“Limpar o monte con gando pacendo é dez veces máis barato que rozalo mecanicamente”

Entrevistamos a Rosa Mosquera, profesora da Universidade de Santiago especialista en sistemas agroforestais, para abordar o problema dos lumes e o papel que podería xogar o gando extensivo na súa prevención

“Limpar o monte con gando pacendo é dez veces máis barato que rozalo mecanicamente”

Pastoreo con ovellas nunha plantación de cerdeiras en Boimorto. / Imaxes: USC.

Rosa Mosquera é profesora de Produción Vexetal da USC no campus de Lugo, preside o consello executivo da Federación Europea de Cultivos Agroforestais (EURAF) e coordina o proxecto AFINET (unha rede europea integrada por 13 países que promove a innovación agroforestal). É, pois, unha voz autorizada como docente e investigadora para falarmos con ela de asuntos de actualidade como os lumes, a reforma da PAC ou o cambio climático, onde representa ao sector científico na subcomisión do Congreso dos Deputados que está a elaborar a Ley de Cambio Climático e Transición Enerxética.

A primeira pregunta é sobre o máis urxente, que medidas habería que adoptar agora, a curto prazo, para evitar que as consecuencias dos incendios fosen aínda maiores e para favorecer a rexeneración dos montes queimados?
– En primero lugar habería que empregar as técnicas dispoñibles para que, de forma adaptada ao medio, se protexa o chan, que é o soporte da vexetación. Debemos, polo tanto, evitar procesos de erosión. As técnicas a empregar neste caso son moitas e variadas. En zonas de maior risco de erosión deberemos empregar acolchados, execución de diques e protexer as terrazas existentes para evitar esta pérdida de solo. Pero o aporte de acolchado non debe ser tampouco excesivo, xa que neste caso ralentiza a aparición da vexetación e os procesos de recuperación do chan.

Rosa Mosquera

Rosa Mosquera

A continuación, tanto en zonas con risco de erosión como en zonas sen el, debemos favorecer o establecimento dunha cuberta vexetal o máis parecida á destruida en zonas de alto valor natural. En todo caso, debemos comezar por empregar especies anuais adaptadas á zona, que se establecen moi rapidamente, como é o caso dos cereais ou o raigrás italiano, que son pouco persistentes no tempo e que permiten que con posterioridade se instalen as especies naturais máis adaptadas á zona.

En caso de grandes incendios en términos de superficie, deberían engadirse sementes de zonas próximas que non arderan co obxectivo de favorecer o proceso de recolonización. Todo isto debe estar organizado por técnicos especializados, que son os que deben dar as recomendacións de que especies e como empregalas de forma adaptada a cada situación en concreto.

É recuperable o monte queimado de zonas de alto valor ambiental ardidas estes días como Os Ancares?
– En principio si, a zona dos Ancares rexenérase co fogo, pero este debe ser controlado, de menor intensidade e dimensión, xa que se non as especies de aves e mamíferos vinculados a ela estarían en serio perigro. A meirande parte do que ardeu foi mato arbustivo. As árbores do Caurel son centenarias, as que arderon tardaremos centos de anos en recuperalas.

“A xesta e o toxo, ben xestionados, producen un alimento excelente para o gando no verán e evitan a compra de cereais e de soia producida no Amazonas”

Que hai nun monte queimado aos 5, aos 10, e aos 20 anos?
– Se o monte é arbustivo a recuperación do toxo, as uces e as xestas é relativamente rápida, non así a fauna asociada a ela, posto que se se perde o seu hábitat, os animais quedan sen alimento e non poden realizar a súa función biolóxica reproductora, co que se poden producir desaxustes. Este feito depende da extensión do lume. Pero a falta do hábitat asociado a esta fauna non deixa de supor un estrés para a remanente. Se o que arde é un eucaliptal, a súa rexeneración é moi rápida, se o que arde é un bosque mixto adulto, carballeira ou souto, a súa recuperación tarda en facerse ducias de anos.

O Plan Forestal de Galicia do ano 1992 prevía 245.000 hectáreas de eucalipto en Galicia no ano 2032. Estamos en 2018 e xa imos polas 425.000 hectáreas. A expansión do eucalipto vese favorecida polos incendios?
– Sí, como especie pirófita que é, tras un incendio recuperase moi ben. A promesa duns retornos económicos elevados contribúe a súa plantación, sen embargo, o prezo baixou de forma notoria nos últimos anos.

