“Galicia precisa dunha xestión forestal activa que organice o territorio”

Navigator, a maior industria portuguesa do papel e da celulosa, merca cada ano máis de 300.000 toneladas de eucalipto en Galicia e está a arrendar terras na comunidade para plantacións propias. Entrevistamos ó director de abastecemento de madeira da firma lusa, Hermano Mendonça

“Galicia precisa dunha xestión forestal activa que organice o territorio”

Hermano Mendonça, director de abastecemento e loxística de madeira de Navigator, na factoría da compañía en Figueira da Foz (Portugal).

Navigator, a maior industria portuguesa do papel e da celulosa, está decidida a aumentar a súa presenza en Galicia. A firma lusa merca cada ano máis de 300.000 toneladas de eucalipto na comunidade e ten grandes expectativas no arrendamento de terras en Galicia para plantacións propias. Na actualidade, está a negociar com propietarios particulares e comunidades de montes máis de medio cento de acordos para o aluguer de terras. A iniciativa da compañía na comunidade segue o modelo de plantacións de Navigator en Portugal, onde a empresa xestiona unhas 110.000 hectáreas propias ou en aluguer.

Para abordar a actividade de Navigator en Galicia, entrevistamos ó director de abastecemento e loxística da madeira da compañía, Hermano Alves Mendonça, que nos recibe na factoría de Figueira da Foz (Portugal), unha das catro das que dispón a empresa. Abordamos con el cuestións candentes no sector, coma o futuro do eucalipto nitens, os prezos da madeira, os lumes, as plantacións ilegais ou as novas limitacións ó eucalipto en Portugal.

Comecemos falando da vosa actividade en Galicia. Que situación tedes de abastecemento de madeira na comunidade?
– En Galicia mercamos por riba das 300.000 toneladas anuais, con perspectivas de crecemento. Galicia ten reservas de madeira moi interesantes que poderán permitir un crecemento sustentable das adquisicións de madeira. Poderemos facelo por dúas vías, pola vía da compra de madeira no mercado e pola vía das plantacións que estamos acometendo en Galicia en terreos arrendados. O aluguer de terras é unha vía importante para medrar sobre a base dunha boa xestión forestal. Na actualidade, estamos en proceso de pechar máis de medio cento de acordos de arrendamento de terras com propietarios forestais e comunidades de montes.

“Se pasamos dunha situación de silvicultura lixeira a unha silvicultura profesional, crearase emprego e riqueza”

Cal é a motivación do voso plan de aluguer de terras en Galicia?
– A idea é garantirnos unha estabilidade no volume de suministro de madeira. Tamén pensamos que o proxecto de aluguer de terras proporcionaralle máis sustentabilidade social ó bosque en Galicia. Se pasamos dunha situación de silvicultura moi lixeira a unha silvicultura profesional, con boa elección de planta, rozas de mato e abonados, asegurando unha xestión certificada, crearase emprego, ó haber máis actividade no campo. Como é lóxico, a nosa compañía privilexia que tódolos traballos forestais sexan feitos por empresas locais. Iso crea riqueza no territorio.

Desde a nosa experiencia de décadas de xestión forestal, temos ademais a capacidade de aumentar a produtividade, en comparación con situacións en que un propietario está afastado do seu terreo e non pode facer a silvicultura axeitada. Buscamos en cada caso a ocupación de solo máis correcta. Se por cuestión de boas prácticas, determinadas localizacións dunha propiedade, como poden ser as ribeiras dun río, deben manter unha ocupación de frondosas, conseguirase unha ocupación compartida que sexa ambientalmente correcta.

En Galicia, na última década déronse casos xeralizados de incumprimento da normativa vixente, con plantacións de eucalipto en terras agrarias ou en masas de frondosas caducifolias. Como vedes estas plantacións, que finalmente acaban suministrando de madeira a industrias como a vosa?
– A legalidade é algo que ten que ser cumprido. Iso é indiscutible, non hai punto de discusión. Ningunha persoa na cadea pode pensar doutro xeito, mesmo por un tema de certificación forestal. Se unha plantación non é legal, non se pode certificar. Neste negócio non se pode ter só unha simple preocupación de suministro, hai unha preocupación social e ambiental no mercado. Os consumidores demandan a certificación forestal dos selos PEFC ou FSC, que garanten o respeto á normativa vixente, e queren empresas responsables. Todos temos que cumprir coa legalidade forestal, medioambiental e con todas as autorizacións precisas na nosa actividade.

