Ence Pontevedra realiza compras madeireiras por 122 millóns de euros ao ano en Galicia

A Cátedra Ence da Universidade de Vigo presenta un informe sobre o Impacto da actividade forestal de Ence en Galicia, feito a partir da análise da totalidade das operacións madeireiras da compañía na comunidade entre 2011 e 2014

Ence Pontevedra realiza compras madeireiras por 122 millóns de euros ao ano en Galicia

A compañía xera o 30% do emprego forestal.

As compras forestais efectuadas por Ence nun ano en Galicia superan os 122 millóns de euros. Este dato inclúe tanto as compras de madeira como as adquisicións de produtos e servizos relacionados coa xestión forestal, que suman uns 25 millóns de euros ao ano. Así se desprende do informe sobre o impacto da actividade forestal de Ence en Galicia, realizado pola Universidade de Vigo a partires da análise da totalidade das operacións forestais de Ence na comunidade no periodo 2011-2014.

O estudo da Universidade, que tabulou datos vinculados a máis de 60.000 operacións cada ano, revela que a demanda de madeira da empresa xera preto de 178.000 xornais nos montes cada ano.

Máis compras na Coruña e Lugo
Entre 2011 e 2014, Ence comprou madeira en Galicia por valor de 388 millóns de euros e adquiriu bens e servizos forestais -diferentes á propia madeira- por uns 104 millóns de euros, o que equivale a unha media de 26 millóns ao ano. Esta actividade forestal desenvolveuse en 186 municipios distintos de Galicia, o 59 por cento dos existentes na comunidade. Ence mercou madeira nese periodo na práctica totalidade dos municipios da provincia da Coruña, no 88,71% dos municipios da provincia de Pontevedra, no 52,2% dos concellos lucenses e en pouco máis do 4% dos ourensanos.

Ence ademais xestiona en Galicia unhas 10.000 hectáreas de patrimonio forestal propio. A xestión do 54% desta superficie cumpre cos criterios de responsabilidade de FSC©, o selo de certificación máis importante do mundo na materia. Ademais, o 86% do patrimonio forestal de Ence cumpre cos estándares de sostenibilidade PEFC. De acordo ás conclusións alcanzadas polos investigadores da Universidade de Vigo, a compañía destinou á prevención de incendios entre 2012 e 2014 máis de 3,8 millóns de euros e realizou actividades de formación para preto de 2.000 propietarios forestais en toda a comunidade.

Emprego forestal
O informe da Universidade de Vigo presentado agora únese a un anterior realizado pola consultora KPMG, que no 2013 valorou o impacto económico da empresa e concluiu que Ence xera o 30% do emprego forestal na comunidade autónoma. A empresa, sinalaba KPMG, xera máis de 5.000 postos de traballo en Galicia e merca madeira ou servizos forestais a máis de 1.800 proveedores galegos, xerando o 28,7% do PIB forestal de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información