“É tremendo que sexa case imposible conseguir en Galicia boa madeira de castiñeiro ou de cerdeira”

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, aborda nesta entrevista o estudo que están facendo sobre os lumes na provincia, así coma outras cuestións ligadas ó sector agrario, coma o plan de compostaxe

Publicidade
“É tremendo que sexa case imposible conseguir en Galicia boa madeira de castiñeiro ou de cerdeira”

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Na algo máis dunha hora de entrevista con César Mosquera, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra insiste cada vez que pode en dúas ideas forza. Unha, “a situación do monte é o maior problema ambiental de Galicia”; e dúas, “é incrible, pero a perar diso, temos un coñecemento moi escaso sobre o que pasa no monte”. Falamos con el sobre a actuación da Deputación de Pontevedra no ámbito forestal e tamén das cuestións agrogandeiras nas que traballa o organismo provincial.

Tras a vaga de incendios do pasado outono, a Deputación de Pontevedra encargoulle un estudo a expertos internacionais, coordinado pola Universidade de Vigo, para darlle resposta á pregunta do millón: que se debería facer no monte. Teñen xa respostas?
– Un dos graves problemas que ten o monte en Galicia é que nin sequera coñecemos ben o que está pasando. Por iso encargámoslle ese estudo á Universidade, que estará previsiblemente rematado antes de fin de ano. Xa temos uns primeiros avances das súas conclusións e estámonos levando grandísimas sorpresas.

“Os grandes incendios teñen ‘memoria’, tenden a reproducirse nos mesmos lugares ó cabo duns anos”

En primeiro lugar, os grandes incendios ‘teñen memoria’. Tenden a reproducirse nos mesmos lugares ó cabo duns anos, o que aumenta a degradación do terreo e da vexetación. É un feito relevante para saber por onde hai que comezar. Esas zonas hai que protexelas.

De feito, unha das demandas das comunidades de montes de Pontevedra afectadas polos grandes lumes do pasado outubro era precisamente o apoio á restauración das zonas danadas…
– En Galicia, cadaquen ten as súas ideas sobre que facer para afrontar os lumes. Eu prefiro deixalo nas mans dos que saben máis. Con este estudo queremos lograr un coñecemento mellor do que temos hoxe en día e concretar en que dirección temos que actuar e cales son as medidas a aplicar. Necesitamos un proxecto estratéxico e serio.

Se cadra, hai que actuar prioritariamente en determinadas zonas. Unha cuestión que estamos vendo no noso estudo, que debera ser coñecida, é que hai puntos críticos no monte nos que o lume ou ben se para ou se acelera. Actuar en todo o monte é inatacable, pero se concluímos, como estamos facendo, que un incendio pode pararse nun lugar pero non noutros, actuemos prioritariamente neses puntos.

Cre que as franxas de protección en torno a núcleos de poboación son unha solución ou que, coma din os propietarios forestais, son un imposible de abordar?
– A conclusión que temos, polo menos en canto ós incendios do outubro pasado, é que as franxas de protección nas Rías Baixas non serven para nada. Primeiro, hai zonas na provincia de Pontevedra onde todo o territorio tería que ser franxa de protección e, en segundo lugar, onde deberan estar esas franxas de protección, tódolos incendios son pequenos e controlables.

“As franxas de protección contra o lume nas Rías Baixas non serven de nada. Primeiro, porque hai zonas onde todo sería franxa de protección”

Onde os incendios son perigosos, de altas temperaturas e con percorridos de quilómetros e quilómetros é noutras zonas, nas que as franxas de protección serían poucas e non farían nada para deter os lumes.

Desde o grupo parlamentario do Bng no Parlamento tense proposto unha moratoria para o cultivo do eucalipto, unha especie que a súa formación liga a un maior risco dos lumes. Cre positivo para o monte unha limitación ó eucalipto?
– O eucalipto é un círculo vicioso. Abandono, pouca produtividade e busca de solucións rápidas, cun crecemento descontrolado e sen planificación do eucalipto, que segue aumentando e aumentando. Evidentemente hai que restrinxir o eucalipto. Tocoulle ó eucalipto, pero púidolle tocar a calquera outra especie que se dera nas nosas condicións. O que é tremendo é que nestes momentos en Galicia, conseguir uns metros cúbicos de bo castiñeiro ou de cereixeira é case imposible.