“A legalidade ten que ser cumprida. Iso é indiscutible. Neste negocio, non se pode ter só unha simple preocupación de suministro”

Cal é a situación de certificación forestal no voso suministro de madeira?
– En conxunto, temos un 62% de madeira certificada, entre os selos FSC ou PEFC. O obxectivo é continuar medrando en madeira certificada. Toda a madeira do noso património, así como toda a madeira que mercamos en Latinoamérica é certificada. Galicia ten tamén un volume importante de madeira certificada e temos agora o reto de aumentar a certificación en Portugal, onde está retrasada en comparación con outros mercados, aínda que cunha forte taxa de crecemento nos últimos tres anos.

As prácticas aplicadas na xestión forestal merecen toda a nosa atención, pois o consumidor de papel de oficina que está no seu despacho quere que ese papel cumpra cunhas regras fundamentais. Esa preocupación é cada vez maior e ten que estar presente en toda a cadea, desde a orixe no bosque.

Navigator, o maior produtor europeo de papel de impresión e escrita

Navigator papel vertical

The Navigator Company, unha compañía nada da fusión das antigas Portucel e Soporcel, é a empresa líder en Europa na produción de papel de impresión e escrita. Produce cada ano 1,6 millóns de toneladas de papel nas súas factorías de Figueira da Foz e de Setúbal.

A maiores, a compañía introduciuse no 2015 na produción de tissué -empregado no papel de cociña e hixiénico- coa compra dunha factoría en Vila Velha de Rodao. No 2017, Navigator iniciou a construción dunha segunda factoría de tissue en Aveiro, que entrou en funcionamento no terceiro trimestre do 2018. A empresa produce na actualidade 120.000 toneladas de produto acabado de tissue. Tamén comercializa anualmente máis de 300.000 toneladas de pasta de papel que non emprega nas súas liñas de tissue nin de papel.

O eucalipto está a xerar unha importante polémica social, ata o punto de que Ence, o principal comprador de eucalipto en Galicia, anunciou que está disposto a incorporar nun futuro o piñeiro como materia prima. Vós vedes posibilidade de empregar o piñeiro ou outras especies, coma o bidueiro?
– Déixame explicalo do seguinte xeito. Cada árbore ten un tipo de fibra, propia da especie, que lle permite aportar distintas características ó produto final. Cada fibra ten o seu espazo no mercado. Unha fibra longa, como a de piñeiro, aporta maior resistencia, que é unha característica determinante para produtos como algúns tipos de embalaxe. A cuestión é atopar a correspondencia entre o mercado no que estás presente e o tipo de fibra que vas utilizar.

Para papeis de impresión, a fibra longa é menos importante. A fibra curta, como a do eucalipto, aporta boa calidade de impresión e ‘runnability’ nese tipo de papel, en tanto en tissue aporta suavidade. Dito isto, non podemos dicir que nunca imos utilizar fibra de piñeiro. Nós analizamos permanentemente o mercado buscando novas oportunidades.

“Sabemos como incorporar o eucalipto nitens ó noso proceso industrial e temos capacidade para aumentar o seu uso”

A expansión que experimentou o eucalipto nitens en Galicia na última década xerou debate sobre a súa posibilidade de uso na industria da celulosa e do papel. Que consumo tedes de eucalipto nitens e cales son as perspectivas de futuro?
– Empregamos tanto o eucalipto globulus coma o nitens. A realidade é que por posicionamento e por razóns históricas da adecuación do globulus en Portugal temos unha dominancia clara de globulus. É a especie dominante en Portugal e por agora tamén a dominante en Galicia. O globulus, como é sabido, ten un rendemento de produción de pasta máis alto e ten características de calidade moi axeitadas para os produtos que compoñen o noso portfolio. Destaca pola boa calidade de impresión que ofrece e pola boa ‘runnability’ (facilidade coa que o papel pasa a través dunha máquina de impresión), que son características fundamentais no papel de impresión.

