Lourizán busca variedades de castiñeiros resistentes á praga da avispiña

O Centro de Investigación Forestal está a facer ensaios controlados en invernadoiro para comprobar se hai pés autóctonos que presenten menores danos. O sector agarda que na próxima primavera se xeneralice a loita biolóxica

Publicidade
Lourizán busca variedades de castiñeiros resistentes á praga da avispiña

Plantación de castiñeiros.

A avispiña de castiñeiro, unha praga detectada en Galicia por primeira vez no 2014, preocupa no sector polos intensos danos que é capaz de provocar tanto sobre as árbores como sobre a súa produción de castañas. En Italia, tivo durante anos efectos devastadores, polo que o seu control tanto en Galicia como no resto de España convertiuse nun obxectivo prioritario. A principal liña de combate a curto prazo céntrase na loita biolóxica, se ben de cara ó futuro, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán considera tamén de interese a identificación de variedades autóctonas que poidan presentar resistencias á praga.

Esta liña de traballo iniciouse coa recollida en campo de larvas da avispiña co obxectivo de crear un insectario controlado de cría. Os ensaios consisten na solta de exemplares da praga nun invernadoiro de peches herméticos no que se cultivou material seleccionado de castiñeiro.

Bugallos da avespa do castiñeiro nunha folla e nun amento. / Imaxe: Areeiro.

Bugallos da avespa do castiñeiro nunha folla e nun amento. / Imaxe: Areeiro.

As primeiras probas, de cara a afinar a metodoloxía de traballo, fixéronse con 10 clons híbridos de castiñeiros de madeira. Lourizán busca comprobar se hai plantas que presenten menos bugallas da avispiña. Esta próxima primavera extenderanse as probas a variedades autóctonas de castiñeiros de froitos.

Polo de agora, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán non pode ofrecer conclusións, segundo se sinalou nunhas xornadas sobre o castiñeiro que se celebraron recentemente en Santiago, pero a investigadora que traballa no proxecto, Beatriz Míguez, si adiantou que nas primeiras probas se detectou un menor impacto da avispiña en parte dos pés. Será preciso continuar cos ensaios para comprobar se é posible confirmar fontes de resistencia no material vexetal sometido ós ensaios.

Loita biolóxica
No curto prazo, a loita biolóxica é a principal esperanza do sector para o control da praga. Esta primavera, a Administración autonómica fixo unha solta experimental de arredor de 10.000 exemplares de ‘Torymus sinensis’, un parásito da avispiña que se presenta como a vía máis efectiva de combate. Para o próximo exercicio, os produtores agardan que o Ministerio de Agricultura autorice a xeneralización da loita biolóxica.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información