Erros e casos prácticos de sinistros forestais

Os traballos madeireiros copan o segundo posto de siniestralidade, tras a construción. Arredor dun 60% dos sinistros rexístranse en traballadores con menos de tres anos de experiencia no sector

Publicidade
Erros e casos prácticos de sinistros forestais

O sector forestal sitúase cada ano como un dos que maior siniestralidade presenta, ata o punto de ocupar con frecuencia o segundo posto das estatísticas de accidentes, só por detrás da construcción. Dúas son as características comúns de gran parte dos sinistros: danse na súa maioría en persoas con poucos meses de experiencia no sector e prodúcense principalmente nos traballos de tala e tronzado das árbores.

Existe numeroso material editado sobre a prevención de riscos laborais no monte, o último unha guía editada pola asociación asturiana Asmadera, pero tamén o Instituto Galego de Seguridade Laboral (Issga) publicou hai un par de anos unha guía con recomendacións prácticas. Repasamos recomendacións a ter en conta, erros detectados nos accidentes e casos concretos de sinistros.

Sistema de prevención
Desenvolver un sistema de prevención de riscos nas empresas forestais é unha das cuestións nas que inciden os técnicos. Débense avaliar os riscos, planificar a prevención e formar ós traballadores. É precisa tanto unha axeitada seguridade activa, coa correspondente organización e planificación de técnicas de traballo seguro, coma garantir a seguridade pasiva (mantemento da maquinaria, equipos de protección individual axeitados, etc.).

Erros comúns en sinistros forestais graves

Unha análise do Issga sobre os sinistros forestais graves nun periodo de cinco anos revelou unha serie de erros comúns e específicos:

– En todos os sinistros, houbo imprudencias profesionais (acceso a zonas perigosas, non gardar as distancias de seguridade, exceso de confianza, improvisacións, etc.).

– Nun 60% dos accidentes, detectáronse erros de organización, coordinación ou métodos de traballo.

– En máis dun 10% dos sinistros, houbo tamén fallos na protección da maquinaria.

– Outros problemas foron a non utilización dos equipos de protección individual regulamentarios ou a inexperiencia dos operarios.

– En conclusión, nos traballos de campo non se aplican os principios e medidas preventivas recollidos no plan de prevención da empresa. A prevención non está integrada na liña de produción nin é unha cuestión trascendente na liña xerárquica.

Casos de sinistros

Unha presentación do Instituto de Seguridade Laboral de Galicia recopila as principais medidas de prevención, riscos no traballo coa diversa maquinaria forestal e exemplos prácticos de sinistros. Repasamos algúns dos casos abordados.

Corte en perna con motoserra nun desprazamento
– Traballo: Explotación de finca de pinos. Corte polo pé e tronzado de árbores.

– Descripción do accidente: O traballador cortara polo pé un piñeiro, e dirixíase a facer as marcas para o tronzado. Levaba a motoserra ao ralentí, agarrada coa man dereita, cando se lle engancha unha póla na asa da motoserra, accionándoselle accidentalmente o acelerador. O traballador
perde o control da motoserra, e engánchaselle a cadea no pantalón sufrindo un corte na coxa da perna dereita.

– Causas: Non apagar a motoserra nos desprazamentos e non utilizar o pantalón anticorte.

Atrapamento dun traballador por unha árbore
– Traballo realizado: o traballador accidentado limpaba a base das árbores que se ían cortar polo pé. Tamén realizaba o amoreamento dos troncos, para a súa posterior carga e transporte ata o lugar de destino. Na mesma zona, outro operario talador realizaba o corte polo pé dunha árbore dun diámetro de 45 cm.

– Descrición do accidente: O accidente sobrevén cando o operario talador estaba cortando un piñeiro polo pé, e ao caer a árbore alcanzou ao outro traballador, causándolle a morte.

– Causas: presenza do traballador na zona de influenza da árbore que se estaba cortando polo pé e ausencia de comprobación do operario talador da presenza doutros operarios na zona de influenza da árbore, antes de comezar a corta polo pé.

Outro atrapamento por unha árbore
– Traballo que se realizaba:
Corta polo pé, procesado e amoreado dos eucaliptos da finca. A cuadrilla estaba formada por tres traballadores: un que manexaba a colleitadora; o accidentado, que realizaba a corta polo pé dos eucaliptos cunha motoserra, e o operario do autocargador.

– Descrición do sinistro
O accidentado estaba cortando polo pé un eucalipto duns 23-25 m de alto e uns 58 cm. de diámetro, cunha dirección de caída pretendida cara unha zona despexada da finca. Xa fixera o corte de entalladura, e no corte de tombado rompéuselle a cadea da motoserra. A dirección de caída desviouse un pouco da inicialmente pretendida, quedando a árbore enganchada noutra.

O accidentado chama ao operario da colleitadora e falan de tirar a árbore coa máquina. Entanto o operario vai cara a colleitadora, o accidentado ponse a cortar uns troncos que estaban no chan, debaixo da árbore enganchada, cando esta cae atrapando ao traballador causándolle a morte.

– Causas: rotura da cadea da motoserra ao realizar o corte de tombado, desvío da dirección de caída e traballar na posible zona de caída dunha árbore enganchada.

Golpe por unha árbore na súa caída
– Traballo que realizaba: O traballador accidentado estaba cortando un piñeiro polo pé, empregando unha motoserra, nunha finca forestal. As dimensións aproximadas do piñeiro eran de 21 m. de altura, e un tronco de 45 cm. de diámetro na base.

– Descrición do accidente: O traballador estaba cortando un piñeiro polo pé e no momento da caída da árbore, esta retrocedeu respecto da súa base, golpeando ao traballador na cabeza e tórax, que probablemente atopábase trala base da árbore, sen posibilidade de afastamento, xa que esta estaba rodeada de matogueira. Descoñécese o motivo que provoca o feito de que o tronco “saltara” ou rebotara cara atrás, podendo ter influído a frondosidade da copa ou o contacto con outra árbore próxima no momento da caída.

– Causas: rebote do tronco da árbore cara atrás. Presenza do traballador dentro da zona de perigo (zona trala árbore, é dicir, a contraria ao sentido de caída da árbore) cando se producía a caída da árbore, que acababa de cortar polo pé. Presenza de obstáculos nas diagonais detrás da árbore, é dicir, nas posibles rutas de escape ou camiños de retirada, que se atopaban cheas de matogueira.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información