogar como tolerante tomarase nos próximos meses. “O material que catalogaremos no Ministerio de Agricultura ofrecerá ganancias importantes de supervivencia fronte á praga” -avanza a investigadora-. “Gustaríanos dar un salto maior e ofrecer mesmo maiores porcentaxes de supervivencia, pero somos conscientes de que o tempo aprema e decidimos comezar a ofrecer material que xa ofrece certa resistencia”, conclúe Raquel Díaz.

Piñeiros que resistiron a tres inoculacións do nematodo, ao fondo, xunto con plantas que sobreviviron este ano, en primeiro plano.

Piñeiros que resistiron a tres inoculacións do nematodo, ao fondo, xunto con plantas que sobreviviron este ano, en primeiro plano.

Multiplicación do material resistente
A catalogación de familias de piñeiros resistentes ó nematodo é o primeiro paso para que nun futuro comunidades de montes e propietarios forestais teñan acceso a planta tolerante á praga. En que prazo pode estar esa planta a disposición do sector?. Polo momento non hai unha resposta sinxela.

O proceso de catalogación é un trámite administrativo que, se Xunta e Goberno central traballan coordinadamente, podería realizarse en menos dun ano. O seguinte paso é o inicio dos labores de enxertado e plantación en campo do material que se vai rexistrar. É por iso que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán xa comezou co enxertado, para ir gañando tempo, pois unha vez plantados en campo, haberá que esperar uns anos para a obtención das primeiras sementes.

Na actualidade, están a estudarse outros posibles materiais que poderían ser de interese e que mesmo terían unha maior resistencia, pero están aínda en fase de estudo, polo que se precisa aínda de certo tempo para podelos catalogar.

Os medios humanos e materiais que se destinen a estas investigacións no Centro de Investigación Forestal de Lourizán serán un factor clave a ter en conta se se pretende acurtar prazos.

Raquel Diaz, no centro, xunto á investigadora María Menéndez (dereita) e a Maribel, traballadora do viveiro do Centro.

Raquel Diaz, no centro, xunto á investigadora María Menéndez (dereita) e a Maribel, traballadora do viveiro do Centro.

Raquel Díaz. Investigadora do CIF Lourizán

“Sería un erro que se producise unha substitución masiva de piñeiros por eucaliptos”

O nematodo do piñeiro, a peor praga que poden sufrir os piñeirais, é unha ameaza crecente para as masas do sur de Galicia. Este inverno declaráronse cinco novos focos do problema no sur de Pontevedra, que se suman aos dous focos anteriores -As Neves (2010) e Salvaterra (2016)-, e é previsible que a fronte principal da praga, que se estende imparable por Portugal, chegue á fronteira galega antes de 2022.

No caso de que a praga se estenda polo sur de Galicia, que impacto tería nos piñeirais?
– É difícil anticipalo. O que temos claro é que a mellor contención fronte á praga pasa pola silvicultura e coidado do monte, por eliminar todos os pés decaídos e por efectuar un trampeo eficaz do insecto vector da praga, o “Monochamus galloprovincialis”.

En España, a Universidade de Valladolid, coa que colaboramos activamente desde o ano 2011 con diversos proxectos, está a efectuar melloras no sistema de trampeo do “Monochamus”, buscando os mellores atraíntes e trampas seguras, que eviten fugas dos insectos. Será importante ir implementando todas estas melloras.

En Portugal levan xa dúas décadas convivindo coa praga, que se detectou por primeira vez nas proximidades de Lisboa no 1999. Que sucedeu no país veciño?
– Como é sabido, en Portugal non foi posible conter a praga e estendeuse como unha mancha de aceite por boa parte do país. O que vin nalgunhas das primeiras zonas afectadas, no centro sur de Portugal, é que os piñeirais transformáronse en dehesas. Esta gran mortaldade é unha situación moi negativa para o propietario e, en definitiva, para todo o sector forestal, está claro.

Con todo, a supervivencia dalgúns piñeiros en zonas que levan xa 20 anos convivindo coa enfermidade é un dato para a esperanza para os que nos dedicamos á mellora xenética, pois indica que hai árbores capaces de resistir a enfermidade en monte, polo que está claro que é posible atopar piñeiros resistentes.

Ante un futurible escenario de mortandades masivas, é posible que boa parte dos propietarios e comunidades de montes do sur de Pontevedra opte por sustituír os piñeirais por eucaliptos?
– Cada propietario fará o que poida e considere mellor, tendo en conta a lexislación vixente. Con todo, desde o punto de vista da sanidade vexetal, non recomendaría ese cambio porque podería ser negativo orientar todo o monte a unha ou dúas especies. Se non conservamos certa diversidade, quedamos abocados a correr moitos riscos ecolóxicos e económicos. O que debemos é profundar no coñecemento das especies que temos actualmente no monte e ofrecer solucións a todos os problemas que vaian aparecendo.

“Se non conservamos certa diversidade no monte, estamos abocados a correr moitos riscos ecolóxicos e económicos”

Substituír piñeiro por eucalipto nitens, por exemplo, pode parecer unha boa idea porque quizais agora este eucalipto non teña grandes problemas sanitarios, pero nuns anos chegaranlle enfermidades ou pragas que lle afecten, pois estamos nun mundo globalizado. Iso é o que pasou co eucalipto globulus, que nun principio se desenvolvía sen ningunha praga en Galicia, ata que chegou o gurgullo. É por iso que o importante é coñecer ben as especies que temos no noso monte, e así poder facer fronte aos distintos problemas que vaian xurdindo.

