“En Galicia temos que pensar en tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo”

Elier Ojea, presidente de Confemadera Galicia, a patronal galega da madeira, incide nesta entrevista na necesidade de fomentar o asociacionismo forestal. Fala tamén da recuperación do diálogo coa Consellería do Medio Rural

“En Galicia temos que pensar en tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo”

Elier Ojea, presidente de Confemadera Galicia.

O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, analiza a situación do monte galego co foco posto sobre grandes obxectivos como o asociacionismo forestal ou a necesidade de maiores apoios a investigación, formación e xestión silvícola. Aborda tamén nesta entrevista a recuperación das relacións con Medio Rural. Nuns días, a patronal galega da madeira ten prevista unha reunión coa nova conselleira, Ángeles Vázquez. Ojea xa avanza que Confemadera “quere estar e participar” nos órganos nos que se debate a política forestal do país.

Ao fío da elaboración do novo Plan Forestal de Galicia, as organizacións de propietarios advirten do contrasentido de que na comunidade se estea expandindo o eucalipto nitens, cando é unha especie con escasa demanda pola industria do papel e da madeira. Cal é a opinión do sector empresarial sobre esta situación?
– Desde a industria entendemos que o Plan Forestal é o traxe que se lle fai a Galicia desde a perspectiva dun desenvolvemento forestal sostible. Pódese definir unha recomendación sobre diversas especies, tamén tendo en conta as características de cada zona da comunidade, pero dicirlle que non a unha especie non nos parece correcto. Tampouco avogamos por ningún monocultivo. No caso do eucalipto, poderiamos ter mesmo unha maior produción de madeira cunha menor superficie ocupada pola especie. O Plan Forestal debe definir que temos, que podemos conseguir e marcar pautas.

“É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos. Ese non é o enfoque correcto”

A cuestión que se preguntan os propietarios é que especies plantar que poidan ter demanda. O nitens agora semella que non a vai ter e por outra banda tamén hai dúbidas de que haxa unha industria en Galicia que demande frondosas de calidade, como podería ser o carballo americano ou o castiñeiro.
– En España somos deficitarios no mercado da madeira e do moble. En conxunto, importamos máis do que exportamos. Polo tanto, hai demanda de madeira. O que sucede é que o sector madeireiro precisa de estabilidade no abastecemento e de bosques para grandes consumidores. Por outro lado, o mercado non se limita a Galicia. Podemos exportar, non hai que poñer barreiras. A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Ese é o marco no que hai que pensar. É difícil dicirlle a un paisano que pode plantar que vaia ter demanda en 20 ou 30 anos, ese non é o enfoque correcto. Hai que pensar en políticas para o país. O principal é ter boas plantas e superficies de plantación axeitadas para facer unha boa xestión silvícola.

“A cuestión é ter madeira de calidade en cantidades que permitan competir. Hai que pensar en políticas de país”

O problema do minifundio forestal é unha das vosas preocupacións, pero o asociacionismo forestal a través das Sofor (sociedades de fomento forestal), que permitirían agrupar a xestión de propiedades particulares, non remata de despegar.
– En Galicia non podemos seguir pensando que imos facer no monte mentras teñamos centos de miles de hectáreas de monte abandonadas e un minifundio de 600.000 propietarios forestais para 2,5 millóns de hectáreas. Se non desenvolvemos superficies axeitadas para facer silvicultura, estaremos todos os anos falando do mesmo, do balance dos incendios do verán, que xa é un tema cansino. Precisamos dunha definición do territorio e se non se fai, será culpa de todos os axentes. En tanto non sexamos capaces de tirar os valados e unificar o territorio para xestionalo, pouco se pode facer.

Esta semana estivo a nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nun acto voso en Xinzo, na presentación da campaña ‘O monte é a nosa vida’. ¿Tedes perspectivas de recuperar o diálogo coa Xunta que rachastes na primavera pasada?
– En realidade nunca houbo unha idea de irnos definitivamente. Foi un xeito de chamar a atención sobre un sector, o forestal, que entendiamos que non se tiña suficientemente en conta. Outros sacan os tractores a rúa, nós abandonamos temporalmente os foros de interlocución coa Administración, pero está claro que queremos estar e queremos participar. Imos iniciar agora un novo turno de conversacións.

“Nunca houbo a idea de irnos definitivamente dos foros de interlocución coa Xunta. Agora abriremos un novo turno de conversacións”

Nuns días reunirémonos coa conselleira e abordaremos cuestións como a que falabamos do asociacionismo. Pode ser o momento de abrir un camiño de traballo no monte en Galicia para valorar o percorrido que poden ter as figuras de xestión conxunta. Non é fácil, polas nosas características culturais, pero hai posibilidades, quizais pola vía das axudas fiscais ó asociacionismo. Temos que ver como podemos ser capaces de impulsalo.

De cara ós presupostos da Xunta do 2016, aumentan as partidas adicadas a investimentos produtivos no monte. Medio Rural destaca que se pasa de 25 a 51 millóns de euros. Estades satisfeitos con esa mellora?
– Todo aumento presupostario, benvido sexa. As expectativas deben ser falar máis cada ano de xestión sostible e de investigación e non estar sempre co tema dos incendios. O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos vén marcada por se hai moitos ou pouco incendios e a produción forestal queda á marxe dese escenario. Que se aumenten investimentos para adicalos a cuestións produtivas é positivo.

“O problema do monte é político. A preocupación diaria dos políticos é se hai moitos ou poucos incendios”

Na loita contra os incendios, o sector calcula que cada ano se gastan arredor de 100 millóns de euros na comunidade.
– Non sei a cantidade. O que está claro é que onde se valoriza o monte e onde se fai silvicultura non hai incendios. Aí está o mapa de lumes dos últimos anos para comprobalo. O investimento no monte ten ademais unha rendibilidade social en creación de emprego e en xente que non ten que emigrar. Para promover os investimentos, tanto na parte silvícola como na industrial, precisamos dun marco claro de xestión do territorio. En Galicia levamos 20 anos sen unha instalación industrial nova no sector da madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información