Domingo negro, catro mortos e máis de 15.000 hectáreas arrasadas

Máis de 200 incendios declaráronse durante a fin de semana en Galicia. A seca, os fortes ventos e a proximidade de parte dos lumes a núcleos de poboación desencadearon a traxedia

Domingo negro, catro mortos e máis de 15.000 hectáreas arrasadas

Lume na Serra de San Mamede. / Imaxes: @BrifLaza.

Galicia viviu esta fin de semana un pequeno inferno de lumes que deixa 4 mortos e máis de 15.000 hectáreas arrasadas. Os fortes ventos, a seca do monte e a proximidade de parte dos lumes ós núcleos de poboación desencadearon a traxedia. Morreron dúas persoas atrapadas nunha furgoneta en Nigrán (Pontevedra) e outra en Carballeda de Avia (Ourense), nas inmediacións da súa vivenda. Unha cuarta persoa faleceu en San Andrés de Comesaña, Vigo, como consecuencia dunha caída cando estaba extinguindo un lume, segundo trascendeu este mediodía.

É a peor parte dun fin de semana negro en Galicia que se saldou tamén con vivendas queimadas en concellos como As Neves ou Gondomar, así coma con naves industriais arrasadas en Pazos de Borbén e nas Neves.

O sur de Pontevedra foi a parte máis afectada polos lumes. Xeráronse grandes lumes en Pazos de Borbén, As Neves, Gondomar e Baiona que superaban na madrugada do domingo ó luns as 8.500 hectáreas calcinadas, segundo as primeiras estimacións que se fan no sector forestal a partir de datos satelitais.

A pantasma do sucedido en California sobrevoou Vigo na medianoite do domingo ó luns

Os incendios chegaron ata a propia cidade de Vigo, onde sobrevoou a pantasma do sucedido en California en torno á medianoite do domingo ó luns. Vivíronse entón situacións tensas tras xerarse pequenos lumes no propio centro de Vigo, no entorno da praza da España e no Castro, a causa de faíscas que chegaron dos incendios próximos. Chovían cinzas e pavesas no centro de Vigo mentres se producían evacuacións en parroquias do rural. En zonas como a avenida de Europa, os propios veciños organizáronse para colaborar na extinción do lume, unha imaxe que se repetiu noutros concellos.

Riscos para os núcleos
A ameaza das lapas sobre as vivendas foi unha constante en toda Galicia. Na noite do domingo, Medio Rural contabilizaba ata 14 incendios de nivel 2, con perigo para os núcleos de poboación. Na madrugada, quedaban 57 incendios activos dos 210 que se declararon durante a fin de semana, segundo os datos da Xunta. A conselleira de Medio Rural elevaba a cifra de incendios activos a máis dun cento un pouco antes das 8 da mañá de hoxe luns.

Incendio en Ancares.

Incendio en Ancares.

A parte dos lumes de Pontevedra, acadaron tamén gran dimensión incendios como o de San Cristovo de Cea (Ourense), que obrigou a evacuar o mosteiro de Oseira e que superaba na noite do domingo as 1.500 hectáreas. En Cervantes, nos Ancares lucenses, dous lumes queimaron durante a fin de semana arredor de 1.000 hectáreas e o listado de incendios problemáticos extendíase nas últimas horas a enclaves de toda a xeografía: o Xurés, Chandrexa de Queixa, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, etc.

Valoracións de Medio Rural

O director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, sinalou en declaracións ós medios que os incendios do domingo constitúen o peor escenario de lumes que lembra da súa experiencia profesional. Fernández Couto subliñou a conxunción de factores como os fortes ventos, a entrada de lumes procedentes de Portugal no Xurés e no Baixo Miño, e a alta actividade incendiaria que se rexistrou en Galicia. “Só o domingo, prendéronse 125 lumes”, advertiu Fernández Couto.

“Non existen datos que poidan soster a hipótese de tramas organizadas, pero si hai unha delincuencia homicida” (Tomás Fernández Couto)

A situación lembra a episodios vividos no 2006. “Houbo unha actividade delictiva homicida. É certo que se produciron lumes en zonas que podemos considerar de tradicional uso do lume, pero outros moitos rexistráronse en zonas próximas a grandes poboacións nas que non atopamos unha causa racional. Teño que pensar que o obxectivo neses casos é crear angustia e medo”, valorou Couto.

Preguntado polos medios sobre se existe unha trama incendiaria en Galicia, Fernández Couto negouno de xeito terminante: “Non existen datos que poidan soster a hipótese de tramas organizadas”.

O fenómeno de lumes que viviu Galicia a fin de semana tivo situacións homólogas en todo o Noroeste (Asturias, León) e tamén en Portugal, onde se rexistraron máis de 400 lumes e 11 mortos.

Valoracións no sector forestal

Desde o sector forestal, o responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo, recoñecía na tarde de onte a dificultade de loitar contra a vaga de lumes do fin de semana, dada a conxunción de factores problemáticos (número de lumes, vento, baixa humidade, alta temperatura).

“Ou conseguimos que haxa menos lumes ou que cando os haxa, sexan máis fáciles de apagar, o que ten que ver coa estrutura do territorio” (Jacobo Feijoo)

De cara ó futuro, Jacobo Feijoo apunta dúas liñas de traballo como imprescindibles: “Para evitar o caos cando se volvan repetir estas circunstancias, ou hai menos lumes ou cando os haxa, son máis fáciles de apagar”.

“Só haberá menos lumes se se fai algo contra os incendiarios e se remata coa impunidade, tomándose en serio o problema” -valora Jacobo Feijoo-. “É posible que as forzas de seguridade teñan una idea de quen pode estar queimando en cada zona, así que cando se abre a fiestra climática, ten que haber un traballo policial de seguemento e control sobre estes sospeitosos”.

A segunda cuestión que apunta o responsable de Asefoga refírese á estrutura do territorio: “Que os lumes sexan máis fáciles de apagar ten que ver coa estrutura do territorio. Hai que manter debidamente o retranqueo e limpeza de biomasa das zonas de seguridade. E hai que ter un rural activo, con cortalumes naturais (campos, prados, terras de labor) que funcionen como cinturón de seguridade dos núcleos de poboación. O que non xestionen as persoas, xestionarao o lume”, conclúe.

Nota: Información actualizada ás 12.24 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información