corta piñeiros resinados caldas

Lourizán analiza a compatibilidade do aproveitamento da resina de piñeiros co uso madeireiro

O Centro de Investigación Forestal, coa colaboración de Finsa, procede á corta de 45 pés dun piñeiral resinado en Caldas de Reis. A empresa madeireira aserrará as árbores e avaliará a calidade das táboas resultantes

O resinado de piñeiros do país, unha actividade da que se están a desenvolver numerosas experiencias en Galicia, afronta estes días unha proba decisiva. Contrastados xa os datos de produción do resinado en Galicia, onde é posible obter rendementos medios que superan os 3 quilos anuais por árbore, toca agora comprobar que a resinación é compatible co aproveitamento madeireiro dos piñeiros. Para iso, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, coa colaboración de Finsa, vén de cortar 45 pés dunha masa resinada en Caldas de Reis os últimos tres anos.

O sistema de resinación que se está a seguir en Galicia, na liña das propostas de Lourizán, é o resinado a fin de quenda, os anos previos á corta das árbores. É un sistema diferente ó que se segue nas grandes zonas resineiras de España, nas que realizan resinados da mesma árbore durante 25 anos, o que si ten repercusións sobre o seu aproveitamento madeireiro.

Finsa procederá a avaliar cuestións coma a dureza, a porcentaxe de aproveitamento ou o comportamento das táboas no secado

As expectativas do CIF Lourizán apuntan a que o resinado a fin de quenda poida ser unha práctica axeitada para Galicia cando se compatibilice coa obtención de madeira de calidade. Estes días, o Centro, en colaboracion coa empresa Finsa, procedeu á corta de 45 pés dun piñeiral da comunidade de montes de San Clemente, en Caldas, co obxectivo de verificar as características da madeira. Cortáronse 30 piñeiros resinados durante os últimos tres anos e outros 15 testigos sen resinar, todos eles en turno de corta, con 30 anos de idade.

Finsa procederá agora ó aserrado da madeira para verificar cuestións como a súa dureza ou a porcentaxe de aproveitamento da árbore despois do descascado. Nas táboas resultantes, comprobarase tamén o seu comportamento no secado e no acabado final, logo dun cepillado.

Por parte do Centro de Investigación Forestal, examinarase ademais se o resinado influíu ou non nunha míngua do crecemento das árbores estes tres últimos anos. As conclusións destes traballos, que se coñecerán previsiblemente no prazo dunhas semanas, permitirán comprobar se, como se espera, o resinado de piñeiros na liña proposta é compatible co aproveitamento madeireiro.

“O aproveitamento da resina xera beneficios económicos e outros, coma o control do mato e a vixilancia do monte” (Enrique Martínez)

Potencialidades
O director do CIF de Lourizán, Enrique Martínez, destaca a potencialidade do resinado en Galicia e os beneficios que lle aporta ó monte. “O resinado de piñeiros a fin de quenda, os tres anos anteriores a súa corta, pode aportar uns rendementos totais de 9-12 quilos de resina, o que representa uns ingresos adicionais de 9-12 euros por árbore, dos que habería que descontar custos de extracción”- valora.- “Pero máis alá do beneficio económico, o resinado implica unha actividade no monte, a realización de rozas que reducen o mato e unha vixilancia contra os lumes na época de verán, que son cuestións de moito interese para as comunidades de montes veciñais”, destaca.

Esas perspectivas apuntan a que o resinado se poida consolidar en Galicia como unha actividade complementaria ós aproveitamentos madeireiros. Unha vez que se comprobe a compatibilidade de ambos usos, o Centro de Investigación Forestal ten previsto perfeccionar as recomendacións sobre o método de extracción máis axeitado para Galicia. Para esta cuestión, valorará tanto a resina obtida coma o traballo preciso por parte do resineiro, na busca de determinar unha axeitada combinación entre un método produtivo co menor tempo de traballo posible.