Investigan novos usos de extractos forestais para produtos gandeiros máis naturais

O proxecto Extractus avalía o emprego de taninos de castiñeiro, eucalipto ou piñeiro como seladores ou desinfectantes para o gando. Tamén proban o uso de extractos de castaña como conservante de forraxes e modificadores de alimentos gourmet

Investigan novos usos de extractos forestais para produtos gandeiros máis naturais

Algúns dos socios integrantes do Proxecto Extractus durante a presentación dos resultados da investigación.

Cada vez máis, ós produtos gandeiros esíxeselle que, á par de ser eficaces, teñan o menor impacto posible no medio ambiente. Nesta liña, o Proxecto Extractus, desenvolvido por varias empresas galegas, abordou o uso que se pode facer de extractos agroforestais dos montes galegos en produtos para a hixiene animal ou para a conservación de forraxes.

O obxectivo da investigación é dobre: por unha parte procuran conseguir produtos máis naturais e menos contaminantes; e por outra, pretenden valorizar os recursos do monte galego.

Na investigación avaliáronse extractos procedentes de diferentes árbores cunha gran presencia no monte galego como o castiñeiro, o eucalipto, o piñeiro, a nogueira, ou mesmo dos seus froitos, como a castaña.

Capacidade de desinfección

Os aceites de piñeiro e eucalipto amosaron unha capacidade de desinfección para ser empregados en produtos de limpeza e no selado dos tetos do gando. A súa eficacia como desinfectante probouse nunha mostra composta, principalmente, a base de auga e cada un destes extractos. Ademais, tamén lle engadiron mínimas porcentaxes doutros modificadores químicos para adapta-lo produto ó uso proposto (cambios de cor, densidade, viscosidade, pH, etc.).

Os aceites de piñeiro e eucalipto resultan eficientes contra algúns dos patóxenos ambientais que causan a mamite

Nestas probas, os extractos tanto de piñeiro como de eucalipto resultaron ser efectivos contra algúns dos patóxenos ambientais máis comúns, nas ganderías. Tamén mostraron propiedades interesantes coma complemento alimentario e coma promotor de separación de sólidos en suspensión en augas.

A parte de empregarse especificamente como desinfectantes, tamén se fixeron probas para usalos nos seladores nos tetos, logo do muxido, no canto de empregar outros produtos como o iodado ou a clorhexidina.

Outra das utilidades que se contemplan para este tipo de extractos é o seu uso en tratamentos contra os casos de dermatite nas patas das vacas. Neste caso, estudaron a eficacia de extractos de castaña, nogueira e de eucalipto globulus.

Empregaron a casca do piñeiro e a castaña para tratamentos contra fungos da madeira

Xunto cos extractos, no estudo tamén empregaron tanto a casca do piñeiro como a da castaña para o tratamento fronte a distintos fungos da madeira. O emprego destas cascas limita o ataque, inda que a vehiculización do composto é complexa.

Conservante para forraxes

Á marxe de empregar os extractos en produtos de desinfección, o proxecto Extractus abre tamén a porta a utilizar algúns destes recursos como aditivo na alimentación de animais. En concreto, levaron a cabo investigacións para emprega-lo extracto da cáscara da castaña como un complemento na alimentación dado que serve como un conservante para os forraxes e modula a inxesta do animal.

Na investigación tamén se comprobou o efecto beneficioso da alimentación de tenreiros aditivada con certas cantidades de taninos. O efecto astrinxente fai que o animal module a inxesta e siga unha curva de desenvolvemento máis estable e saudable.

Recuperación de solos e novos produtos

Ademais de empregar a casca da castaña como un conservante pola súa capacidade antioxidante, as investigacións tamén posibilitaron atopar novos aproveitamentos para este residuo. Mesmo contemplan que se poida comercializar o tanino de castaña de xeito independente e que se empregue na propia industria alimentaria da castaña.

O tanino de castaña utilizaríase para controlar o sabor e para a conservación de varios produtos transformados de castaña como pode ser a pasta de castaña ou as conservas.

