“Producir só madeira nun monte veciñal leva a que as comunidades vivan de costas ó monte”

Diego Sánchez é un dos autores da guía “Casas con fume, montes sen lume”, na que se aborda a historia e o funcionamento dos montes veciñais en man común en Galicia. Conversamos con el sobre as posibilidades e os retos deste tipo de organización do territorio

Publicidade
“Producir só madeira nun monte veciñal leva a que as comunidades vivan de costas ó monte”

O enxeñeiro técnico forestal Diego Sánchez é un dos autores do estudo.

O enxeñeiro técnico forestal Diego Sánchez acaba de publicar xunto coa historiadora especializada na investigación dos montes veciñais Lara Barros, o estudo Territorios en Común. Casas con fume, montes sen lume. Publicada pola asociación Frouma e financiada pola Deputación da Coruña, esta publicación fai un percorrido histórico sobre a evolución das comunidades de montes veciñais e perfila as posibilidades e os retos que se lle presentan.

Que dificultades lle ves ó futuro dos montes veciñais?
A súa continuidade está ameazada no sentido en que non se garante que eses montes sexan xestionados polas comunidades de veciños. Nós quixemos tratar na publicación as comunidades de montes veciñais en man común porque non entendemos que poida haber montes veciñais sen comunidade que os xestione. Sempre ten que haber unha comunidade detrás, xa que é a razón de ser deste tipo de montes e creemos que o futuro implica unha boa gobernanza en común.

“Os montes veciñais en man común supoñen en Galicia máis de 600.000 hectáreas”

Nesta publicación reivindicades que os montes comunais son unha ferramenta moi importante na xestión do territorio, que os converte en idóneos?
Hai dous factores imprescindibles e que nós quixemos poñer de relevancia nesta publicación. Por unha parte, está o xeito de gobernanza destes montes, que ó non ser de particulares, faise de xeito conxunto pola veciñanza e suponse que vai buscar un ben común para eses veciños.

Por outro lado, é importante pola superficie en conxunto que xestiona, xa non só no territorio galego, onde supoñen máis de 600.000 hectáreas -a cuarta parte do noso territorio-, senón que cada un destes montes ten unha superficie considerable para poder facer moitos tipos de uso nel.

É consciente a sociedade da importancia do monte veciñal?
En xeral, aínda hai moito que traballar para que se valore este tipo de sociedade e xestión. Pero, si é certo que as comunidades de montes activas e que sacan un froito ou rendemento son conscientes do seu valor.

No estudo centrádesvos na provincia da Coruña, a que se debe que nesta provincia haxa menos montes veciñais que noutras?
Si é certo que o número de montes veciñais na provincia da Coruña é menor ca no resto de Galicia e coidamos que pode estar relacionado con que a poboación da Coruña é máis urbán ca noutras provincias. Ademais, en toda a franxa atlántica non se deu esa fase de recuperación dos montes veciñais que foran usurpados nas desamortizacións. Hai moito monte que se dividiu para os propietarios, isto produciuse xa nun inicio, como resposta para que os montes non lle foran usurpados, pero é verdade que aínda hai moitos en mans dos concellos ou que se dividiron a posteriori.

Quedan moitos montes por reclamar por parte de comunidades de veciños no resto de Galicia?
Aínda quedan montes nesta situación en toda Galicia, pero especialmente na Coruña este proceso de recuperación quedou moi incompleto. Aínda hai moitos montes en Galicia por recuperar para que volvan ser comunais e é preciso reactivar esta forma de xestión tan particular que temos. Tamén hai moito monte que está clasificado, pero non hai unha comunidade detrás que os estea xestionando ou nin sequera está constituída. Con esta guía nós pretendiamos volver atraer a mirada cara ós montes veciñais e, sobre todo, poñer de manifesto a importancia que teñen estes montes tanto para os núcleos rurais, coa prevención de incendios, como para a sociedade en xeral polo valor da paisaxe, a diversidade e o seu aproveitamento.

Un dos retos que se lle presentan ás comunidades de montes é a falta de relevo xeracional, como afrontalo?
É unha das grandes eivas do rural e especialmente destes montes veciñais, xa que a súa razón de ser está ligada a unha xestión feita por unha comunidade. Se non existe unha poboación no rural e relevo xeracional, non existe esa comunidade que o poida xestionar e o monte quedaría abandonado. Nese momento, o monte quedaría en mans da Administración e podería poñelo en mans de calquera empresa para que o xestione particularmente e pode facelo por períodos de ata 50 anos, co que, se volve haber poboación nese lugar, sería difícil recuperalo.

