Estabilidade nos prezos do piñeiro e do eucalipto

O eucalipto globulus mantén boas cotizacións polo aumento de prezos da pasta de papel nos últimos meses. En piñeiro, continúa a tradicional diferenza de tarifas entre a parte norte e a sur da comunidade

Estabilidade nos prezos do piñeiro e do eucalipto

A boa cotización da pasta de papel repercute no mercado do eucalipto.

Os prezos da madeira en Galicia continúan a liña dos últimos meses, segundo a análise periódica que realiza a Asociación Forestal de Galicia. En eucalipto destaca a tendencia a primar as compras agrupadas procedentes de propietarios lindeiros, de xeito que se reduzan custos de corta e saca; en tanto en piñeiro a principal novidade chega por un lixeiro repunte do prezo do puntal de piñeiro.

As cotizacións do eucalipto globulus beneficiáronse nos últimos meses do aumento de prezos da pasta de papel, se ben non se recuperou totalmente a redución de prezos que se rexistrara a mediados do 2014, cando a baixada das primas gubernamentais á produción de enerxía con biomasa repercutiu no mercado da madeira.

O globulus atravesa unha época de bos prezos, pero aínda non recuperou totalmente a caída do 2014

O eucalipto nitens, pola súa banda, mantén as cotizacións do pasado verán, cando se produciran baixadas de entre 6 e 14 euros por tonelada. Se hai un ano, globulus e nitens pagábanse a 30-31 euros (madeira en pé, sen Ive, con casca), agora o nitens no mellor dos casos págase a 22-24 euros, segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia (AFG).

Aparentemente, o nitens ten un menor interese para a industria do papel. As pasteiras de España, tanto Ence como outras, están reducindo as compras de nitens. Sen embargo, o nitens segue a ter saída para Portugal a mellores prezos que os pagados polas pasteiras locais, segundo sinala a AFG. Tamén ten mercado como madeira de trituración para taboleiros, aínda que a menores prezos que as vendas para pasta.

Aparentemente, o nitens interésalle menos ás pasteiras, se ben ten saída para Portugal a mellores prezos

A posibilidade de que apareza unha nova empresa no mercado que demande esta madeira e relance prezos non se produciu polo de agora.

No mercado do eucalipto, unha tendencia a destacar nos últimos meses pasa polo fomento das compras agrupadas, que obteñen mellores prezos da madeira pola redución dos custos de corta e saca. A venda conxunta de propiedades lindeiras, de xeito que constitúan un couto redondo, está a ser primada tanto por Ence como por outros operadores.

Prezos do piñeiro
En piñeiro, o mercado mantén a tradicional diferenza entre os prezos do sur e da parte norte de Galicia. No sur, os lotes teñen cotizacións medias de entre 30 e 38 euros tonelada (madeira en pé, sen Ive), en tanto no norte, os prezos rondan os 28 euros, sempre falando de lotes con pés diversos para serra e trituración.

En piñeiro, a maior novidade chega dun lixeiro repunte do puntal para trituración

A maior novidade en piñeiro chega por un lixeiro repunte do puntal de piñeiro, que pode acadar os 12-18 euros en rareos, dependendo da accesibilidade, orografía e se é un primeiro ou segundo rareo. Na zona de influencia da fábrica de pasta de coníferas de Viana do Castelo (Portugal), os prezos poden ser 3-5 euros superiores.

Certificación
En piñeiro para trituración, a madeira certificada está a ter un plus de 1-2 euros por tonelada; en tanto en piñeiro para serra non se prima a madeira certificada.

En eucalipto, a tendencia actual é a primar a dobre certificación nos sistemas Pefc e Fsc. Se pola certificación nun dos sistemas se pagan uns tres euros, pola dobre certificación, páganse 4 euros, segundo as tarifas vixentes de Ence.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información