A loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro naufraga en Galicia

Un mostreo de ‘Torymus sinensis’, o insecto empregado para combatir a praga, constata en Galicia un parasitismo case nulo tras as soltas do periodo 2015-2017. Precísanse máis estudos e datos sobre o impacto das soltas do 2018 e 2019

A loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro naufraga en Galicia

Bugalla nun castiñeiro provocada por unha posta de ovos da avespiña.

A avespiña do castiñeiro, o peor pesadelo dos produtores de castaña, está completando a infestación de tódolos soutos galegos sen atopar a penas resistencias, pois a loita biolóxica emprendida contra a praga colleitou ata o de agora un éxito escaso. As soltas de ‘Torymus sinensis’, o insecto encargado de combatir á avespiña, demostráronse ineficaces nos primeiros anos, segundo revela un estudo no que participaron investigadoras da Escola Politécnica de Lugo (USC).

Os efectos da avespiña do castiñeiro xa se deixaron sentir na colleita de castañas do pasado ano, polo que o sector tiña postas as súas esperanzas na loita biolóxica contra a praga, o único método coñecido para encarar o problema. As postas de ovos da avespiña xeran agallas que dificultan o desenvolvemento das árbores, debilítanas e reducen a súa produción de froitos, coas conseguintes perdas no agro.

Espérase que as liberacións masivas de ‘Torymus’ no 2018 e no 2019 estean a cambiar o escenario, unha cuestión á que parecen apuntar os últimos mostreos

Co fin de encarar o problema, a Xunta procedeu a soltas experimentais de 220.395 individuos de ‘Torymus sinensis’ no periodo 2015-2017, en tanto que no 2018 liberáronse 704.000 e para a campaña 2019 anunciáronse soltas de 1,6 millóns de ‘Torymus’.

O resultado das primeiras soltas demostrouse case nulo, como revela un estudo realizado pola Escola Politécnica de Lugo. De 4.871 bugallas recolectadas en 33 puntos de Galicia entre o 2017 e principios da primavera do 2018, só se logrou a recuperación dun único ‘Torymus sinensis’ en Riós (Ourense), onde comezou a liberación controlada no 2017.

Outra investigación logrou a recuperación en Galicia de 12 ‘Torymus’, pero en calquera caso trátase dunha baixa taxa de establecemento do insecto, en comparación co que é habitual. En Málaga, no periodo 2015-2017, soltáronse 41.000 ‘Torymus’ e o estudo no que participou a Escola Politécnica de Lugo logrou a recuperación de 275, confirmando unha taxa de parasitismo das postas de ovos da avespiña do 0,51%.

Son datos que apuntan a un establecemento exitoso da praga en Andalucia, un bo resultado que tamén se repetiu en Madrid, onde se fixo unha primeira solta experimental e se confirmou posteriormente unha taxa de parasitismo do 3,69%.

É unha incógnita o motivo do fracaso das primeiras soltas en Galicia, aínda que espérase que as liberacións masivas de ‘Torymus’ do 2018 e do 2019 estean a cambiar o escenario de xeito importante. Os datos das investigadoras da Escola Politécnica María Josefa Lombardero e Diana Blanco apuntan á emerxencia de ‘Torymus’ en mostras adicionais recolectadas no 2018-2019, segundo se indica nun artigo recentemente publicado na revista ‘Forest Systems’. En concreto, as investigadoras sinalan a recuperación de 5 individuos no lugar de Merouzo Pequeno (Ourense).

O artigo, no que se aborda a situación das poboacións de ‘Torymus sinensis’ na Península Ibérica, apunta a necesidade de máis estudos para comprender se a liberación de ‘Torymus sinensis’ é máis probable que falle en certas condicións ambientais ou climáticas, como as que se dan en Galicia.

Dispersión natural de ‘Torymus’ procedentes de Francia

A liberación masiva de ‘Torymus sinensis’ en España foi postergada durante anos polo Goberno co argumento de que había que comprobar o seu impacto sobre as poboacións autóctonas de insectos e valorar tamén posibles hibridacións. Son prevencións que os investigadores consideran correctas, pero tamén é certo que entre tanto, os ‘Torymus’ estaban xa entrando de xeito natural pola fronteira francesa, segundo revela o estudo da especie agora publicado en ‘Forest Systems’.

Os investigadores recuperaron ‘Torymus’ en tres puntos do País Vasco, noutro en Navarra e en dous puntos de Cataluña. Son todas elas comunidades nas que non se fixo ningunha solta ata o de agora e que están moi distantes dos puntos de liberación autorizados en España, polo que dáse por seguro que os ‘Torymus’ alí recuperados proceden de Francia.

Especialmente significativa foi a taxa de parasitismo das postas de ovos da avespiña do castiñeiro en Guipuzcoa. En Lezo, nun dos enclaves mostreados, foi dun 4,88%, en tanto que no Jaizkibel, a escasos quilómetros da fronteira, chegouse a un 8,29% de parasitismo.

Capacidade de desprazamento
En puntos máis distantes da fronteira, como a provincia de Vizcaya (País Vasco) ou Cantabria, non se detectan polo de agora ‘Torymus’, pero espérase que a dispersión natural dos individuos xa presentes en Guipuzcoa e Navarra continúe ó longo dos próximos anos por todo o norte da Península Ibérica. Descoñécese a que velocidade se van a dispersar. Estes primeiros anos de presenza nos bordes coa fronteira francesa semellan ter sido dunha expansión lenta, pero os datos que se teñen sobre a dispersión natural da especie son esperanzadores.

En Xapón, o primeiro país onde se introduciu o ‘Torymus’ para loitar contra a avespiña do castiñeiro, comprobouse que nos primeiros anos a súa dispersión natural era inferior a 1 quilómetro, pero ía aumentando de xeito progresivo, ata chegar a unha capacidade de expansión constante de 60 quilómetros por ano. En Italia tamén se comprobou que a dispersión natural do ‘Torymus’ pode acadar os 70 quilómetros ó ano.

Ante esa capacidade de expansión, en Galicia sería de interese coñecer a implantación que logran as soltas de ‘Torymus’ que se están facendo no norte de Portugal, pois existe unha posibilidade de dispersión natural ó sur ourensán nos próximos anos, unha cuestión xa comentada entre produtores galegos nos últimos años.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información