Di que arde máis rápido un eucaliptal que unha carballeira ou un souto, non sería mesmo interesante plantar frondosas entre as masas de eucalipto para que actuaran coma unha especie de cortalumes natural?
– Sí, a velocidade de avance é moi superior porque a biomasa do sotobosque é maior e en canto se produce o fogo nas copas, os aceites inflamables do eucalipto fan que o lume sexa moi intenso e que se desenvolva moi rápido. Cando vai calor no verán, preferimos estar debaixo dunha carballeira que dun eucaliptal, xa que estamos máis frescos. Isto significa que as temperaturas son maiores no caso do eucaliptal e que a vexetación do sotobosque e da árbore está mais seca, polo tanto favorece que se inicie o fogo e que se propague con facilidade e a elevada velocidade.

O maior nivel de humidade e a menor temperatura das carballeiras fan que éstas sexan mais difíciles de arder. A elección de especies menos pirófitas e inflamables debe terse en conta, posto que diminuiría o avance das lapas e favorecería o seu control.

Sen embargo onde máis eucaliptos hai, na Mariña, é onde menos arde. Por que?
– Aínda que se teñen producido incendios no norte, éstes non teñen a virulencia dos acontecidos no sur de Galicia. Ao tempo que ocorrían os incendios neste outono, Asturias tamén ardía. O risco de que ocorra é menor, simplemente porque a humidade do ambiente é maior. Sen embargo, e atendendo as previsións de cambio climático, poderiamos estar diante dun polvorín, se as condicións dos tres 30 acontecen de aquí a uns anos. Deberíamos observar as previsións e actuar en consecuencia. Se estas son de que haxa risco de que concorran os tres 30, deberiamos replantearnos a xestión do monte.

“Houbo explotacións galegas que pararon a última vaga de lumes”

Como se pode mellorar a xestión forestal nun sistema de propiedade coma o galego, onde a maioría do monte pertence a pequenos propietarios individuais?
– A mellora da xestión forestal é un aspecto que dende unha perspectiva de uso múltiple do monte estase a avaliar en colaboración cos agricultores, gandeiros e representantes da Xunta no proxecto europeo AFINET. No sistema de propiedade galego temos que ter en conta que ademáis dos montes asociados a pequenos propietarios están os montes veciñais en man común, moitos deles situados en Ourense, que supoñen 600.000 hectáreas e que arden sistematicamente e nos que se pode facer xestión adecuada para diminuir este risco. Noutros países o que se fai cando o minifundismo é o principal rexime de propiedade é que sexa o pastor o que paza co seu gando nas superficies adecuadas mediante acordos ou mesmo mediante contratos.

É un factor que agrava a as consecuencias dos lumes que o monte estea, na maioría dos casos, absolutamente descoidado e abandonado e que non exista unha ordenación do territorio?
– Si, indubidablemente o feito de estar abandonado fai que a gasolina do monte espere a que se dean as condicións axeitadas para que se produza un lume, ben sexa por parte da man do home ou da propia natureza, en forma de raios, por exemplo.

Volveu cumprirse esa estatística que di que cada 10 anos prodúcese unha gran vaga de lumes en Galicia. A que se debe?
– A orixe dos grandes incendios en Galicia e a súa recorrencia basease en que temos unhas primaveras extraordinarias, con boa temperatura, radiación e humidade, que fai que teñamos as máis altas taxas de crecimento forestal de Europa, o que fai que se acumule moita biomasa e en menores tempos que no resto de Europa. No norte de Europa isto non sería problema porque os veráns son húmidos e, polo tanto, rara vez se acadan humidades por debaixo do 30% e temperaturas en verán por enriba dos 30ºC. Sen embargo, e a diferencia do que sucede co norte de Europa, en Galicia temos un verán seco, sobre todo no sur de Galicia, o que fai que a vexetación seque e, polo tanto, arda.

