“Galicia precisa dunha reforma agraria centrada nos usos da terra”

Edelmiro López, profesor de Economía na Universidade de Santiago, avoga por axeitar o marco institucional e a estrutura da propiedade para evitar o abandono do territorio

“Galicia precisa dunha reforma agraria centrada nos usos da terra”

Edelmiro López, segundo pola dereita, no debate posterior a súa intervención nas xornadas do Consello da Cultura.

O Consello da Cultura Galega, en Santiago, acolleu unhas xornadas sobre a situación dos montes veciñais en mancomún que abren diversas liñas de debate de cara ó futuro. Unha das cuestións que se abordou durante os dous días das xornadas foi o papel dos montes veciñais no desenvolvemento rural do século XXI. Sobre esa base, o profesor Edelmiro López (Universidade de Santiago, USC), presentou unha ponencia cunha reflexión máis global sobre os usos da terra, tanto privada como comunal. A súa conclusión: “Galicia precisa dunha reforma agraria dos usos da terra”.

A tese que defende Edelmiro López é que a estrutura da propiedade e o marco institucional non se adaptan ás necesidades sociais da actualidade. López, quen fora director xeral de Desenvolvemento Rural durante o Goberno Bipartito, avoga pola mobilización produtiva das terras en base a recurtar os dereitos asociados á propiedade privada. “Un non pode facer nas terras o que queira. Hai que establecer normas e aplicalas”, defende.

“Un non pode facer nas terras o que queira. Hai que establecer normas e aplicalas” (Edelmiro López, USC)

Terras abandonadas
Como exemplos no marco da súa proposta, Edelmiro cita a lei pola que se creou o Banco de Terras no 2007. “Un apartado clave do Banco de Terras era o réxime sancionador, non coa idea de multar por multar, senón para transmitir a idea social de que non son permisibles determinadas prácticas, coma o abandono da terra”, apunta. “Falamos de mecanismos graduais que buscan unha pedagoxía social efectiva. En canto houbese unhas poucas multas, a xente ía tomar conciencia do que pode e do que non pode facer”, conclúe.

Asociacionismo forestal

Outra posibilidade de acción sitúaa no marco forestal, onde estima que o 60% do monte, 1,2 millóns de hectáreas, está en mans de propietarios desvinculados do traballo da terra e que na súa maioría non practica ningún tipo de silvicultura. “Son unidades produtivas non viables polo minifundio e cun escaso manexo. Iso deriva noutros problemas, como unha situación estrutural propicia para os lumes forestais”, cuestiona.

“En Galicia, o 60% do monte está en mans de propietarios desvinculados da terra e que na súa maioría, non fai silvicultura”

“Unha alternativa para poñer en valor o monte foron no seu día as Uxfor, un modelo de promoción do asociacionismo que podía non ser a figura máis axeitada -recoñece Edelmiro-, pero que tiña unha cuestión importante. Definíase a pertenza voluntaria ás Uxfor, pero en canto houbese unha maioría de propietarios ligados ó proxecto, o resto de propietarios tiña que amoldarse. É o mesmo que se fai nas cidades co desenvolvemento do solo urbán, así que non estamos a falar de ningunha medida revolucionaria”, valora.

As propostas de Edelmiro fundaméntanse nunha análise da evolución de usos da terra durante as últimas décadas. En Galicia, houbo unha progresiva perda da superficie agraria, cun aumento das terras abandonadas e tamén da superficie forestal a mato ou con frondosas caducifolias, sobre todo na parte oriental de Lugo e Ourense. “A cuestión é como facilitar o aproveitamento da terra polas 40.000 explotacións gandeiras que continúan en Galicia e polos silvicultores profesionais”, conclúe.

Montes veciñais
Para o caso concreto dos montes veciñais, o profesor de Economía da USC parte da base de concebir estas superficies como un recurso para a obtención de rendas para o rural. Desde esa perspectiva, Edelmiro propón un aproveitamento diversificado do monte, non só forestal, que permita obter rendas do mercado.

“Son partidario de fuxir de alternativas voluntaristas. Hai que atender á demanda do mercado e á posibilidade de integrarse nunha cadea produtiva”

“Son partidario de fuxir de alternativas voluntaristas sen remuneración. Ás veces, hai un discurso sobre o potencial que temos que pregoa que Galicia podería producir X cousa. A cuestión non é o que poidamos producir, senón se hai demanda no mercado e se hai posibilidades de integración nunha cadea produtiva, como pode suceder nos últimos anos coa castaña”, valora.

Xeración de rendas e emprego para o territorio
Para impulsar un aproveitamento diversificado do monte, Edelmiro avoga pola flexibilización do marco xurídico, de xeito que se promova a aparición de pequenas cooperativas ou empresas locais, ben de comuneiros, ben de terceiras persoas, que cheguen a acordos cos montes veciñais para a súa explotación. “Quizais as comunidades de montes, máis que centrarse en obter rendas para a comunidade, deban priorizar a creación de rendas e emprego para a súa zona, ben de xeito directo, ben a través de iniciativas de axentes do territorio”.

“Coas comunidades de montes que non funcionan na práctica, sería bo deixalas así ou buscar unha vía temporal de xestión pública?”

Outra cuestión que puxo Edelmiro López sobre a mesa foi a das comunidades de montes non constituídas ou que non funcionan na práctica, en boa medida a causa de factores coma o despoboamento, o envellecemento ou a desvinculación dos veciños coa terra. “Sería bo deixalas así ou buscar un xeito de xestión pública desas terras en tanto non haxa unha comunidade que se faga cargo?”, cuestiona.

O progresivo peso que van collendo as empresas de servizos forestais na toma de decisións dos montes ou a parálise das comunidades por dificultades de financiación foron outras das cuestións que abordou o profesor da USC. “Tendo en conta que o monte veciñal é inembargable e, por tanto, non hipotecable, quizais sería desexable un sistema de avais da Administración que permita o acceso das comunidades de montes a créditos”, suxire López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información