‘Galicia é Mar e Monte’, un documental sobre a reutilización da madeira das bateas

A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) presenta un audiovisual sobre a reciclaxe da madeira de eucalipto das bateas de mexillóns, a modo de exemplo de economía circular

‘Galicia é Mar e Monte’, un documental sobre a reutilización da madeira das bateas

O vídeo preséntase dentro dos actos da Semana Forestal Europea, que se celebra do 4 ó 8 de novembro.

A Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) presenta o audiovisual ‘Galicia é Mar e Monte’ no que expón o caso da fabricación e reciclaxe das bateas de madeira, que logo de 25 anos producindo mexillóns na ría de Arousa son recuperadas para empregalas na construción, rehabilitación ou decoración.

A peza audiovisual é un anticipo da celebración da 5ª Semana Forestal Europea que se celebra dende o 4 ó 8 de novembro baixo o lema: Os bosques na Economía Circular. De feito, a reutilización da madeira que se recolle no vídeo é un exemplo de Economía Circular, que é clave para un desenvolvemento sostible. Así é que, tanto a madeira como os produtos forestais son un recurso renovable que contribúen á descarbonización da economía e axudan a frear os efectos do cambio climático, segundo reivindican dende Fearmaga.

No documental recóllese tanto o proceso de elaboración da batea como o rescate da estrutura ó final da súa vida útil para empregala noutros fins. Para iso contaron con colaboración de empresas como Hijos de Vicente Suárez, Forestal Arousa e Hércules Servicios Marítimos, todas elas vinculadas a este aproveitamento.

Ademais, na peza audiovisual tamén se amosa a importancia da industria do serrado da madeira no medio rural galego, incidindo en aspectos como a súa relevancia social, económica e medio ambiental, así como a evolución do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información