Experiencias de Lourizán co piñeiro de Oregón e coa sequoia

Os ensaios que ten desenvolto o Centro de Investigación Forestal confirman a produtividade en Galicia de ambas especies, que presentan a vantaxe de que dominan o mato no sotobosque e permiten optar por diversos turnos de corta

Experiencias de Lourizán co piñeiro de Oregón e coa sequoia

Sequoias na parcela de Zas. / Imaxe: Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán iniciou nos anos 70 e 80 ensaios con dúas especies que o tempo confirmou como produtivas e adaptadas a Galicia, o piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) e a sequoia (Sequoia sempervirens). O que fora director do Centro de Investigación en dúas etapas, Gabriel Toval, vén de expoñer os resultados daqueles ensaios nunha xornada sobre a adaptación do monte galego ó cambio climático. “Aquelas experiencias tiñan un obxectivo principal de comprobar a produtividade, pero tamén teñen interese no actual contexto de cambio climático”, subliña Toval.

A sequoia procede dun clima similar ó galego, tépedo e húmido, incluso con sequías máis marcadas na época estival, asentándose en altitudes diversas desde o nivel do mar ata os 900 metros, en tanto o piñeiro de Oregón pode chegar ata os 2.000 metros. Ambas especies aséntanse na súa área orixinal de distribución sobre distintos tipos de solo, entre eles solos similares ós galegos, ácidos, profundos e ricos en materia orgánica.

Piñeiro de Oregón
“En Galicia, os ensaios de piñeiro de Oregón situáronse de xeito maioritario en zonas de media montaña, en altitudes entre os 600 e os 1.300 metros. Son zonas menos produtivas que as de altitudes inferiores, pero pareceunos axeitado probar a especie en zonas onde non houbese unha presencia tradicional de Pinus pinaster (piñeiro do país)” -explica Gabriel Toval-. “A Pseudotsuga é unha árbore que en turnos curtos págase a prezo do Pinus pinaster, polo que non xeraría interese entre os propietarios. Cando presenta un diferencial de prezos importante é cando se vai a turnos longos, de arredor de 60 anos”.

Os ensaios co piñeiro de Oregón iniciados por Lourizán nos anos 70 situáronse en 18 parcelas de Galicia e do resto da Cornisa Cantábrica, probándose un total de 87 procedencias. As máis produtivas, que chegaron a multiplicar por catro ou por seis o resultado das que peor funcionaban, foron as orixinarias de zonas con exposición oeste, cara ó Pacífico, na súa área nativa, tanto nas cordilleiras costeiras como nas do interior dos estados de British Columbia (Canadá) e Washington, Oregón e California (Estados Unidos).

Diferencias entre procedencias de piñeiro de Oregón. / Imaxe: CIF de Lourizán.

Diferencias entre procedencias de piñeiro de Oregón. / Imaxe: CIF de Lourizán.

Eses ensaios co piñeiro de Oregón serviron nos anos 80 para as recomendacións de semente que emitía o Icona. O propio Gabriel Toval foi comisionado a Estados Unidos para demarcar zonas de recollida de sementes no ano 1986. Daquela, a especie experimentou un certo desenvolvemento en España, pero a súa expansión foi limitada e na actualidade rondará as 20.000 hectáreas, moi lonxe de países como Francia, que ten unhas 300.000 hectáreas reforestadas tras a Segunda Guerra Mundial, ou Alemania, que supera as 100.000.

Control do mato
Unha das cuestións de interese que presentan tanto as sequoias coma o piñeiro de Oregón é a densidade da súa copa, que deixa pasar escasa luz cara o sotobosque e dificulta o crecemento do mato. “En Galicia estamos afeitos ó eucalipto e ó piñeiro, que son dúas especies que deixan pasar abundante luz e que favorecen o crecemento do mato. Teñen vantaxes, como unha boa poda natural, pero en relación ó control da biomasa do sotobosque, do que se fala agora como vía para a prevención de incendios, son máis problemáticos”, expón Toval.

Parcela de sequoias en Lourizán.

Parcela de sequoias en Lourizán.

Altos crecementos da sequoia

Os ensaios coa sequoia desenvoltos por Lourizán en Daneiro (Zas, A Coruña) e Foz (Lugo), entre outras ubicacións, confirmaron a boa adaptación da especie a Galicia. En Foz lográronse ós 12 anos crecementos medios de 13,1 metros e diámetros de 23 centímetros, cun máximo de 20 metros de altura e diámetro máximo de 43,9. A taxa de supervivencia foi do 72%.

Outro ensaio realizado en Zas logrou números menores, se ben tamén positivos. Ós 17 anos, a plantación tiña crecementos medios de 12,72 metros, cun máximo de 26 e un mínimo de 1,80. En diámetro, a media foi de 24,2 centímetros, cun máximo de 59 centímetros. A taxa de supervivencia foi do 62%.

Lourizán seleccionou os exemplares de sequoia que superaron os 21 metros ós 16 anos

“En canto a procedencias das sementes, nos dous ensaios logramos exemplares sobresaíntes en cada procedencia. Houbo unha gran variabilidade de resultados, que se terían reducido se estivesemos falando dunha plantación clonal”, destaca Gabriel Toval.

O Centro de Investigación Forestal fixo unha selección da sequoia nas parcelas do propio centro a partir de 197 clons dos que seguiu a súa evolución, seleccionando a todos aqueles que superaron os 21 metros de altura ós 16 anos. “A sequoia é unha especie que os 4-5 primeiros anos medra pouco. En Lourizán, o crecemento medio ós 4 anos era de 0,86 metros, pero unha vez que pasa ese periodo, as árbores desenvólvense a un gran ritmo, superior ó metro de altura por ano”, sinala Toval, que lembra tamén outro elemento destacado a ter en conta na sequoia: “Ten unha casca similar á sobreira no sentido de que resiste o paso do lume, rexenerándose a copa tras os incendios”, salienta.

Turnos de corta
A sequoia permite optar por un gran abano de turnos de corta. En Francia estase usando en turnos moi curtos para aproveitamento de biomasa e tamén existe a opción de producir madeiras de calidade en turnos longos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información