O relevo xeracional vén dado por unha política de fixación de poboación no rural, que implica apoiar e aumentar os servizos e apoiar a actividade agraria, gandeira e forestal, que precisan dun pulo importante e non de tódalas trabas que se lle están poñendo.

“Os montes veciñais son propicios para que volva haber un mosaico que intercala produción madeireira con usos gandeiros e agrícolas”

O aproveitamento forestal segue a ser unha das opcións máis socorridas polas comunidades de montes, que outras posibilidades lles ves?
A explotación madeireira non ten porque ser negativa, pero precisa dunha ordenación. Non podemos continuar coas grandes superficies de monocultivo e de especies de crecemento rápido. Este tipo de xestión leva a que se vaia ó monte o día que se planta e non se volva ata que parece que valen para cortar, xa que nos anos intermedios hai moi pouca actividade de silvicultura. Son rendementos de longo prazo que fan que o monte estea de costas á sociedade. Hai que lembrar que boa parte destes montes veciñais tiveron un aproveitamento agrícola e especialmente gandeiro, xa que a masa arborada nos montes veciñais non era a paisaxe de antano. Creemos que os montes veciñais son propicios para que volva haber ese mosaico que intercala produción madeireira con usos gandeiros, con producións de froitos e agrícolas. Isto o que vai xerar é que o monte estea de novo máis integrado, volva estar de cara á sociedade e que proporcione uns rendementos intermedios cos que se constate que o monte pode ser unha fonte de ingresos e de conservación do rural.

Presentacion--Diego-Sanchez-Lara-Barros-

Os autores do estudo durante a presentación do mesmo.

Cal é a clave para que os montes sexan rendibles?
Nos montes que xa teñen unha produción madeireira instalada, pódese reestruturala, evitando as grandes superficies de monocultivos e diversificando, coa axuda da Administración e do tecido industrial, cara a outras producións de madeira que non só sexan para triturar ou para pasta de papel. Precisamos apostar por madeiras con valor engadido e recuperar a produción de frondosas. En Francia, estase producindo madeira a quendas de 100 anos, pero levan moito tempo facéndoo e teñen cortas regulares, aquí nun monte particular e pequeno é moi difícil facelo, pero nun monte veciñal podería recuperarse. Temos moitas especies autóctonas que non estamos aproveitando, como é o caso do carballo ou o bidueiro, e que noutros países se están empregando.

“Temos moitas especies autóctonas que non estamos aproveitando, como é o caso do carballo ou o bidueiro, e que noutros países se están empregando”

A maiores tamén se pode recuperar moita superficie que é apta para pastos e que pode propiciar un aproveitamento gandeiro. Hai moito souto de castiñeiros para recuperar, non é so plantar, xa que hai moitos que poderían estar producindo en pouco tempo. Tamén está a produción apícola que se pode xerar nestes montes. Todo este conglomerado faranos diversificar as producións do monte e reducir o número de lumes forestais, xa que a maior prevención é que o monte estea activo, xerando rendas e que sexa produtivo. Todo isto permite unha nova posta en valor do monte e que proporcione rendementos para estas comunidades veciñais.

Os montes veciñais encaran un proceso de extinción dos convenios de xestión que manteñen coa Xunta, que papel cres que debe ter a Administración nestes montes?
A xestión destes montes debe estar en mans dos veciños e veciñas comuneiros, pero pode darse algún tipo de convenio ou contrato coa Administración cando estes montes están descapitalizados ou se se acaban de recuperar polos veciños e non teñen medios para poñelos a producir. O que non vemos ben non é que os novos contratos poñan parte da xestión en mans da Administración, senón que esta pode ser realizada por empresas. Reivindicamos que esta xestión debe ser asumida pola propia Administración.

Que perspectivas de futuro teñen estes montes veciñais en man común?
Nós cremos que teñen un futuro moi viable cunha produción madeireira reorganizada e rendible, e combinada cunha produción gandeira que pode servir para o incremento da base territorial das explotacións e que ademais contribuirá na prevención dos incendios. O gran problema é que ten que haber un apoio decidido por parte da Administración para a recuperación destes montes veciñais e un relevo xeracional.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información