“Prohibir o eucalipto? Está ben, pero dubido que iso resolva o problema do abandono do monte”

O paisano que ten unha plantación di, ‘Total, vai vir un incendio, total, veñen os xabaríns… E igual o intenta unha vez e cando se lle frustra a iniciativa, que medre o que cadre. E que vai ser o que lle cadre? Eucalipto. Entón, prohibir expresamente? Está ben, pero que iso vaia resolver o problema, dubídoo.

Serían precisos incentivos para favorecer especies alternativas?
– Incentivos si, pero realistas. Pódese dicir, imos poñer outras especies, si, pero como as imos cultivar, como se portan, como controlan a biomasa que teñen debaixo… Se temos que facer un esforzo de pasarlle unha máquina para desbrozala cada dous anos, pois non vai ser viable. Hai que ser realistas.

Se aprendín algo neste campo é que hai que ter a mente despexada e non lle ter medo ás cousas. Se é necesario, fagamos probas, pero non podemos poñerlle cortapisas a toda posible solución.

“Se aprendín algo neste campo é que hai que ser realistas, ter a mente despexada e non terlle medo ás cousas”

Sexamos realistas. Se, por exemplo, os expertos din que as queimas controladas poden axudar a reducir un problema moito maior, que son os lumes, haberá que facelas. Non poderemos andarnos coa historia de que esas queimas deterioran o monte. E se temos que plantar determinadas especies de pouco interese madeireiro en determinadas zonas porque son árbores que frean os incendios, haberá tamén que facelo aínda que sexan especies que non gusten.

A Deputación está a impulsar unha trintena de proxectos para establecer parques forestais en montes veciñais da provincia. Cre que é un modelo extensible ó resto de Galicia?
– Hai unha cuestión previa, que é que desde o 2013, as Deputacións temos moi restrinxidas as competencias. Por tanto, para abordar esta liña de axudas para a creación de parques forestais, tivemos que pedirlle expresamente autorización á Xunta de Galicia. A creación de parques forestais foi a fórmula que atopamos para que a Deputación puidera intervir e para cooperar na prevención de incendios e na posta en valor do monte con outros usos e xerando un atractivo social.

Obviamente, non podemos convertir toda Galicia nun parque forestal, pero é unha medida que ten antecedentes que están a funcionar razonablemente ben. A idea dos parques forestais é unha evolución do que se fixeramos no Concello de Pontevedra despois dos lumes do ano 2006.

“Areeiro e Mouriscade están funcionando de xeito extraordinario, aínda que hai que recoñecer que deberían depender doutra Administración”

Como valora os servizos que prestan a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e o Laboratorio de Mouriscade, dous organismos ben considerados no sector agrario?
– Son dous servizos que a Deputación está sostendo pola importancia que teñen para o sector agrario e pola traxectoria que teñen. Polo tanto, haberá que seguilos sostendo. Areeiro é un laboratorio de referencia en fitopatoloxía e Mouriscade tamén é un dos laboratorios destacados en análises de pensos e forraxes.

Témoslles moito cariño a estes dous centros, pero hai que recoñecer que están un tanto descontextualizados porque deberían estar dentro dalgunha institución ligada a estas cuestións. Quizais nunha fundación da Xunta ou vinculados a centros universitarios cos que establecer sinerxias. Teñen a vantaxe de estar ben atendidos pola Deputación e a limitación de non estar integrados nunha estrutura máis ampla.


“Hai unha demanda de compost moi superior á oferta que producimos”

Composteiros individuais.

Composteiros individuais.

Co Plan Revitaliza, introducistes xa a compostaxe de residuos orgánicos en máis da metade dos concellos da provincia de Pontevedra. Que valoración facedes da resposta da cidadanía a esta iniciativa?
– En primeiro lugar, convén explicar que o programa de compostaxe fixémolo no convencemento de que era o lóxico, o necesario e o futuro. Ben, pois agora hai máis, é unha obriga legal que para o ano 2023 o 100% do lixo orgánico se composte. Temos 36 Concellos adheridos e vanse incorporar máis. En canto á implicación da cidadanía, o problema que temos é o inverso. Estamos tendo sobreaportación.