Existen coníferas como a sequoia ou o piñeiro taeda que son resistentes ó nematodo. Velas como unha alternativa interesante para Galicia, en substitución do piñeiro do país?
– É certo que en Galicia temos coníferas moi susceptibles ó nematodo, tanto no caso do “Pinus pinaster” (piñeiro do país) como do “Pinus radiata” (piñeiro insigne), e claro que existen outras especies de coníferas resistentes, pero volvemos ó mesmo. Sempre van chegar enfermidades novas que poderían afectar a estas outras coníferas. Co piñeiro, en Galicia desenvolvemos un programa de mellora xenética de décadas e temos moito coñecemento adquirido e transferido. Debe ser a nosa prioridade.

“É certo que a sequoia, a criptomeria ou o piñeiro taeda son resistentes ó nematodo, pero descoñecemos moito da súa adaptación a Galicia”

De forma organizada, poden facerse plantacións doutras coníferas e comezar a estudar o seu comportamento e adaptación ó noso monte, pero hai que ser conscientes de que poderán verse afectadas por enfermidades actuais ou outras novas que estean por chegar.

Por exemplo, en Francia hai investigadores que non se atreven a recomendar o uso de piñeiro taeda, pois comprobaron que é bastante susceptible a outras enfermidades que xa teñen no país. Con todo, en parcelas establecidas por outros investigadores do noso Centro hai uns anos, esta especie está a mostrar un bo comportamento, non presentando problemas sanitarios destacables; aínda que hai que matizar que estas plantacións son aínda de pouca idade. Doutra banda, tamén habería que pensar cal sería o uso madeireiro destas novas especies nun futuro.

En Lourizán, por petición da Asociación Forestal de Galicia, realizamos ensaios sobre o impacto do nematodo noutras coníferas e comprobamos que a sequoia e a criptomeria son resistentes ó nematodo. Sabemos tamén que o piñeiro taeda é resistente, pero co piñeiro de Oregón (“Pseudotsuga menziesii”), en cambio, non chegamos a unha conclusión definitiva.

“En zonas vulnerables ó nematodo, o futuro debería pasar pola plantación de material resistente tras corta”

Nos piñeirais galegos, ata agora era unha práctica habitual promover a rexeneración natural da masa tras a súa curta. En zonas vulnerables ó nematodo, hai que pensar xa en promover plantacións de material resistente tras curta?
– Ese debería ser o futuro, sen dúbida. A contención da praga, coa eliminación de pés sintomáticos e co trampeo do insecto vector, é fundamental, pero hai que traballar tamén na creación de piñeirais resistentes ó nematodo. En Xapón, que é un país que leva décadas convivindo coa enfermidade, é a vía pola que apostaron, unha vez que non foron capaces de conter a praga. Cada ano plantan millóns de coníferas resistentes.

Os piñeiros que queredes catalogar como resistentes, que comportamento teñen a nivel madeireiro?
– Son piñeiros procedentes dos hortos sementeiros do noso programa de mellora xenética. Sobre estes piñeiros que queremos catalogar como resistentes, ofreceremos información de dous tipos. Por unha banda, sobre a ganancia que presentan en superviviencia fronte á praga, e por outro, sobre as melloras que achegan en crecemento e rectitude. Quizais non sexan os punteiros en crecemento, pero estarán mellorados por resistencia ó nematodo.

Incógnitas por resolver e ensaios máis áxiles

Que lle outorga maior resistencia fronte á praga a uns individuos ou a unhas familias de piñeiros?. É unha cuestión que intriga aos investigadores e que se prevé estudar nos próximos anos. “Se chegamos a entender que teñen esas árbores de especial, poderemos buscar máis facilmente outros individuos resistentes” -explica Raquel Díaz.- “Temos que estudar tamén se o nematodo segue na árbore, sen que este amose síntomas, ou se a árbore chega a matar ó nematodo”.

A perspectiva é que os ensaios futuros permitan valorar a capacidade de resistencia de piñeiros adultos a partir de pólas recollidas en monte

Outra fronte na que traballa Lourizán é na posta a punto de ensaios complementarios aos actuais. Ata agora, o Centro enfocouse en realizar inoculacións da praga en planta e en comprobar a súa evolución durante un ciclo vexetativo. Son ensaios en invernadoiro, que se fan de ano en ano, pero xa se comprobou que existen outras posibilidades máis áxiles.

“Podemos cortar pólas e avalialas en laboratorio en menos dun mes, analizando a multiplicación do nematodo nese material. É unha técnica que xa probamos comparando distintas especies de coníferas e ofreceu resultados moi parellos aos ensaios en invernadoiro. Agora queremos comprobar se serve tamén para diferenciar árbores resistentes traballando só cunha especie de piñeiro. Isto permitiríanos recoller pólas en monte de piñeiros adultos para valorar a resistencia desas árbores”, detalla a investigadora.

Cepa agresiva do nematodo
Os ensaios do Centro de Investigación Forestal de Lourizán están a efectuarse coa cepa de nematodo detectada nas Neves no 2010, unha cepa que se comprobou que se comportaba de forma agresiva cos piñeiros.

“Comparamos a nosa cepa con outras seis que pedimos de distintas procedencias (2 de Portugal, 2 de Xapón, 1 de Estados Unidos e outra de España), especificando que solicitabamos cepas virulentas, e na comparativa, a nosa cepa demostrouse entre as máis virulentas. É algo negativo en monte, pero positivo a nivel das nosas investigacións. Quere dicir que nos nosos ensaios en invernadoiro, o material asintomático probablemente tamén sexa resistente a outras cepas futuras que nos poidan chegar”, explica Raquel Díaz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información