Diagnóstico ó monte veciñal galego: dous mundos, o atlántico e o interior

Medio Rural presenta un anuario de estatística forestal que permite unha análise da actividade e perspectivas dos 19 Distritos Forestais de Galicia

Os principais datos do monte galego aparecen recollidos nun anuario de estatística forestal que vén de presentar a Consellería do Medio Rural. O traballo, que analiza cuestións como as cortas anuais ou a actividade dos montes de xestión pública, ofrece unha completa radiografía dos montes veciñais galegos, que ocupan un terzo da superficie forestal da comunidade, 664.000 hectáreas sobre un total de 2 millóns de hectáreas. A primeira conclusión que deixan os datos é a gran diversidade que existe nos montes veciñais, cunha fenda clara entre as comunidades do Eixo Atlántico e as do interior de Lugo e Ourense.

O anuario sinala que en Galicia existen 2.994 comunidades que xestionan un total de 3.312 montes veciñais. Cada comunidade manexa unha media de 221 hectáreas, ten 44 comuneiros e, no caso das comunidades que presentan as súas contas anualmente, xeran uns ingresos anuais duns 44.500 euros. Esa é a media, pero se se desagregan os datos por provincias, as diferencias son significativas.

Un 40% das comunidades incumpre a obriga de presentar as contas anuais, con indicación dos investimentos realizados no monte

Actividade real
O primeiro gran asunto a ter en conta é a actividade das comunidades de montes existentes. A Xunta ten identificado que un 40% das comunidades de montes incumpren as súas obrigas administrativas, o que pode ser indicador de carencias de xestión ou da falta de actividade do monte veciñal. O principal problema radica en Ourense, onde máis da metade das comunidades de montes, un 52%, incumpren as súas obrigas administrativas, ben por non presentar as súas contas anualmente, con indicación dos reinvestimentos realizados, ben por non ter comunicada en tempo a renovación da xunta reitora ou o censo actualizado de comuneiros.

En Lugo, a porcentaxe de incumprimentos é tamén elevada, dun 46%, en tanto que no Eixo Atlántico, Pontevedra quédase nun 18,3% e A Coruña, a provincia con menor peso dos montes veciñais, nun 27% de incumprimentos.

comunidades de montes obrigas - ap

Relevo xeneracional
O segundo dato a ter en conta é o número de comuneiros medio. En Pontevedra é de 83 comuneiros, pero en Lugo non chegan nin a unha terceira parte, 25; cunha situación similar en Ourense, onde a media é de 33; estando A Coruña nunha posición intermedia con 54.

En Ancares – A Fonsagrada, con 284 comunidades, a media de comuneiros por monte é de 7 persoas

Se a comparación se fai por Distritos Forestais, as diferencias son aínda máis significativas. En Vigo – Baixo Miño, a media de comuneiros é de 147, pero nos Ancares – A Fonsagrada, un Distrito con 284 comunidades de montes, a media é de 7 persoas comuneiras.

Entre as 1.790 comunidades de montes que presentan as súas contas anualmente, os datos medios de ingresos revelan tamén maiores ingresos nas comunidades de montes de Pontevedra, que chegan ós 77.000 euros de media por comunidade, en tanto Ourense e Lugo quédanse por baixo de 30.000 e A Coruña ronda os 20.000, segundo os datos do anuario de estatística forestal, que se presentou hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento e que estará dispoñible nos próximos días na web da Consellería.

montes - comuneiros ap

Que futuro lles espera ás comunidades de montes do interior galego? É unha cuestión por resolver

Perspectivas
Así as cousas, os datos constatan as diferenzas entre un interior despoboado e envellecido, con menor actividade económica no monte, e un Eixo Atlántico con maior actividade e maior poboación implicada nas comunidades. Que futuro lle espera ás comunidades de montes do interior galego?. É unha cuestión por resolver, sobre todo cando a Xunta ten intención de abandonar progresivamente a xestión pública que mantén en parte dos montes veciñais.

A Administración galega xestiona arredor de 275.000 hectáreas de montes por medio de convenios que mantén principalmente con comunidades veciñais, pero a súa intención ó longo dos próximos anos é ir desvinculándose de boa parte das comunidades, mantendo só a xestión dunhas 100.000 – 120.000 hectáreas, principalmente en comunidades descapitalizadas e con montes protectores, pouco produtivos.

montes - superficie distrito

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información