“O plan de compostaxe está funcionando ata extremos insospeitados. Temos un problema de sobreaportación de lixo e practicamente non hai impropios”

Cando poñemos un composteiro comunitario nun Concello igual hai, por exemplo, 90 veciños inscritos que se comprometen a aportar lixo, pero na práctica atopámonos con que están aportando 200 ou 300.

A realidade é esa, cando un proxecto se pon a funcionar, a xente acompaña ata extremos insospeitados. Practicamente non hai residuos impropios, a xente só bota material orgánico. Estamos no 0,1% – 0,2% de impropios. Iso é incrible. Ten máis impropios o papel ou o vidrio. A xente responde moi ben e tentamos que a poboación estea informada e que quen xestione iso teña bo coñecemento.

Hai posibilidade de destinar o compost xerado a sectores coma o viñedo ou a horta?
– O asunto que ten o compost é que de cada 130 quilos (100 de residuos orgánicos e 30 de material vexetal estruturante) saen 10-12 quilos de compost. Entón, parece que é moito e ao final, a cantidade que sae é pequena. A cuestión é que a demanda que temos é moi superior ó compost dispoñible. Se produciramos mil veces máis compost, colocaríamolo.

No reparto do compost, ten prioridade a xente que entrega residuos orgánicos e normalmente, ou teñen unha hortiña na casa ou un xardín ou quérenllo dar a alguén, así que non é posible destinar compost para o agro. Tivemos propostas de produtores de viña e kiwi que nos querían mercar compost, pero non é posible.

Valorastes nalgún intre a posibilidade de fomentar a compostaxe de residuos gandeiros?
– Fixemos un sondeo no sector, tanto cando comezamos, no 2015, como este ano, cando xurdiu a cuestión da prohibición de esparrexer os puríns con sistemas de prato, pero non atopamos polo de agora un interese especial. No 2015, as granxas estiveron moi, moi apretadas a nivel económico e non estaban para pensar nestas cousas, pero en calquera momento poden verse nun problema grave polas restriccións ambientais.

“A compostaxe dos puríns é unha posible solución ás restriccións ambientais que poida ter o sector. Visitamos experiencias e pódese facer e non é caro”

A compostaxe dos puríns é unha posible solución. Non é un sistema caro e conséguese un abono de moita calidade e sen problemas medioambientais de aplicación. Nós visitamos algunhas experiencias e pódese facer, aínda que en Galicia hai bastante descoñecemento. Hai unha técnica bastante simple, que consiste en colocar unha cama de toxo e fentos nunha instalación con dúas paredes laterais e cuberta por un plástico. Sobre esa cama, uns aspersores van soltando o purín que se produce. Iso déixase compostar e ao cabo de tres meses tes un esterco perfecto.

Tamén se podería facer nos matadoiros, é algo máis delicado porque a normativa é máis estricta, pero pódese facer. O sector agrario no que está máis avanzada a compostaxe é no viñedo, onde case toda a xente está facendo algo, mesmo elaborando un compost no que se mesturan restos de podas e do despalillado das uvas con conchilla das conserveiras.

Volvendo á cuestión da compostaxe dos residuos orgánicos urbáns, esta primavera iniciastes unha campaña de distribución de composteiros individuais que xerou bastante interese. Como se está a xestionar?
– Os composteiros repártense a través dos Concellos que participan no Plan Revitaliza. O Concello trasládanos as necesidades que ten de composteiros comunitarios e individuais, así como de persoal que se adique á divulgación e formación de como compostar, e nós subvencionámoslle unha parte importante dos custos.

Polo de agora hai seis concellos que xa repartiron composteiros individuais, O Grove, Vilaboa, Mondariz Balneario, Mondariz, As Neves e Pontevedra. Podemos estar falando de arredor de 15.000 composteiros individuais repartidos e xa temos aberta unha nova convocatoria de apoio ós Concellos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información