No resto da zona Mediterránea sucede o mesmo no verán, pero como o crecimento da biomasa é moito mais lento, ésta non se acumula no monte e o risco de gran incendio diminúe. O dos 10 anos é aproximado, é o tempo que tarda a vexetación en medrar como para que se acumule un exceso de biomasa nos montes, e unha vez acadado isto, só se teñen que dar as condicións dos tres 30: humidades por debaixo do 30%, temperatura por enriba dos 30 ºC e velocidade do vento superior a 30 km por hora. Este ano a seca foi moi prolongada e é raro que se acaden 30ºC en outubro, pero se isto non tivese sucedido agora, o gran incendio sería o ano que vén. Unha vez por década temos un incendio incontrolable que queima moitas hectáreas en cuestión de días, con perda de vidas humanas, tal e como sucedeu no 2006.

Temos logo máis riscos de sufrir incendios en Galicia e no norte de Portugal que no resto da península ou noutros países europeos?
– Sí, en Galicia danse dous aspectos importantes, a taxa de crecimento da vexetación é moi superior ao resto de Europa, pero temos sequía no verán, o que é o coctel perfecto para que se dean estes grandes incendios. A solución é facer una xestión axeitada facendo uso desa biomasa para que non estea no monte. No norte de Portugal, o problema é similar pero a falta de infraestructuras viarias incrementa o número de falecidos.

“Na PAC post 2020, as áreas queimadas van pasar a formar parte en negativo do cómputo de emisións de carbono do protocolo de Kyoto”

O sistema de loita contra o lume é o axeitado en Galicia?
– Temos un excelente sistema de apagado de lumes, pero cando se dan as condicións axeitadas o avance do lume é imparable, cando se producen estes grandes incendios os servizos de extinción vense desbordados pola velocidade de avance e a intensidade do lume. Deberiamos facer mais prevención mediante o emprego de gando, que converte este combustible vexetal en recurso para producción de carne de alta calidade. Isto é un aspecto que se estudará en Galicia e en Portugal grazas á participación que teñen no proxecto AFINET, onde se avaliarán os mellores xeitos de loitar contra o lume ao mesmo tempo que se obteñen beneficios do monte.

Porcos rebuscando castañas nun souto en Góo (O Incio).

Porcos rebuscando castañas nun souto en Góo (O Incio).

Sempre se di que é necesaria máis prevención para que sexa necesaria menos extinción pero, é realista esixirlle á Administración que dous millóns de hectáreas de terreo forestal estean limpos?
– É posible telos limpos, pero o custe asociado ao desbroce mecanizado é 10 veces maior que o asociado ao pastoreo. O desbroce mecanizado en todas as zonas é inviable. Co pastoreo ademais de protexer os nosos montes, produciriamos produtos cárnicos de elevada calidade e máis saudables. Asemade, reduciriamos o abandono do rural e o seu envellecemento, pero deben facerse investimentos en cercados ou na mellora de pastizais arborados para que este pastoreo se vexa favorecido, aspectos que tamén se abordarán no proxecto AFINET.

Os lumes frecuentes non fomentan precisamente os investimentos en xestión forestal por parte dos propietarios por medo a perder o investido.
– Non, porque moitos dos propietarios non están realmente vinculados ao rural, viven e traballan nas zonas costeiras. A plantación de especies de crecemento rápido plantéxase cunha xestión mínima que praticamente é plantación e corta.

Existe unha escasa valoración do monte por parte da sociedade, e mesmo dos propios propietarios?
– En xeral si. O rural en Galicia sempre se veu como algo sen valor, os traballadores do rural como persoas que realizaban un traballo pouco digno, cando o que realizaban era esencial para producir servizos ecosistémicos de todo tipo, desde mellora e mantemento da biodiversidade até de protección de bens tan importantes como a auga que bebemos. Isto contrasta co observado na maioría dos países europeos, onde ser granxeiro é una profesión como calquera outra.

Aumentando a rendibilidade do monte reduciríanse os incendios.
– Indubidablemente. Hai moitísimos exemplos en Galicia onde se ve que o lume parou nas zonas pacidas polo gando. Pero o monte precisa de inversión, porque se ben o mantemento de sistemas silvopastorais xera renda, a inversión inicial de cercados e adecuación é cara. Cando se establece un monte, débese facer una inversión e debería facerse xestión (desbroces, aclareos), que non se fai, e como pouco aos 10 anos pódese cortar para xerar renda. Pero se a maiores introducimos gando no monte, a producción obteriámola desde o primeiro ano.

