Galicia xeocaliza os bens de interese cultural para xestionar os permisos de corta

A Consellería saca a concurso os traballos por 1,1 millóns de euros. O mapeado dos elementos patrimoniais terá que estar rematado antes do fin do 2018

Galicia xeocaliza os bens de interese cultural para xestionar os permisos de corta

Afección de Patrimonio nun monte da provincia de Pontevedra. / Imaxe: AFG.

A Xunta destina 1,1 millóns de euros a xeolocalizar os bens de interese cultural en ámbito forestal. O obxectivo é contar cun mapeado dixital dos elementos patrimoniais, tales como mámoas, petroglifos, castros e outros, de xeito que se poida acometer unha xestión máis áxil dos permisos de corta. Os traballos veñen de sacarse a concurso e adxudicaranse esta primavera, tendo que estar os traballos rematados antes de fin de ano.

Os permisos de corta que dependen de Patrimonio están a retrasarse desde hai tempo de xeito notorio, sobre todo na provincia de Pontevedra, onde as solicitudes deben esperar ata seis meses pola súa resolución. Esa situación está a impedir que parte das masas afectadas polos lumes de outubro se poidan cortar en tempo, coas conseguintes perdas económicas para os propietarios.

Patrimonio mantén na actualidade retrasos de ata seis meses na concesión de permisos de corta en Pontevedra

A Xunta destaca que os prazos de tramitación dos permisos se reducirán en canto entre en funcionamento unha xanela única e telemática para a súa xestión. A xanela, adscrita a Medio Rural, recibirá todas as peticións de corta, con independencia das afeccións de dominio público que poidan implicar (augas, estradas, patrimonio, etc.). A súa posta en marcha está prevista para esta primavera pola Lei de Implantación Empresarial.

Como parte dese proceso, desenvolverase a xeolocalización dos bens culturais, cofinanciada polas Consellerías de Economía, Medio Rural e Cultura. Os titulares das tres consellerías mantiveron onte unha reunión para analizar o proceso, co que pretenden axilizar a concesión dos permisos de corta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información