Estes son os 152 Concellos que se suman ó sistema público de rozas do mato

As Administracións prevén que os traballos forestais comecen en marzo. Os municipios participantes deberán elaborar un plan de prevención de lumes, que incluirá a delimitación de franxas de prevención arredor dos núcleos de poboación e a identificación dos propietarios afectados

Estes son os 152 Concellos que se suman ó sistema público de rozas do mato

Área de Camariñas na que se eliminou o arborado arredor das vivendas e se mantén o terreo rozado. / Arquivo.

O sistema público de xestión de biomasa, que lle ofrecerá rozas bonificadas a 350 euros por hectárea ós propietarios forestais, comezará a funcionar na práctica esta primavera, segundo as previsións que manexan as entidades promotoras da iniciativa, a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Participarán no sistema un total de 152 concellos -que se listan embaixo-, 41 da provincia da Coruña, 34 de Lugo, 48 de Ourense e 29 de Pontevedra.

Todos os municipios que adheriron ó sistema están obrigados á elaboración dun plan municipal de prevención de incendios forestais. Ese plan, que se poderá ir desenvolvendo por zonas ou abarcar todo o Concello, establecerá as franxas de protección que hai que rozar arredor dos núcleos de poboación, así coma a identificación dos propietarios afectados.

Está pendente de baremación a prioridade das rozas nos Concellos que participan no sistema

A lexislación establece que antes do fin de maio de cada ano teñen que estar rozados os 50 metros de monte arredor de solo de núcleo rural, urbán ou urbanizable. Tamén a mesma distancia arredor de edificacións ou vivendas illadas. En toda esa superficie, ademais, non pode haber nin piñeiros nin eucaliptos, aínda que si frondosas caducifolias cunha separación mínima de 7 metros entre cada árbore.

Inicio das rozas
Os Concellos, coa colaboración de Xunta e a Fegamp, están a iniciar a delimitación das franxas de protección arredor dos núcleos de poboación. As Administracións proxectan o inicio dos traballos forestais para o mes de marzo. Estes traballos, que se acometerán por medio da empresa pública Seaga, abarcarán un total de 16.000 hectáreas ata o ano 2021, segundo os cálculos de Medio Rural e Fegamp.

Nun inicio, estaba previsto que os traballos se iniciaran no outono pasado, pero finalmente postergáronse para esta primavera. Se se cumplen as previsións de superficie xestionada, Seaga tería que afrontar este ano a roza de máis de 5.000 hectáreas, a un prezo bonificado para o propietario de 350 euros, moi inferior ó prezo de mercado, sobre todo nos casos en que haxa que acometer traballos manuais.

Prioridades
A Xunta e a Fegamp teñen aínda pendente de baremación a prioridade das rozas nos 152 Concellos que participan no sistema público de xestión de biomasa. Para esa baremación, as Administracións anunciaron que terán en conta criterios como a ubicación dos grandes incendios do 2017, os lumes con nivel 2 (con perigo para núcleos habitados) nos 10 últimos anos, a existencia de parroquias de alta actividade incendiaria ou a afección de ventos do nordés en municipios costeiros da provincia da Coruña.

A creación das franxas de protección dos núcleos é unha tarefa que se presenta titánica. A propia Xunta admite que en toda Galicia hai alomenos 130.000 hectáreas afectadas polas franxas de protección de núcleos, das que a Administración aspira a rozar unhas 5.000 cada ano.

Está previsto que os Concellos participantes do sistema abran convocatorias para que os seus veciños soliciten as correspondentes rozas bonificadas nos ámbitos de actuación que defina cada municipio. No caso dos veciños que non participen do sistema, terán en teoría que afrontar os traballos polos seus propios medios ou expoñerse á posibilidade dunha execución subsidiaria da tarefa por parte do Concello, que lle cargará os correspondentes custos ó propietario.

De cara ó futuro, a Fegamp e a Xunta queren promover usos produtivos nas superficies que se rocen. O obxectivo pasa por evitar os custos anuais do mantemento dos terreos. As propostas céntranse en cuestións como plantacións de árbores froiteiras, viñedos ou frondosas.

Concellos que participan no sistema público de xestión da biomasa

Provincia da Coruña: Abegondo, Ames, Arteixo, A Baña, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Carballo, Carnota, Carral, Cerdido, Coirós, A Coruña, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, Lousame, Mañón, Moeche, Mugardos, Muros, Noia, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, San Sadurniño, Santa Comba, As Somozas, Teo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra e Vimianzo.

Provincia de Lugo: Antas de Ulla, Barreiros, Bóveda, Castro de Rei, Cervo, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, Friol, Guntín, O Incio, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Palas de Rei, Pantón, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Triacastela, Xermade e Xove.

Provincia de Ourense: Avión, Bande, O Barco de Valdeorras, Boborás, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Esgos, Gomesende, Laza, Leiro, Maside, A Merca, Monterrei, Muiños, Oimbra, Ourense, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, Piñor, Punxín, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Rubiá, Sandiás, Sarreaus, A Teixeira, Toén, A Veiga, Verín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia.

Provincia de Pontevedra: Agolada, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Covelo, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Lama, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui e Valga.

O caso pioneiro de Ribadeo
A creación de franxas de protección de incendios arredor dos núcleos de poboación é unha medida en vigor desde o ano 2007, se ben as Administracións esquivaron ata agora o control do cumprimento da lei. Os incendios do outono do 2017, que se saldaron con catro mortos e máis dun cento de vivendas afectadas, levou ás Administracións a tomar conciencia.

Unha das iniciativas pioneiras en Galicia na creación de franxas de protección estase a desenvolver en Ribadeo, onde o Concello xa lle notificou ós propietarios forestais o incumprimento da lexislación en arredor de 700 parcelas. Nun 80% das mesmas, os propietarios executaron ou están a tramitar as correspondentes cortas para adaptarse á lei, en tanto no restante 20% será o Concello o que execute as cortas de xeito subsidiario, pasándolle os correspondentes cargos ós afectados, segundo explica estes días na prensa o alcalde local, Fernando Suárez, quen tamén avanza que destinará 6.500 euros a axudas para a plantación de frondosas caducifolias nos terreos cortados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información