Galicia logra ser autosuficiente en producción de sementes forestais de gran calidade

O conselleiro do Medio Rural visitou este xoves o centro encargado da xestión dos hortos sementerios e da recollida dos froitos na comunidade, Semfor, en Carballo. Cada ano facilítanse de media ao sector uns 1.000 kg de sementes de frondosas e outros 650 de coníferas

Galicia logra ser autosuficiente en producción de sementes forestais de gran calidade

O conselleiro do Medio Rural visitou este xoves o centro encargado da xestión dos hortos sementerios e da recollida dos froitos na comunidade, Semfor, en Carballo

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este xoves o centro de sementes forestais Semfor Galicia, onde constatou que Galicia ten suficiente cantidade e calidade de sementes para cubrir a demanda existente na nosa comunidade. Iso, engadiu, “é grazas a este centro e aos hortos sementeiros que ten a Xunta distribuídos por toda a comunidade, o que a converte ademais en pioneira dentro do España”.

Nesta liña, o conselleiro explicou que este é un servizo que se ofrece ao sector forestal (viveiros e produtores) a un prezo vantaxoso e, o que é máis importante, con garantías dun control fitopatolóxico estrito, xa que todas as sementes están sometidas a análises e a seguimentos xenéticos por parte da Xunta. Ao fio disto, o titular de Medio Rural avanzou que de media cada ano facilítanse ao sector uns 1.000 kg de sementes de frondosas e outros 650 de coníferas, aínda que estas cifras varían moito segundo a bioloxía das distintas especies e da demanda prevista. De feito, no que vai de ano e segundo informou o conselleiro do Medio Rural, xa se levan subministrado aos viveiros forestais máis de 761 kg de sementes, 270 de coníferas e 490 de frondosas.

Así, José González indicou que a maioría destas sementes van para uso silvícola pero tamén se destinan a actividades relacionadas coa investigación, coa divulgación, cos usos ecolóxicos e sociais e coa restauración dos montes tras os lumes forestais.

Ao tempo, destacou que de entre as coníferas producidas neste centro destacan en volume o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o piñeiro insigne (Pinus radiata), e entre as especies de frondosas sobresaen o carballo (Quercus robur), o carballo americano (Quercus rubra), a bidueira (Betula celtibérica) e a cerdeira (Prunus avium).

Proceso de recollida

A Xunta dispón de 16 hortos de semente por toda Galicia, cunha superficie total de 48 hectáreas e nos que se producen sementes de mellora xenética e de gran calidade. Porén, para cubrir a demanda esta produción complétase cun proceso de recollida nas denominadas unidades de materiais base, zonas nas que as masas arbóreas teñen un crecemento especialmente bo (tanto en volume como en rectitude) e das que se obteñen os froitos e sementes forestais para utilizar en silvicultura.

De feito, o actual stock do que dispón o centro, así como aquela semente xa entregada este ano, permite asegurar un subministro de planta de orixe galega para acometer practicamente a totalidade das repoboacións e cubrir as necesidades de semente anuais das principais especies produtoras de Galicia coa máximas categorías xenéticas. “Por iso, a nosa é unha comunidade pioneira e avanzada dentro do estado español”, salientan dende a Consellería.

Orixe

A Xunta de Galicia vén realizando un inxente esforzo na mellora do material xenético forestal dende a década dos 90. O Centro de Investigacións Forestais de Lourizan comezou daquela os programas de mellora xenética centrados no Pinus pinaster pola súa singularidade e importancia económica na nosa comunidade. Posteriormente iniciáronse os ensaios con outras especies como foron o Pinus radiata (piñeiro insigne), Prunus avium (cerdeira), Acer pseudoplatanus (pradairo), Fraxinus excelsior (freixo)… O obxectivo era acadar un material xenético de reprodución de excepcional calidade procedente de Galicia.

A día de hoxe son xa 16 os hortos de semente que chegaron á madurez produtiva e que xestiona directamente a Xunta a través do Semfor Galicia. O primeiro en crearse foi o do Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón. A continuación conseguiuse o primeiro horto de semente de Pinus pinaster de categoría controlada (a máis alta dentro das clasificacións que definen estas sementes) existente na península ibérica, o de Braxe, en Cedeira, onde se colectan arredor de 100 Kg de piñón ao ano, o que supón a posibilidade de plantación de 900.000 plantas de piñeiro da maior calidade xenética en cada exercicio.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información