“Pedir que un propietario xestione o seu monte perdendo cartos é mala idea, pois leva ó abandono”

Abordamos co director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, algunhas das cuestións de actualidade no monte galego, como o proceso de extinción dos convenios da Administración cos montes veciñais ou os retos do Plan Forestal

Publicidade
“Pedir que un propietario xestione o seu monte perdendo cartos é mala idea, pois leva ó abandono”

Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.

O debate sobre o monte galego vive un momento de efervescencia, con cuestións candentes coma os lumes, o Plan Forestal, o eucalipto ou a extinción dos convenios de xestión que os montes veciñais manteñen coa Xunta. Debullamos co director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, algúns dos principais temas de actualidade na xestión do monte en Galicia.

Que diagnóstico fas da realidade do monte galego?
No monte galego conviven múltiples situacións. Galicia ten unha gran superficie de monte onde se dá unha gran actividade forestal cunha xestión excelente, aínda que convivindo con estes montes existen outros totalmente abandonados. Entre ambos extremos, dáse unha multiplicidade de situacións. É a cara e a cruz do monte galego.

“O reto é mobilizar a todos eses propietarios que non están a facer unha xestión do monte”

Cales son as prioridades a tratar no monte en Galicia?

Unha das prioridades pasa por mellorar e alcanzar a excelencia nos montes que están ben xestionados a día de hoxe: conseguir que todos teñan unha planificación, certificación forestal e atención continuada. Outro reto é mobilizar a todos eses propietarios forestais e comunidades de montes forestais que non están facendo unha boa xestión ou que non fan ningunha. Hai que ter presente que o monte galego é privado, ten donos e xestores, e é a eles a quen hai que dirixir as medidas e as políticas para conseguir que o monte estea nas mellores condicións.

Cal cres que é o papel regulador que lle corresponde á Administración?
Máis ca un papel regulador, hai que ver cal é o papel dunha Administración nunha zona coma Galicia, onde o monte está en mans privadas. O tema cambiaría moito se estivésemos nun país onde o monte fose público e estivera en mans das administracións públicas, pero no caso de Galicia, ó ser o monte privado ou comunal, son os propietarios deses montes e a cadea forestal os responsables da xestión.

Ó meu modo de ver, o papel dunha Administración moderna e eficiente debe centrarse en saber escoitar as demandas do sector forestal e da sociedade galega, interpretalas e poñer en funcionamento as medidas incentivadoras capaces de encamiñar o monte galego cara un futuro próspero.

Que esperades do Plan Forestal de Galicia?
O plan Forestal vai precisamente nesa liña e ten que ser ese compendio de medidas que consiga propoñer un horizonte motivador para as persoas que teñen que investir no monte galego. O plan ten que acertar onde hai que pór as inversións públicas no monte, acertar coas medidas, coas axudas, así como coa forma de xestionar todo isto, avaliando de xeito continuado o que acontece no monte galego. Para iso, a Administración ten que traballar man a man co sector. Se a Administración non acerta coas necesidades reais, por moitas axudas procedentes de fondos comunitarios que haxa, estes cartos rematarán mal empregados.

“Precisamos unha reformulación das axudas e que estas complementen a falta de rendibilidade dalgúns montes”

Un dos nosos obxectivos é conseguir unha nova formulación das axudas que estean directamente relacionadas coa rendibilidade dese monte. Hai montes en Galicia que non son rendibles, ben porque teñen unha baixa capacidade de produción ou porque están situados en zonas moi inhóspitas ou de grandes restricións ambientais, polo que non poden ser sostidos por eles mesmos. Necesitariamos que as axudas públicas viñeran a complementar a falta de rendibilidade destes montes e isto debería facerse estudando a realidade.

E logo están tamén os incentivos fiscais para favorecer os investimentos forestais, que poden chegar a funcionar como verdadeiros plans de xubilación, e aí hai un longo camiño. Por iso é tan importante que a Administración poña as ferramentas para favorecer o emprendemento no monte e por iso temos tanto celo no Plan Forestal, xa que se trata dun plan a longo prazo e hai que acertar moi ben coas medidas que se propoñen para incentivar que realmente haxa un fluxo de traballo e aproveitamento no monte.

