‘Innovación e formación, eixos da axenda da Xunta para a industria forestal’

‘Innovación e formación, eixos da axenda da Xunta para a industria forestal’

Ignacio Lema, director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera) durante a presentación da axenda en Narón.

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, presentou nas instalacións da empresa Cándido Hermida, en Narón (A Coruña), a Axenda da industria forestal. Trátase dunha folla de ruta deseñada conxuntamente entre a Administración, as empresas e os centros de coñecemento para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.

A innovación e a formación serán os eixos desta axenda para a industria forestal que -segundo a Xunta- mobilizará 125 millóns de euros ata 2021, destinados a 350 pemes e formación para máis de 5.600 persoas. Así, entre os obxectivos que se perfilan está o incremento dun 6% na facturación, para acadar os 2.400 millóns de euros, e conseguir os 21.000 postos de traballo directos e indirectos relacionados co sector.

A axenda pretende lograr a apertura de mercados e a creación de novos produtos, a incorporación de técnicas innovadoras de elaboración e tratamento así como a profesionalización dos traballadores mediante a formación.

No tocante á innovación, as novas tecnoloxías perfílanse como determinantes e pretenden tamén potenciar a consolidación de redes colaborativas para fomentar novos métodos de tratamento.

Na axenda, a formación apúntase como indispensable para implementar a competitividade, así como para reter o talento no sector. Deste xeito, aspiran a incorporar 10 deseñadores industriais e 20 enxeñeiros e arquitectos a empresas do sector forestal e da madeira. Dende o 2017 máis de 950 persoas participaron en cursos formativos na industria forestal.

A madeira en sectores específicos

Ademais, a axenda busca trasladar o emprego útil da madeira a sectores específicos e estratéxicos da economía galega como a construción, o naval, o téxtil, a automoción ou o ‘contract’ (mobiliario para cadeas empresariais). Neste senso, apuntan as vantaxes de traballar pola construción sostible, con novos modelos de produción que acurten os tempos e creen novos espazos laborais ou avalen a eficiencia enerxética.

Tamén pretenden impulsar a cooperación entre os distintos sectores con foros especializados, facilitar a inmersión monte-industria e desenvolver novos produtos comúns que poidan ser aproveitados por distintos sectores.

Así, durante o acto o director de Xera, Ignacio Lema, chamou á implicación de todo o sector para dar respostas ás verdadeiras necesidades da industria e apelando a unha Galicia máis verde, máis innovadora, máis preparada e con maior competitividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información