Un xeito tradicional de control da biomasa no monte en Galicia era a roza para estrume, o cultivo de cereal e mesmo a presenza de gando no monte. Retomar sistemas agroforestais e de gandeiría extensiva nos montes sería unha medida que axudaría a minimizar o impacto dos lumes? En Andalucía creo que hai experiencias neste sentido.
– O monte era tradicionalmente en Galicia a fonte de fertilidade do solo, de aí que se sementara toxo, una especie leguminosa que enriquece moito o solo en nitróxeno. A aparición dos fertilizantes químicos diminuiu a necesidade de emprego destas especies arbustivas, que comezaron a medrar e a ampliarse sen control. A principios dos anos 90 había un millón de hectáreas de especies arbustivas en Galicia. A reintrodución de gando no monte sería a mellor medida, e a máis barata, de reducir esa biomasa e permitiría que se reducira o abandono do medio rural.

O caso de Andalucía é diferente desde una perspectiva social, xa que a meirande parte dos montes son públicos. Neste caso é a Administración a que a través de contratos paga para que se desbroce con gando. Este tipo de xestión do monte, moi valorada pola Comisión Europea, denomínase RAPCA (Red de áreas pastos-cortafuegos de Andalucía) pero hai outros exemplos en Valencia ou en Francia. En Galicia, a través do proxecto AFINET, tentaremos proporcionar información de como se debe facer esta xestión e proporemos medidas de índole político, tanto a nivel galego como español, grazas á participación da AGFE (Sociedad Agroforestal Española), e europeo, grazas á participación no proxecto de EURAF (Federación Europea de Sistemas Agroforestais).

“En Galicia fai falta diálogo entre os que fan as políticas e os que as reciben”

As políticas agrarias e forestais actuais apoian este tipo de prácticas silvopastorais? Está cambiando algo en Europa neste sentido?
– A produción múltiple é un aspecto que se está vendo de xeito xeralizado en todas as estratexias e directivas europeas. A PAC comezou sendo unha política que pretendía alimentar á poboación europea trala Segunda Guerra Mundial, o que conduciu a unha intensificación de todos os sistemas, pero xa desde o ano 1990, cando na Conferencia de Río se asinou o compromiso vinculado á Axenda 21, a sostenibilidade pasou a ser un concepto moi importante nas políticas agrarias internacionais.

Non só se debe producir, débese producir conservando o recurso. Recentemente, a aprobación dos obxectivos de Nacións Unidas fai aínda se cabe máis fincapé na sostibilidade e na produción múltiple a partir dunha mesma unidade territorial. A PAC cambiou nese sentido, anteriormente pagábase polo que se producía, por exemplo por número de animais, e hoxe págase por unidade de superficie que debe cumprir unha serie de requisitos. O pilar 1 da PAC céntrase na agricultura e o pilar 2 no medio ambiente. Sen embargo, na actual PAC temos o concepto de verdeo pensado para evitar o impacto do cambio climático.

“Poñamos dous gandeiros con fincas similares en Asturias e en Galicia. O de Asturias recibe o pago completo da PAC nas zonas de pastos arbustivos, mentres en Galicia ten descontos”

En canto aos terreos forestais, só se subvencionan a través do pilar 1. Centrándonos nos pastos, quizais o máis importante é o gran cambio sufrido na actual PAC con respecto á anterior, xa que pasou de falarse de “pastos herbáceos” a “pastos arbustivos ou arbóreos”. O sur de Europa posúe numerosos exemplos de pastos arbustivos e arbóreos que permiten alimentar o gando de xeito sustentable no verán e a finais da primavera. Se o pasto arbustivo se selecciona desde a PAC como “prácticas localmente establecidas”, moito do que arde en Galiciae o pasto arbóreo pasa a ser elixible e recibiría financiación completa por parte do primeiro pilar.

En España, todas as comunidades autónomas habilitaron estas “prácticas localmente establecidas” coa excepción de Galicia, Baleares, Canarias e Cataluña. Hai granxeiros con fincas similares en Asturias e en Galicia, e en Asturias reciben o pago completo nas zonas de pastos arbustivos e en Galicia descóntanselles. Estes arbustos debidamente xestionados, como e o caso da xesta e do toxo, producen un alimento excelente para o gando durante o período de verán, evitando así a compra de cereais e soia producida no Amazonas, onde causa deforestación, cunha gran liberación de gases de efecto invernadoiro debido ao transporte.