“A industria debe avanzar en innovación, xerando capacidade para pagar mellor os recursos do monte”

Os montes veciñais van afrontar nos próximos anos un proceso de extinción dos convenios de xestión que manteñen coa Xunta. Que perspectivas e alternativas ves para eses montes?
Un dos subsectores do monte onde o diagnóstico debe ser máis preciso é nos montes veciñais, xa que unha parte moi importante, máis da metade desas 650.000 ha de montes veciñais, están xestionadas pola administración pública, mediante un convenio. Pasados 50 anos de moitos destes acordos, a realidade dista moito da que debía ser, estando moitos queimados ou desaproveitados. Hai unha crise da xestión pública dos montes veciñais e é preciso mudar de modelo. Precisamos un modelo no que as comunidades que o queiran poidan xestionar de forma directa estes montes ou que poidan optar por firmar outros contratos de xestión libremente.

É un proceso moi delicado, xa que estamos ante unha das figuras máis emblemáticas da realidade forestal galega.

“Nos montes conveniados, a realidade dista moito da que debería ser, estando moitas superficies queimadas ou desaproveitadas”

As alternativas que se propoñan teñen que xestionarse de xeito transparente e da man das comunidades de montes. Hai moitos exemplos de xestión privada de montes que están ben manexados, contan con certificacións, son un importante foco de emprego para o medio rural e producen rendas para os seus propietarios. Eses son os modelos que debemos imitar.

Cal é e cal vai ser o papel do asociacionismo forestal no futuro dos montes veciñais?
Dende a Asociación Forestal de Galicia levamos 30 anos traballando con montes veciñais e temos moi bos exemplos de xestión, cunha coordinación axeitada entre o equipo técnico da asociación e os socios dos montes veciñais. Hai montes que se poden presentar como exemplo de xestión e seguiremos estando ó servizo do que nos pidan desde as comunidades de montes.

“Temos moi bos exemplos de xestión de montes veciñais, cunha coordinación axeitada entre os equipos técnicos e as comunidades de montes”

Se se segue este camiño, seguro que vai haber un futuro de traballo en conxunto tanto para nós como para outras institucións colaborando na xestión destes montes, pero hai que ter moi presente que as comunidades deben ser sostibles economicamente, hai que aproveitar ben as axudas e traballar en colaboración coas comunidades, que son as donas dos montes.

Fálase dun interese da industria forestal e das empresas de servizos forestais por aumentar a súa presenza no monte veciñal. Como ves esas posibilidades?
A industria debe avanzar na modernización das súas instalacións, na innovación, en producir axustándose á Economía Circular e obtendo mellores produtos a partir dos aproveitamentos forestais. Sobre esa base, a industria debe ter capacidade de pagar os recursos que o monte ofrece. Ese é para min o papel que debe xogar a industria forestal galega, tanto da madeira como da pasta como do taboleiro ou outros produtos forestais e alimentarios.

E o papel das asociacións de propietarios é xestionar os montes, polo que, cada un debe atender as súas funcións. Cando se mesturan, creo que os resultados nunca son bos, xa que sempre priman uns intereses sobre outros. Hai profesionais moi bos na xestión do monte que se deben encargar dela e a industria ten que centrarse en producir e transformar os recursos do xeito máis eficiente e procurando repartir máis rendas cos propietarios.

Actividade da Escola de Silvicultura do Pico Sacro, coa marcaxe de pés de carballo americano para un rareo.

Actividade da Escola de Silvicultura do Pico Sacro, coa marcaxe de pés de carballo americano para un rareo.

