A expansión da avespiña do castiñeiro obriga a intensificar a loita biolóxica

Medio Rural proxecta multiplicar por dez a solta do insecto parasitoide da praga, sempre e cando teña a autorización ministerial. Agárdase que o problema estea baixo control nun prazo de 2-3 anos

A expansión da avespiña do castiñeiro obriga a intensificar a loita biolóxica

Avespiña do castiñeiro. / Imaxe: Areeiro.

A avespiña do castiñeiro detectouse por primeira vez en Galicia no 2014, no campus de Lugo. Tres anos despois, xa está presente en máis da metade dos concellos galegos. Non é un problema menor, pois a praga caracterízase pola súa rápida propagación, e espéranse perdas na colleita de castañas xa desde este ano. Ante ese escenario, Medio Rural trasladoulle ó sector que no 2018 ten previsto multiplicar por dez a loita biolóxica contra a avespiña, sempre e cando teña autorización ministerial.

O combate da avespiña do castiñeiro céntrase na solta do ‘Torymus sinensis’, un insecto parasitoide que representa a vía máis eficaz para controlar a praga. Xa se usou con éxito en países veciños, como Portugal, Francia ou Italia. O problema é que en España o Ministerio aínda non autorizou soltas masivas, unha situación que preocupa no sector da castaña.

Soltas experimentais
Polo de agora, o Goberno só permitiu soltas experimentais do ‘Torymus sinensis’, á espera de concluír os estudos sobre o seu posible impacto na entomofauna autóctona. O retraso nas soltas masivas suscita enfado entre os produtores de castaña, pois non entenden que sexa preciso tanto estudo cando o uso do ‘Torymus’ xa se autorizou en países veciños.

Se o Goberno autorizase soltas masivas na primavera do 2018, cuestión aínda non confirmada, Medio Rural ten previsto pasar dos 133.000 ‘Torymus’ que puxo este ano en circulación a máis dun millón, segundo lle trasladou nos últimos días ó sector forestal. A previsión sitúase en multiplicar por dez o esforzo contra a praga.

Coa solta do insecto parasitoide da avespiña, espérase que a praga quede baixo control nun prazo de 2-3 anos. Entre tanto, o sector da castaña xa ten asumidas perdas na colleita, que se esperan para esta mesma campaña, coa perspectiva de que sigan crecendo o próximo ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información