Inquedanza no sector forestal polo bloqueo das vendas de piñeiro a Portugal

A Xunta paralizou de xeito temporal as exportacións de madeira de coníferas da zona demarcada pola praga do nematodo do piñeiro, que se extende por todo o sur de Pontevedra. A Asociación Forestal de Galicia, que mantivo un encontro con comunidades de montes do Baixo Miño, pide un desbloqueo áxil

Inquedanza no sector forestal polo bloqueo das vendas de piñeiro a Portugal

Reunión da Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes do Baixo Miño.

A ampliación da zona demarcada pola praga do nematodo do piñeiro, que se estende por todo o sur da provincia de Pontevedra, está a deixar consecuencias inesperadas. Medio Rural decidiu paralizar temporalmente na zona as autorizacións de exportación de madeira de piñeiro a Portugal, unha situación que preocupa entre madereireiros e comunidades de montes.

A inquietude existente no sector constatouse estes días nunha reunión que mantivo en Tomiño a Asociación Forestal de Galicia (AFG) con comunidades de montes do Baixo Miño. No encontro, ao que asistiron medio cento de representantes de montes veciñais, os comuneiros trasladaron a súa preocupación tanto polo bloqueo dos envíos de piñeiro a Portugal como pola expansión da praga no sur da provincia.

Os envíos de madeira a Portugal nunca se bloquearan na anterior zona demarcada das Neves, vixente entre o 2010 e o 2019

A paralización temporal dos movementos de madeira de piñeiro a Portugal desde a zona demarcada iniciouse o pasado 12 de febreiro, a raíz dunha comunicación por escrito que a Consellería do Medio Rural lle trasladou ás empresas forestais, informándoas de que, “de momento”, as autorizacións de transporte da madeira con destino a Portugal quedaban suspendidas. Medio Rural sinalaba na mesma comunicación que está pendente dun acordo ao que se ten previsto chegar coas autoridades de Portugal.

O bloqueo das vendas de madeira a Portugal, que nunca se producira na anterior zona demarcada das Neves (2010-2019), preocupa ás comunidades de montes veciñais e ós propietarios particulares, pois no sur de Pontevedra, a gran maioría da madeira de piñeiro destinada a trituración vendíase ata agora á factoría de Europac (Viana do Castelo, Portugal), unha empresa papeleira que paga por esa madeira prezos superiores ó resto de posibles compradores.

A factoría portuguesa de Europac é a compradora de referencia no sur de Galicia para o piñeiro de trituración

A imposibilidade actual de enviar piñeiro a Portugal representa, por tanto, un risco claro de serias perdas para as comunidades de montes. Tamén parte da madeira de piñeiro para serra se estaba a comercializar co país veciño, polo que desde a Asociación Forestal de Galicia pídese que se aclare a situación e que se proceda a un desbloqueo das exportacións o máis áxil posible. O sector entende que non debería haber problema nos envíos, pois todo Portugal é zona demarcada polo nematodo do piñeiro e de feito, o fronte principal da praga avanza por Portugal cara a Galicia.

Desde Medio Rural, polo de agora, limítanse a lembrar que se pode exportar madeira de piñeiro previamente tratada térmicamente, pero iso non é unha posibilidade para toda a madeira que se vendía en pé no monte galego para compradores portugueses.

Encontro da AFG con comunidades de montes.

Encontro da AFG con comunidades de montes.

Programa de apoio á silvicultura
Outro dos asuntos abordados o pasado sábado no encontro da Asociación Forestal de Galicia coas comunidades de montes do Baixo Miño foi a necesidade dun programa de apoio á silvicultura, pois para conter a praga do nematodo do piñeiro, unha das prioridades pasa pola eliminación dos pés sintomáticos e decaídos do monte.

A vixilancia e control sanitario que as comunidades de montes poidan executar nos seus terreos é, por tanto, un asunto que se considera fundamental para frear a expansión do nematodo do piñeiro. A Asociación Forestal de Galicia mantén unha postura conxunta con outras asociacións e entidades forestais sobre a necesidade dun plan de apoio á silvicultura na zona demarcada polo nematodo, de xeito que as comunidades de montes poidan enfrontar ó aumento de custos que xera a praga na xestión das súas masas.

A maiores da eliminación de pés secos ou sintomáticos, as comunidades teñen que executar a trituración dos restos de cortas e podas ata diámetros inferiores a 3 centímetros. Ese diámetro obriga a utilizar trituradoras de martelos, que encarecen o custo dos traballos de trituración a máis do dobre, en relación a unha trituradora de cadeas.

Tamén se demanda desde o sector un plan de apoio ás empresas forestais e industrias de transformación da madeira ubicadas na zona demarcada. Outro asunto do que se queixan as comunidades de montes é da falta de información sobre a praga por parte da Administración.

Novo encontro informativo en Vigo
Desde a Asociación Forestal de Galicia continuarase este venres 22 en Vigo coas reunións informativas para explicar as medidas que se están a adoptar para frear o avance da praga e para abordar as consultas e inquedanzas de comunidades de montes e propietarios particulares.

O encontro deste venres será ás 19.30 horas no local social da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Subida San Sebastián, n.º 23. Fragoselo – Coruxo, Vigo).

Reunión do Consello Forestal de Galicia

O Consello Forestal de Galicia, un órgano consultivo da Xunta no que participan todas as entidades e asociacións do sector forestal, mantivo onte un encontro para abordar cuestións de normativas, proxectos e situación das masas forestais. Medio Rural avanzou na reunión que pretende publicar en breve un decreto para regular os aproveitamentos forestais. Este decreto desenvolverá a normativa xa existente sobre comunicacións e autorizacións de corta.

Medio Rural ultima o decreto de aproveitamentos forestais, que desenvolverá o sistema de comunicacións e autorizacións de corta

Outra cuestión que se abordou na reunión foi a busca dun sistema de xestión para os montes periurbáns cun alto uso recreativo. Medio Rural anunciou que desenvolverá unha proposta en tal sentido en colaboración coa Universidade de Vigo.

A situación sanitaria das masas forestais centrou tamén parte do debate. En relación ó nematodo, chamou a atención do sector que Medio Rural recoñecese que tiña constancia de novos positivos no sur de Pontevedra desde agosto do 2018, se ben a comunicación ó sector e a ampliación da zona demarcada non se fixo ata xaneiro do 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información