Rolos de papel na fábrica de Navigator.

Rolos de papel na fábrica de Navigator.

O globulus ofrece tamén suavidade no papel tissue e permite boa calidade nos segmentos de produto acabado para os que vendemos a celulosa que non transformamos, que representa arredor dun 20% da nosa produción de celulosa total.

Dito isto, aprendemos nos últimos anos a traballar co nitens, sobre todo pola vía das crecentes dispoñibilidades en Galicia. Xa sabemos como incorporar o nitens ó noso proceso industrial para manter as características da celulosa e ter a capacidade de medrar con nitens.

A tendencia será de crecemento da incorporación de nitens. A industria ten que adaptarse e sacar o mellor que esta fibra pode ter para os produtos acabados. É unha fibra máis próxima ó globulus que outras fibras e é maís fácil facer a mestura. Terá tamén as súas diferenzas, que é importante que coñezamos, para sacarlles o máximo partido.

No Instituto de Investigación da Floresta e do Papel Raiz, impulsado pola Navigator, valoran características do nitens como a súa boa capacidade de absorción, ó presentar unha menor densidade, o que pode facelo axeitado para o papel tissue. Como valorades esa posible utilización?
– O nitens pode ter boas características para tissue. O globulus tamén outras importantes. O punto clave é atopar o equilibrio entre os dous, entre absorción e resistencia, xa que tamén son fibras un pouco distintas en dimensións.

Sobre a posibilidade de concentrar o nitens en tissue, ten que ser ben analizada. En Aveiro, parte da nosa produción destínase para tissue e outra parte para a venda de celulosa no mercado. Temos que encontrar un mix entre especies que permita un bo funcionamento da celulosa para todos os destinos.

Un dos factores que está a avivar a polémica sobre o eucalipto é a relación que se lle atribúe cos incendios forestais. Desde a cadea do eucalipto, acostúmase soster que existe unha demonización inxustificada da especie. Explícanos a vosa postura.
– Certamente, existe unha demonización da especie, baseada nunha percepción social limitada e parcial. A cuestión, como demostran estudos universitarios independentes, non é que unha especie determinada favoreza que haxa máis incendios ou que estes teñan máis intensidade. O factor máis importante é a xestión forestal. Está claro que se temos dous terreos coa mesma especie e nun faise silvicultura activa e noutro non, o risco de incendios será máis alto no terreo sen silvicultura. Este aspecto é crítico, tanto en Portugal como en Galicia.

“A sociedade ten un desafío. O monte, que hai anos xestionaba unha poboación activa, precisa modelos que permitan reorganizalo e reducir a carga de combustible”

Ligar incendios a unha especie non ten sentido. Cando hai un incendio en zona de eucalipto, piñeiro ou frondosas, o lume propágase se ten combustible. Se a carga de combustible é alta, propagarase máis. Se é baixa, pode parar. Hai incendios que chegaron a eucaliptais do patrimonio da empresa e que pararon na fronteira da nosa propiedade, que estaba xestionada cun control do mato.

A sociedade ten un desafio. O monte, que hai anos xestionaba unha poboación que vivía do gando e do bosque, precisa modelos que permitan reorganizalo e reducir a carga de combustible. E aí, unha vez máis, teño que destacar as vantaxes do proxecto de arrendamento de terras que desenvolvemos en Galicia. Se hai un actor no terreo con silvicultura activa, o monte estará máis limpo. Pode ser un actor como Navigator ou calquera outro operador que teña como obxectivo a produción doutras especies. Non é cuestión do eucalipto ou doutra especie. É estar no terreo cunha xestión forestal activa que permita organizar o territorio.

“É falso que haxa un monopolio no eucalipto, o mercado galego ten unha competencia moi alta”

Os prezos do eucalipto atópanse na actualidade nunha situación de máximos históricos pola boa cotización internacional da pasta de papel. Que perspectivas hai no futuro para os propietarios?
– O futuro é un escenario difícil de analizar. O que podemos dicir é que o mercado galego é moi competitivo, con moita liquidez, con moitos operadores, tanto industriais como intermediarios, que teñen unha intensidade de actividade variable. Todo iso vai influír na evolución dos prezos.

