Galicia, territorio resineiro desde os anos 50

O resinado de piñeiros na comunidade, que se está a recuperar nos últimos tempos, viviu unha época destacada no periodo 1950-1970, cando se aproveitaron miles de pés no Morrazo e no sur de Pontevedra e Ourense. Un artigo do director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez, rescata do esquecemento a historia da resina en Galicia

Galicia, territorio resineiro desde os anos 50

Extracción de resina en Entrimo (Ourense) no 1962. / Imaxe: Fototeca forestal do INIA.

O pasado resineiro de Galicia, pouco coñecido no ámbito forestal e ignorado a nivel cidadán, permaneceu durante anos no esquecemento dos arquivos. Un artigo elaborado polo director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez, rescata agora esa historia da resina na comunidade e revela datos sorprendentes. Desde o 1950 ata inicios dos anos 70, resináronse en Galicia decenas de miles de piñeiros do país (Pinus pinaster) e demostrouse a viabilidade do aproveitamento.

A extracción da resina está a redescubrirse en Galicia nos últimos anos, da man dun polo de agora pequeno grupo de resineiros, que comezou a traballar en distintos concellos da provincia de Pontevedra e do sur da Coruña. O aproveitamento da resina en España perdera atractivo en décadas pasadas pola competencia china, con menores prezos, pero na actualidade a demanda mundial cubre toda a oferta existente a prezos competitivos, por riba do euro o quilo.

Os primeiros estudos consideraron viable o aproveitamento da resina en Galicia nos 2-5 anos anteriores á corta da árbore

Esa recuperación do mercado está a orixinar un novo auxe da resina, non só nas súas zonas tradicionais de extracción, caso de Castilla y León, senón tamén en áreas cun pasado resineiro e con potencial para o aproveitamento da miera, caso de Galicia.

Inicios
As orixes dos experimentos resineiros en Galicia datan de inicios dos anos 50, cando o Instituto Forestal de Investigaciones y Experiencias comezou a facer probas en piñeirais de Pontevedra (comarca do Morrazo, Ponteareas, Tomiño, A Guarda, etc.) e de Ourense (Entrimo). Os ensaios iniciais centráronse en comparar distintos métodos de resinado e en valorar as producións obtidas cada campaña de extracción (abril-outubro), segundo sinala Enrique Martínez nun artigo publicado polo Ibader (Universidade de Santiago).

As conclusións dos estudos, que continuaron durante dúas décadas, consideraban posible o aproveitamento da resina en Galicia e recomendaban facer a extracción nos 2-5 anos anteriores á corta da árbore, a fin de evitar que o labor tivese impacto no crecemento do piñeiro ou na calidade da madeira.

O alto valor da madeira nos anos 60, 800 pesetas o metro cúbico (equivalentes a 121 euros de hoxe), convertía a extracción de resina en secundaria

O alto valor que tiña entón a madeira de piñeiro xustificaba a preocupación, pois o metro cúbico, para pés cun diámetro maior a 20 centímetros, rondaba a mediados dos anos 60 as 800 pesetas daquela, equivalentes a 121 euros de hoxe. Na actualidade, os lotes de piñeiro, no mellor dos casos, non chegan a 40 euros metro cúbico.

Non hai datos concluíntes sobre o impacto do resinado no crecemento dos piñeiros galegos, pois non se atoparon as conclusións dos estudos comparativos que se realizaron nos anos 60, se ben si se conserva documentación na que se valora esa redución de crecemento nun 19% anual. En Portugal, país de gran tradición resineira, un estudo de finais dos anos 90 valoraba a perda de crecemento nun 10% ó ano.

Resultados dos ensaios
Os experimentos en Galicia no periodo 1950-1970 remataron con colleitas de resina por riba dos 2 quilos anuais por pé, o que se sitúa na produción media esperable no Pinus pinaster, que ronda os 2-3 quilos por campaña cun sistema de extracción por picas, que é o que finalmente se adoptou en toda a península e que segue vixente hoxe en día.

A parte dos experimentos do Instituto Forestal, é de destacar o aproveitamento impulsado pola Deputación de Pontevedra nos montes do Morrazo, onde nos anos 60 se resinaron 22.000 pés en 5 anos.

Á vista dos resultados dos traballos realizados, os técnicos concluíron daquela que a extracción da resina era posible en Galicia e mesmo consideraron viable a instalación de dúas plantas de destilación da miera.

Meteoroloxía
Como factores limitantes do resinado, os investigadores apuntaban ó minifundio da propiedade particular en Galicia e á meteoroloxía, pois a chuvia afectaba á recolección da miera ó facer desbordar os botes de recollida.

A chuvia representaba un problema, polo que se valorou a colocación de tapas nos botes de recollida da miera

Os técnicos valoraron entón a posibilidade de colocar tapas por riba dos botes que recollían a resina, co que calculaban que se podería aumentar a produtividade dos piñeiros un 10%, á vez que se reducía a entrada de impurezas.

Perspectivas
A falta de tradición do aproveitamento en Galicia e o desplome do mercado da resina, desde inicios dos anos 80, levaron a que se fose perdendo a memoria dalquelas experiencias iniciais, que hoxe serven de orientación para o traballo que desenvolve o Centro de Investigación Forestal de Lourizán de cara a valorar as posibilidades da resina en Galicia. O Centro está a analizar cuestións como novos métodos de extracción, volumes de produción ou o impacto do resinado sobre a madeira.

O artigo de Enrique Martínez, publicado na revista Recursos Rurais, do Ibader (Universidade de Santiago), sinala a hipótese de que Ourense, provincia con escasa tradición resineira, conte coas mellores condicións de Galicia para a extracción da miera. A súa maior temperatura estival, unida a menores precipitacións e humidade relativa, son algúns dos factores que avalarían esa posibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información