Gandeiros, propietarios forestais e cazadores mobilízanse en defensa do rural

Gandeiros, propietarios forestais e cazadores mobilízanse en defensa do rural

Asistentes á marcha en defensa do rural.

Milleiros de persoas marcharon onte polas rúas de Santiago para advertir das consecuencias do abandono do rural. A mobilización estivo protagonizada por gandeiros, propietarios forestais e cazadores pertencentes a máis de medio cento de colectivos. O lema da convocatoria, ‘Creamos natureza e vida no rural: non somos o problema, somos a solución’, quixo poñer o foco nos atrancos que teñen as persoas que desenvolven a súa actividade no rural galego.

Unha das cuestións que máis descontento suscita estes días é a ameaza de multas que pende sobre os propietarios forestais que incumpran a normativa de prevención de incendios forestais. A lei obriga ós propietarios a rozar e retirar eucaliptos e piñeiros da beira das estradas e nunha franxa de protección de 50 metros en torno a vivendas e núcleos de poboación.

Cabeceira da protesta.

Cabeceira da protesta.

As medidas de prevención son consideradas excesivas polos silvicultores, aínda que están de acordo na necesidade dunha estrutura forestal que contribúa á prevención dos lumes. “En situacións meteorolóxicas coma as do outono pasado, con fortes ventos, as franxas de 10 metros previstas en torno ás estradas non serían capaces de deter un lume” -valorou antes do comezo da marcha Ramón Reimunde, presidente de Promagal, unha organización de asociacións de produtores de madeira do norte galego.- “Se a Administración quere crear esas franxas, o que ten que facer é expropiar as terras que corresponda”, propón.

A protesta contou tamén na parte forestal co apoio do Cluster da Madeira de Galicia e da Asociación Forestal de Galicia. En representación do sector agrícola e gandeiro, interviu antes da marcha en declaracións ós medios o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que destacou o risco de abandono ó que se enfrenta o rural, co perigo de incendios forestais catastróficos se desaparecen os cortalumes naturais que representan as terras de cultivo.

Pancarta do sector forestal.

Pancarta do sector forestal.

García advertiu tamén da necesidade dunha Política Agraria Común (PAC) forte, que preserve as rendas de agricultores e gandeiros e que contribúa a manter a produción de alimentos seguros na Unión Europea.

Una idea sobre “Gandeiros, propietarios forestais e cazadores mobilízanse en defensa do rural

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información