Para nós é complicado falar en concreto da valorización da madeira no monte para o propietario, xa que adquirímoslle a madeira a empresas forestais nos nosos puntos loxísticos. Desde o propietario ata os nosos puntos loxísticos (Santiago, A Coruña e Ferrol), a madeira ten custos variables. Transportar 10 quilómetros non é o mesmo que 50 e é distinto facer explotacións en pendentes fortes ou con poucos metros cúbicos que en terreos planos e con moitos metros cúbicos por hectárea. É complicado falar de prezos, pero a miña lectura principal do mercado galego é que é supercompetitivo.

Os propietarios forestais teñen unha visión distinta. Falan dun mercado monopolista, cun comprador de referencia (Ence) e outros dous ou tres grandes compradores que mantedes unha sintonía na oferta de prezos.
– É unha queixa que non ten sentido. O mercado galego é dos máis líquidos que existen. É un mercado amplo no que tes moitos operadores, tanto desde o punto de vista dos intermediarios como industrial, sexa para Portugal, para España ou para exportación a outros países.

Na actualidade estades mercando madeira en tres puntos loxísticos da provincia da Coruña. Tedes previsto retornar á Mariña lucense, que deixastes hai uns anos?
– A situación de Galicia para nós ten algúns desafios desde o punto de vista loxístico. A madeira viaxa mal e o tema da loxística é unha parte crítica do custo. Se comparas o prezo ó propietario da madeira en pé co noso custo da madeira en fábrica, falamos de cifras moi distintas. Por tanto, non é casualidade que esteamos en tres puntos loxísticos concretos, ten que ver coa eficiencia da cadea loxística.

“A Mariña lucense ten o problema do ferrocarril, xa que a liña estreita non nos permite actuar. Transportar madeira por navío é menos eficiente”

Calquera dos tres puntos (Santiago, A Coruña e Ferrol) ten ferrocarril. A grúa saca a madeira do parque, colócaa no tren e a madeira chega directamente a nosa fábrica, onde se saca do vagón e entra na liña de produción. É un sistema de transporte menos ineficiente que outros.

A Mariña lucense ten o desafío do ferrocarril. Ten liña estreita, que non nos permite actuar. Transportar a madeira por navío non ten a mesma eficiencia. Recibes o camión no porto, descargas a madeira no solo e despois tela que embarcar. Xa son dúas veces que tocaches a madeira. A continuación tes que descargar no porto de destino e cargar de novo para a fábrica. É un conxunto de operacións que restan eficiencia.

Haberá quen diga que, desde o punto de vista de proximidade, tería incluso máis sentido loxístico que actuarades na provincia de Pontevedra.
– Podería telo, dependendo da eficiencia loxística da operación, que non é resultado só da distancia de desprazamento.

A cuestión é que desde as asociacións de propietarios pénsase que hai un reparto do mercado no que lle deixades a Ence as áreas próximas as súas factorías de Navia e Pontevedra.
– Iso non ten ningún sentido.

Plantación de eucaliptos de Navigator en Portugal.

Plantación de eucaliptos de Navigator en Portugal.

A polémica sobre o eucalipto levou a que en Portugal se lexislase a prohibición de aumentar a súa superficie de cultivo. Como vos afecta esa normativa?
– É un tema lexislativo recente, con aspectos aínda pendentes de concretar, que crea unha nova situación de mercado. Podemos falar de superficie da especie, pero tamén de produtividade. A nosa actuación no mercado estase orientando moito a melloras de produtividade, a promover mellores prácticas que permitan producir máis madeira na mesma superficie.

Nesa liña, a asociación do sector, a Celpa, está promovendo iniciativas como ‘Limpa e Aduba (Limpa e Abona),que basicamente consiste en convidar ós propietarios forestais a facer o seguinte. Se limpan os seus terreos, nós ímoslles regalar o fertilizante para abonar. Iso ten un dobre efecto. Permite a limpeza do terreo, o que reduce os riscos de posibles incendios, e ó mesmo tempo promoves unha maior produtividade.

