Elaboran unha cartografía dos incendios forestais para definir medidas preventivas

Elaboran unha cartografía dos incendios forestais para definir medidas preventivas

Presentación dos primeiros resultados do estudo.

Un estudo encargado pola Deputación de Pontevedra á Universidade de Vigo permitirá facer simulacións do comportamento dos lumes. Trátase dunha cartografía das zonas afectadas pola vaga de lumes de outubro de 2017 na provincia de Pontevedra. Este documento servirá para que un comité de expertos de diferentes países defina unha serie de directrices e recomendacións para a prevención dos incendios forestais. “Este estudo rigoroso que nace da preocupación desta administración fronte á ausencia dunha política forestal do século XXI”, afirmou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, na presentación dos primeiros resultados.

Este traballo parte das fotografías aéreas achegadas polos satélites Sentinel do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus. Estas imaxes permitiron que investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal aportaran información detallada dos lumes como a súa localización, a súa gravidade e a superficie que arrasaron. “Preténdese coñecer o tipo de vexetación ou zonas que paran os lumes e cales son os puntos nodais nos que se pode actuar para evitar os danos”, explicou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

O estudo incide en identificar e analizar os puntos críticos onde o lume queda fóra da capacidade dos medios de extinción

Un dos aspectos centrais do traballo pasará pola identificación e a análise de “puntos críticos”, daquelas zonas nas que “o lume se acelera e queda fóra da capacidade dos medios de extinción”, no marco dunha investigación que implicará o estudo de múltiples factores como explicou o director da Escola de Enxeñaría Forestal e coordinador deste proxecto, Juan Picos. O experto recalcou a importancia de “non ver so o que arde, senón como arde” e ter en conta “a severidade dos lumes” xa que “ás veces a prevención pasará non por reducir o número de hectáreas afectadas senón a intensidade coa que se viron afectadas”.

Esta cartografía permite comparar as zonas queimadas coas faixas de protección de biomasa fixadas pola lexislación, ou a incidencia dos lumes en diferentes tipos de propiedade. Así mesmo, Picos tamén abordou os efectos que estes lumes tiveron sobre bens de importancia patrimonial, como petróglifos ou mámoas, xa que máis de cen lugares catalogados foron afectados por esta vaga de lumes, o que leva a asumir “que ás veces non só imos ter que buscar prevención sobre zonas habitadas”.

Sen “solucións máxicas” ante un problema complexo

“A ferramenta máis potente para enfrontarse ós lumes forestais do século XXI é a modestia”, subliñou Juan Picos, que incidiu en que “estamos intentando resolver problemas complexos nun territorio complexo”, polo que “non hai unha solución máxica”. O experto referiu que o ano 2017 foi a nivel global o ano no que maior número de perdas humanas e económicas se ten rexistrado, con 171 mortos e máis de 18.000 euros en danos o que “son parte dunha tendencia global que ten que ver co cambio climático que estamos obrigados a intentar atender internacionalmente”, engadiu.

Os expertos inciden en traballar en diferentes escalas para atallar os lumes con actuacións supramunicipais e cunha planificación estratéxica

Tamén incidiu na necesidade de traballar en distintas escalas para evitar os lumes, actuando en niveis superiores ós municipais; facer unha planificación estratéxica máis alá do establecemento de faixas, senón identificando puntos estratéxicos de actuación; e tecnificar ou profesionalizar as actuacións.

O experto sinalou que é preciso analizar os resultados de anteriores lumes para entender que se fixo ben e que mal. A comparación desta información cartográfica coas das zonas afectadas nas vagas de lumes de 2005 e 2006 permitiron comprobar como “os lumes teñen memoria” e como as zonas afectadas por lumes de alta severidade no pasado se amosan máis propensas a volver padecelos nun futuro. Engadiu que “os grandes lumes de anos pasados son os pais dos lumes de mañá”, xa que homoxeinizan o territorio e eliminan actividades tradicionais nas áreas queimadas que serían beneficiosas como prevención. “O que fagamos nos lugares incendiados pode derivar no que aconteza noutros incendios”, explicou Picos.

Máis coñecemento e autoprotección

O responsable do proxecto insistiu na necesidade de dar un novo enfoque máis amplo á autoprotección da cidadanía no caso de incendios. “A solución non sempre é saír correndo e, ás veces, si confinarse nun lugar seguro. A xente ten que coñecer a dinámica do lume e así axudaría ós servizos de emerxencia”, apuntou.

Pola súa banda, o profesor Domingo Molina incidiu na necesidade de afrontar as investigacións dos lumes con maior coñecemento e con medidas de planificación estratéxicas con ferramentas axeitadas.

Logo desta fase inicial, o estudo comprende tamén o análise sobre o terreo. De feito, nesta presentación tamén participaron Eduard Plana, investigador do Centre Tecnològic Forestal de Catalunya, e o coordinador do Máster en Incendios Forestales da Universitat de Lleida, Domingo Modina, dous dos expertos que realizaron nos últimos días diferentes saídas de campo para avaliar os efectos dos lumes de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información