É dicir, os arbustos convértense nunha solución á falta de pastos pola seca. En canto ao pilar 2, hai unha serie de medidas que se poderían implementar e nas que Galicia debería ser pioneira pola enorme superficie forestal que ten, é a rexión de Europa con máis superficie forestal por detrás dos países nórdicos. Dentro da PAC, hai financiación para a prevención de danos nos bosques mediante o emprego do gando na prevención de incendios. En Galicia debería aplicarse de xeito máis adecuado.

Cabalo comendo toxo baixo piñeiro no monte veciñal de Mouriscadas (Mondariz).

Cabalo comendo toxo baixo piñeiro no monte veciñal de Mouriscadas (Mondariz).

Cal e o papel que está a xogar a EURAF neste cambio de mentalidade?
– Moitos destes cambios realizáronse coa axuda de EURAF e o seu traballo no proxecto AGFORWARD, que continuará agora en AFINET. EURAF traballa en Bruselas nas diferentes reunións existentes para o desenvolvemento de políticas sustentables nos 20 países europeos que compoñen na actualidade EURAF, que teñen problemáticas moi diferenciadas, e traballa cos Gobernos estatais para que estas políticas se traspoñan de xeito adecuado.

No caso de España, esta labor faina a AGFE (Asociación Agroforestal Española). Aínda non temos habilitado de todo o sistema rexional no que estamos traballando. En Galicia, creo que fai falta diálogo entre os que fan as políticas e os que as reciben para entre todos facer da política agraria común un instrumento moi efectivo. Por outra banda, EURAF produce un periódico cada dous meses onde se especifica o que se fai a nivel europeo en termos de políticas pero tamén se inclúen exemplos de boas prácticas por parte dos agricultores, nos que en breve introduciremos explotacións galegas que alimentan o gando coas árbores e os arbustos realizando ao mesmo tempo unha labor de prevención extraordinaria, xa que nesas explotacións o incendio parou ao non ter combustible. Estas explotacións non só pararon os lumes para elas, protexeron terreos que tiñan detrás delas e aos que non chegaron as chamas.

Que cambios destacarías da recén aprobada regulación Ómnibus para reformar transitoriamente as axudas da PAC entre 2018 e 2020? Benefician a Galicia?
– Os cambios, por ser unha revisión intermedia, non foron moi grandes pero si significativos. En canto aos pastos permanentes, que poden estar dominados por terreos arbustivos e arborados, acordouse que non descontarán aquelas árbores que produzan alimento para o gando, é o caso dos carballos e as aciñeiras, polo que todas as árbores da dehesa non descontarían da superficie elexible.

Que outros cambios se prevén a partir de 2020?
– Moitos, a vexetación arbustiva e arbórea vese como a mellor ferramenta de que se dispón para mitigar o cambio climático, xa que ten unhas raíces máis profundas, explora unha maior profundidade de solo onde depositan o carbono, reducindo os seus niveis da atmósfera. Se se acadase un 10% de superficie leñosa en toda Europa, o potencial de mitigación do cambio climático sería enorme, ademáis de contribuir á biodiversidade.

A nova PAC estase empezando a discutir agora e as prácticas agroforestais, que inclúen as silvopastorais, silvoarables, sebes e zoas riparias, hortos urbáns (sempre que teñan froiteiras) e a explotación de productos non madereiros do bosque, parece que van a formar parte del. EURAF xa lle remitiu unha análise desde a perspectiva agroforestal á Comisión Europea no marco do proxecto AGFORWARD e 15 recomendacións a ser consideradas para a próxima PAC. A importancia que a Comisión Europea lle dá a estes sistemas reflíctese no desenvolvemento dun grupo agroforestal cuxos resultados están dispoñibles. Esta labor continuará realizándose en AFINET.

Estase a notar o cambio climático nos lumes, na agricultura e a gandeiría? Son máis recurrentes os episodios de seca en Galicia?
– Si, indubidablemente notamos máis calor cun maior número de días, incluso consecutivos con mais de 30ªC, e sobre todo un cambio no réxime de precipitacións, o que fai que se prolongue a seca e que a vexetación forestal seque antes e estea seca durante máis tempo, o que incrementa o risco de humidade por debaixo do 30%, co que só temos que esperar polo vento con máis de 30 km por hora para que haxa grandes lumes.

