Innovar en castiñeiro, guía de usos da súa madeira

O Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias elabora unha publicación na que dá a coñecer as posibilidades e novos produtos elaborados co material, así como as empresas da comunidade que o traballan

Publicidade
Innovar en castiñeiro, guía de usos da súa madeira

Carpintería en castiñeiro asturiano nunha escola de Irlanda. / Imaxes: Cetemas.

Asturias está a desenvolver un plan estratéxico sobre o castiñeiro co que pretende impulsar toda a cadea de valor do seu aproveitamento madeireiro. O proxecto iníciase no monte, coa definición de diferentes itinerarios selvícolas, e conclúe no produto elaborado. Co fin de promocionar o uso da madeira de castiñeiro, o Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias (Cetemas) elaborou unha guía que explica as súas posibilidades de uso e as innovacións en pezas e produtos. O traballo vén de ser publicado por Asmadera.

A comunidade veciña conta cunha superficie forestal de 80.000 hectáreas nas que o castiñeiro é a especie principal, ademais de outras 100.000 nas que aparece en mestura con outras frondosas. A maioría das superficies carece de plans de xestión e de manexo, polo que estase a promover un programa de Extensión forestal dirixido a particulares e empresas co que se queren divulgar diferentes itinerarios selvícolas que se poden seguir nas plantacións de castiñeiro, coa indicación dos produtos a obter en cada caso.

De xeito paralelo, o Cetemas vén traballando nos últimos anos en liñas de investigación para a fabricación de novos produtos e para a optimización do seu deseño e funcionalidade. O uso do castiñeiro en mobles de madeira maciza ou na construción entrou en crise nos últimos anos, se ben a guía de madeira de castaño que se presentou estes días recolle multitude de posibilidades do material, desde fiestras e portas ata madeira estrutural, recubrimentos ou mobiliario.

Acceso ó mercado gandeiro de Pola de Siero.

Acceso ó mercado gandeiro de Pola de Siero.

A madeira de castiñeiro caracterízase por ser rica en taninos. Resiste a podredume e os ataques dos insectos, polo que ten boa durabilidade en exterior incluso sen tratamentos. En función do seu uso, pode clasificarse do seguinte xeito:

Madeira en rollo: troncos sen polas e cortados a unhas dimensións normalizadas. O seu destino principal é para serra e chapa, se ben tamén ten usos directos para estacas rústicas e valados en diámetros pequenos, duns 10-15 centímetros, ou para madeira estrutural en instalacións como pasadeiras peatonais.

Madeira aserradas estrutural. Son pezas de madeira maciza de sección rectangular que foron clasificadas por procedementos estandarizados, de cara a garantir a súa resistencia. O Centro Tecnolóxico Forestal de Asturias iniciou no 2009 un proxecto de caracterización da madeira aserrada estrutural de castaño. Logo de analizar máis dun milleiro de mostras, estableceu un sistema de clasificación visual, de acordo coa norma europea UNE 56546. Este sistema permite o marcado da madeira e un aumento da súa competitividade no mercado.

Madeira aserrada de apariencia (carpintería e mobles). Madeira seleccionada polo seu aspecto visual. Os criterios de clasificación están baseados na apariencia estética e os defectos da madeira penalizan.

A oferta de pezas para carpintería é ampla. As empresas de transformación radicadas en Asturias, das que a guía ofrece unha relación, elaboran, entre outras, as seguintes:

– Madeira laminada encolada: elemento fabricado a partir de láminas de madeira aserradas que se acoplan por unións dentadas e encoladas.

Panel sandwich.

Panel sandwich.

– Perfís laminados para fiestras, portas e revestimentos exteriores.

– Tableiros de madeira maciza a partir de láminas encoladas polo canto.

– Tarima, tanto de exterior como de interior. O castiñeiro mantense estable, sen grandes variacións de tamaño por cambio de temperatura ou humidade.

– Panel sandwich, que garante illamento térmico e acústico. Ten unha parte interior de material illante (poliestireno ou fibra de madeira) e unha parte exterior de tableiros, madeira alistonada de castiñeiro por un lado e contrachapado polo outro.

– Revestimentos: pezas de madeira maciza ou laminada nas que predomina a súa lonxitude fronte á anchura.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información