“Sempre que se respete a lexislación, que hai que cumprir, estamos a favor da libertade de produción; non queremos unha economía planificada”

O eucalipto xa ten unha serie de prohibicións en Galicia, como a súa plantación en terras agrarias ou en substitución de frondosas caducifolias. Está agora a debate se son precisas novas restricións para limitar a expansión da súa superficie. Cal é o voso punto de vista?
Hoxe en día hai leis ambientais, Rede Natura, restricións de plantacións e moitas limitacións ós cambios de uso dos espazos agrícolas a forestais que xa preservan ps territorios fronte á expansión das especies de quenda curta. Nós defendemos a liberdade de elección e xestión dos propietarios do seu monte dentro do máis estrito cumprimento da lexislación forestal e dos protocolos de xestión forestal sostible, que hoxe en Galicia son os mesmos que no resto de Europa.

“Se houbese que establecer novas limitacións ó eucalipto, hai que compensar ós propietarios”

En ningún outro sector se limita de tal xeito e se indica como se ten que facer o traballo fóra das limitacións lexislativas. Temos unha lexislación que hai que cumprir, pero dentro dese cumprimento debe haber liberdade de producir e de xestionar os recursos do monte sen que se estea continuamente cuestionando e terxiversando estes dereitos.

E no caso de ter que establecerse máis limitacións, estes propietarios deben ser compensados. O que non se pode pedir é que a xente xestione o seu monte perdendo diñeiro, posto que iso leva ó abandono do medio rural. Ninguén quererá investir un euro no monte se continuamente está sometido a ameazas de limitacións, que levan a unha economía planificada. Contra iso rebelámonos.

Ademais, a administración forestal está moi mediatizada pola administración agrícola-gandeira, cando ten un funcionamento completamente diferente. Non se dan de conta de que a economía agrícola gandeira e leiteira está intervida pola UE, en canto que percibe axudas da PAC, mentres que a forestal quedou fora da PAC e é unha economía libre, polo que a perspectiva coa que se enfocan as medidas non pode ser a mesma.

Desde a Asociación Forestal de Galicia estades a impulsar, co conxunto da cadea da madeira, un plan para recuperar o piñeiro en Galicia. Que obxectivos principais vos marcades?
Marcámonos unha recuperación do piñeiro porque hai unha industria galega asentada dende fai ducias de anos no piñeiro. Tamén temos contrastado que a madeira de coníferas ten unha continua demanda en Europa e está entrando en mercados nos que ata o de agora non tiña apenas presencia, como é o mercado do contract, da decoración e o interiorismo. As grandes cadeas están a mercar importantes cantidades de madeira de conífera e Galicia, coas súas posibilidades de produción, ten que aproveitar a oportunidade. Porén, estamos asistindo a unha continua eliminación deste tipo de monte.

“A madeira de piñeiro ten unha demanda continua en Europa e está entrando en novos mercados. Galicia ten que aproveitar esa oportunidade”

Toda a cadea reaccionamos e estamos argallando o xeito de recuperar montes de coníferas, mellorar os recursos xenéticos e aplicar modelos silvícolas máis avanzados para reducir as quendas de produción. Ademais, é preciso conseguir que a madeira de piñeiro de mellor calidade teña un prezo axeitado, que resulte motivador para os que opten por este tipo de plantacións.

Este ano inaugurastes o monte demostrativo do Pico Sacro, que queredes que se convirta nunha escola de silvicultura no manexo de frondosas caducifolias. Que balance facedes dos seus primeiros meses de funcionamento?
Estamos moi satisfeitos, posto que nestes primeiros meses iniciamos unha actividade de transferencia de coñecementos moi intensa e levan pasado por estes seminarios do monte máis de 200 persoas. Pensamos que estamos facendo unha labor importante de difusión e de transferencia de coñecementos sobre como xestionar os montes de frondosas, dedicados fundamentalmente á produción de madeira (castiñeiros, nogueira e cerdeira) e de aproveitamentos complementarios (os cogomelos ou froitos como a castaña). Estamos motivando a bos profesionais a que veñan dar as clases alí para que vexan os traballos que hai que facer, os tratamentos sanitarios, etc. É unha escola dinámica de silvicultura.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información