Na agricultura nótase porque a frecuencia no emprego de concentrados incrementouse, aumentando polo tanto os custes de producción, de aí que empregar como pasto plantas leñosas, mellor adaptadas a estas condicións porque soportan mellor a seca, sería moi aconsellable. A aparición de pragas e enfermidades con maior frecuencia é outro efecto, xa que o aumento de temperatura favoréceas.

Que cambios hai no acordo de París con respecto ao protocolo de Kyoto?
– Na Conferencia de París sobre el Clima (COP21), celebrada en decembro de 2015, 195 países firmaron o primeiro acordo vinculante mundial sobre o clima para evitar ou minimizar o efecto que o cambio climático poida ter sobre a sustentabilidade de moitos ecosistemas e modos de vida actuais. O acordo establece un plan de acción mundial que pon o límite do quecemento global moi por debaixo de 2 ºC con respecto aos niveis preindustriais.

Como se contan hoxe os incendios a efectos de cómputo de emisións? Prevense cambios nisto?
– A parte de agricultura non está na actualidade habilitada nin en positivo nin en negativo. Pero a partir de 2020 computará en negativo e aínda que se repoboen as zonas incendiadas, o secuestro de carbono asociado a esta repoboación non computará durante a etapa de 7 anos de vixencia do protocolo de Kyoto. É previsible que na PAC post 2020 se desenvolvan estes aspectos, xa que as áreas queimadas van pasar a formar parte do cómputo para o cumprimento do protocolo de Kyoto e a superficie queimada descontará carbono durante todo o período de cumprimento. É dicir, se arde a principios do periodo de cumprimento non poderán ser descontadas nesa superficie actividades de reforestación.

De que xeito lle vai afectar á agricultura e a gandería o cómputo de emisións de gases de efecto invernadoiro? Vai ser tido en conta o balance de carbono das explotacións na reforma da PAC prevista para 2020? En países como Alemaña xa o teñen en conta.
– É moi pronto para responder a este tipo de preguntas, posto que aínda se está empezando a falar sobre a PAC post 2020. Sen embargo, o compromiso vinculado ao acordo de París fai que se deban tomar medidas na agricultura e na gandería para minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro. Nunha enquisa realizada aos Estados membros onde se lles preguntaba como dotar estas medidas, a maioría dos Estados contestaron que a través da PAC, polo que é previsible que se propoñan actividades como o verdeo ou medidas ligadas ao regulamento de desenvolvemento rural, que están por determinar.

En países como Alemania ou Dinamarca faise un cómputo por explotación das emisións de gases de efecto invernadoiro e das medidas que se poden realizar para diminuilas, cun obxectivo futuro de emisións cero. Neste momento a participación da USC na Global Research Alliance coordinando o grupo de investigación de cultivos nos que se integran os sistemas agroforestais é de gran relevancia e contribuirá a axudar á adopción de medidas que mitiguen o cambio climático, á vez que axuden aos sistemas agrarios a adaptarse a este cambio.

En que fase está a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética? Para cando se prevé a súa entrada en vigor e como vai afectar a sectores como a agricultura, a gandeiría ou o forestal?
– Aínda se está desenvolvendo e non hai datas precisas para a súa entrada en vigor. As claves desta lei serán a mellora na eficiencia de uso dos recursos, a integración do sector primario con outros sectores e a mellora da innovación, educación e investigación.

A implementación de prácticas agroforestais terá un peso importante. Por exemplo, o emprego de árbores nos bordes de parcela aumenta o secuestro de carbono no chan, principal reservorio de carbono (representa o 85%) dos ecosistemas terrestres, isto será de gran importancia en comunidades cerealistas como é o caso de Castela e León e que xa se están empregando en Francia.

No caso da gandeiría, débese tender a sistemas que empregen os recursos da zona, para evitar así as emisións asociadas ao transporte en moitos casos de países tan lonxanos como Brasil e Arxentina. Mediante o uso de árbores forraxeiras ou arbustos, estas necesidades de alimento podríanse minimizar. E no sector forestal, será imprescindible reducir o risco de incendios a través do pastoreo no monte como técnica para reducir o combustible vexetal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información