En Galicia, debatiuse nos últimos meses se prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e no interior e sur de Lugo. Finalmente, é un tema que queda pendente para os futuros Plans de Ordenación por Distrito Forestal. Como valorades as posibles limitacións en Galicia?
– O punto clave, tanto en Galicia como en Portugal, é ter un emprego máis racional do solo. Ter unha actitude fundamentalista de si a todo ou non a todo non vai promover a racionalidade no uso do solo. Hai áreas que seguro que están ben adaptadas desde un punto de vista técnico á plantación de eucalipto, igual que hai outras en que ten sentido a plantación de piñeiros ou de frondosas.

“Ter unha actitude fundamentalista non promoverá a racionalidade no uso do solo. O que ten sentido é crear mosaicos no monte de distintas especies”

O punto clave é atopar un equilibrio de convivencia entre especies que permita promover a biodiversidade. Facer unha plantación de calquera especie sen ordenación ou sen pensar no medioambiente non ten sentido. O que ten sentido é crear no territorio mosaicos de diferentes especies que permitan ter producións diversificadas cun valor engadido de protección ambiental, de xeito que se promova a biodiversidade e a protección, por exemplo, dos cursos de auga.

A cuestión é que se nas zonas aptas para o eucalipto, unha gran maioría de propietarios aposta polo eucalipto, como está a suceder, máis que mosaico, haberá un monocultivo.
– Galicia ten ese desafio que Portugal tamén ten na súa zona centro norte, que é a estrutura da propiedade minifundista, que dificulta a organización do mosaico. Pero non significa que sexa imposible facelo. Hai que buscar os medios de conseguir ese mosaico. Hai proxectos como as concentracións parcelarias de monte, que son difíciles de implementar, ou iniciativas como a nosa de arrendamento de terras, que poden axudar. Nós cando negociamos cun monte veciñal ou cun grupo de propietarios, non pretendemos utilizar todo o seu terreo para unha única especie. Teñen marxe para traballar con outras especies que sexan axeitadas ás características do terreo.

Interior dunha das factorías de produción de papel de Navigator.

Interior dunha das factorías de produción de papel de Navigator.

“Os produtos baseados na celulosa terán un ‘boom’ forte na sustitución dos plásticos”

Fálase moito nos últimos anos dunha era da bioeconomía que terá á madeira como protagonista, con posibilidades como a elaboración de bioplásticos ou fibras textiles. Que perspectivas hai para novos produtos industriais baseados no eucalipto?
– Estamos analizando oportunidades varias co apoio do instituto de investigación Raiz. Hai distintas opcións e creo que estamos nunha fase na que o desenvolvemento de produtos baseados na celulosa terá un ‘boom’ forte. Creouse un rexeitamento ós produtos do plástico e unha das alternativas naturais é a celulosa. As bolsas de plástico serán sustituídas por bolsas de papel en base a celulosa, un campo no que xa contamos cun produto lanzado no mercado, e hai moitas outras opcións de futuro. Temos tamén un proxecto de produción de aceites esenciais con follas de eucalipto, que é un proxecto xa cun grao de madurez, pero a maioría de desenvolvementos de mercado precisan aínda de analizar moitas cuestións.

Sodes tamén en Portugal un produtor importante de enerxía eléctrica a partir de biomasa, acadando o 4% do total da produción eléctrica do país. Cales son as vosas fontes de suministro de materia prima?
– A enerxía que producimos é con sobrantes do noso proceso industrial e forestal. Non temos cultivos enerxéticos para producir electricidade. Sempre hai sobrantes para a produción de enerxía. A casca da madeira é un bo exemplo. Toda a madeira con casca que mercamos, descascámola para producir enerxía. Se destoconas o terreo para plantar de novo, tamén tes que facer algo con esa materia. Empregamos ademais os restos de corta. Eses restos déixanse no terreo ás veces porque son fundamentais para abonar, pero noutras situacións de solo, iso pode ser menos necesario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información