Dous millóns de ‘Anaphes nitens’ contra o gurgullo do eucalipto

A Consellería iniciou en abril a loita biolóxica contra a praga que defolia os eucaliptais. Este ano incrementa nun 50% a liberación de parásitos contra o 'Gonipterus platensis'

Dous millóns de ‘Anaphes nitens’ contra o gurgullo do eucalipto

Acto da Consellería en Monfero para presentar a campaña de loita biolóxica.

A Consellería do Medio Rural está a aumentar a loita biolóxica contra o gurgullo do eucalipto (Gonipterus platensis). Este ano ten previstas a colocación no monte de 9.000 bolsas con ootecas (depósitos de ovos) de gurgullo parasitadas con Anaphes nitens, o insecto que depreda a praga. O ano pasado foran 6.600, o que representa un aumento de arredor do 50%.

Das 9.000 bolsas con ootecas, colocadas en arredor de 1.200 puntos da comunidade, estímase que sairán dous millóns de insectos de Anaphes nitens. As soltas iniciáronse en abril e xa se levan colocadas arredor dun terzo das bolsas, segundo calcula a Consellería, que onte organizou un acto en Monfero para presentar o seu plan de loita biolóxica contra o gurgullo do eucalipto (Gonipterus platensis).

Impacto da praga
A praga defolia as árbores e reduce o seu crecemento ata o punto de que cada ano se deixan de producir en Galicia arredor de 800.000 toneladas de madeira, segundo as cifras que baralla o sector forestal. A loita biolóxica contra o gurgullo é a principal vía de combate do Gonipterus, se ben hai o problema de que boa parte dos parásitos que se soltan cada ano morren chegado o inverno. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro traballa en novas vías para encarar o combate do gurgullo.

A Consellería dispón de 174 parcelas de mostraxe permanente para facer un seguemento das poboacións da praga e do seu parásito. Cada ano fanse máis de 4.000 prospeccións para evaluar a situación.

No acto de onte en Monfero, participaron a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto; así como representantes da asociación de produtores de madeira de Monfero (Proma Monfero) e de Ence, que tamén colaboran na loita contra a praga coas súas propias soltas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información