Contemplan que se poida comercializar o tanino de castaña e que se empregue na industria alimentaria da castaña

Coma consecuencia da extracción do tanino obtense un residuo natural libre destes compostos, e polo tanto máis accesible á degradación biolóxica. Estes restos forestais que poderían empregarse para a recuperación de solos danados, logo de converterse en tecnosolos, ou para os cultivos forestais en viveiros, dado o aporte que proporcionan ós solos. No proxecto mostrouse a súa adecuación a este uso como aporte orgánico, drenante e osixenante de terreos.

De feito, no marco desta investigación, logo de comprobar as posibilidades que ofrecen tanto os taninos dos restos forestais como os da castaña, estudaron diferentes estratexias para a industrialización do aproveitamento de distintos taninos. A integración e recuperación conxunta coa cadea de valor agraria é a principal vantaxe destas estratexias.

Desbotar o uso para camas do gando

Nun primeiro momento, tamén se propuxo o emprego de distintos restos forestais como absorbentes para camas do gando, especialmente para as de vacún. Porén, as probas que se levaron a cabo no proxecto desbotaron este aproveitamento polas dificultades que presentaron fronte a outras alternativas presentes xa no mercado como as serraduras de madeira.

Barallaron usar os restos forestais como camas para o gando pero remataron encharcadas e causando molestias ós animais

As probas realizadas amosaron unha baixa capacidade de drenaxe deste tipo de cama a base de residuos forestais cando o tamaño de partícula era reducido. As camas remataban encharcadas e mesmo formando barro ou lodo, pegándose ós animais. Pola contra, con tamaños de partícula maiores, causaban molestias nos pezuños ó quedar trancados no medio dos cascos.

Outro dos usos que se contemplaba inicialmente, que logo das probas quedou desbotado, foi a utilización dalgúns dos extractos acuosos como repelente de insectos. Nembargantes, as probas con aceites esenciais comparando cunha referencia comercial de citronella, unha planta que xa se emprega na actualidade con este fin, mostrou aptitude para o desenvolvemento deste tipo de produtos.

Os socios do proxecto

O proxecto, que se iniciou xa no 2016, foi subvencionado pola Axencia Galega de Innovacion (GAIN) e apoiado pola Consellería de Economía e Industria. Tamén contou cunha axuda de 440.000 euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). No proxecto estiveron a colaborar varias empresas galegas implicadas en distintos ámbitos.

A firma lalinense Proquideza, cunha ampla traxectoria no desenvolvemento de produtos de limpeza e hixiene para o gando, encargouse de comprobar as posibilidades que ofrecían os extractos naturais.

A empresa xa leva tempo a incorporar distintos extractos naturais nos seus produtos para reducir o impacto ambiental e incrementar a súa eficacia. Coma resultado do proxecto, Proquideza conseguiu dar unha resposta personalizada a clientes en Francia e a India, incrementando as vendas no exterior.

As investigacións permitiron que ós socios do proxecto incrementar a súa presenza en mercados internacionais

Outro dos socios do proxecto foi a firma Posada Marrón Glacé, empresa especializada na elaboración de produtos a base de castaña. Esta empresa centrouse no aproveitamento e valorización da casca da castaña tanto para a redución de residuos, extracción de compostos de alto valor engadido e a valorización enerxética, entre outros. No ámbito dos extractos desenvolveu novos usos coma conservantes aplicados a produtos transformados da castaña.

Bosque Naturales, xestiona 450 hectáreas de nogueiras, cerdeiras e outras especies autóctonas, para produción de madeira de calidade, nos concellos coruñeses de Arzúa e de Boimorto, e encargouse de aportar os restos forestais sobre os que levar a cabo as investigacións.

A empresa Gefico deseñou un proceso de secado enerxeticamente eficiente para os concentrados de tanino presentes na madeira e na casca de castaña, facilitando deste xeito a súa posterior valorización polo resto dos socios do proxecto.

A colaboración desta firma non se limitou a un deseño teórico, senón que, tomando como base de referencia a súa experiencia en procesos de evaporación, tamén fabricou a maquinaria e estableceu os procedementos precisos para levar a cabo o proceso. Paralelamente, tamén avaliou a aplicación dos extractos de tanino como axentes coagulantes en procesos de tratamento de auga, ámbito no que a empresa ten unha longa traxectoria.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información