“Detectamos indicios de irregularidades na certificación da cadea do eucalipto e estámolos investigando”

Entrevistamos a Anand Punja, o director para Europa de FSC Internacional, o principal selo de certificación forestal a nivel mundial, que está estes días en Galicia con motivo da asemblea de FSC España

Publicidade
“Detectamos indicios de irregularidades na certificación da cadea do eucalipto e estámolos investigando”

Anand Punja, director para Europa de FSC Internacional, durante unha visita dun monte en Galicia.

A certificación forestal, un sistema que trata de acreditar unha correcta xestión social e ambiental dos bosques, está a gañar peso nos últimos anos. Grandes compañías como Ikea ou Inditex esixen a certificación forestal para a madeira, embalaxes e papel que empregan. Esta demanda afecta a toda a cadea da madeira e en último termo, chega ao propietario forestal galego, que se beneficia dun maior prezo de até 3-4 euros por tonelada na madeira certificada.

Un dos dous selos de certificación forestal que opera en Galicia é FSC, que ten certificadas na comunidade ao redor de 60.000 hectáreas de monte. Estes días, FSC España celebrou en Galicia a súa asemblea anual, na que entrevistamos ó director para Europa de FSC Internacional, Anand Punja, co que abordamos cuestións como a investigación que está a acometer FSC na cadea do eucalipto en España e en Portugal, na que se detectaron indicios de irregularidades.

FSC anunciou recentemente que identificou riscos na cadea do eucalipto en canto a “volumes dispares, operacións inexactas e, por tanto, posibles declaracións falsas”, polo que iniciou un proceso de verificación de todas as operacións de compra e venda do segundo semestre de 2018, a fin de comprobar que non hai madeira sen certificar que entra na cadea de certificación FSC.

– Comecemos falando da demanda de madeira certificada, que está en ascenso nos últimos anos, en boa medida por esixencias do mercado. Que perspectivas teñen para próximos anos no consumo de produtos certificados?
– Os indicadores que temos apuntan a que a demanda de produtos certificados seguirá medrando. O mercado entende o que representan os valores de FSC e por que somos diferentes doutras iniciativas.

Os consumidores non queren realmente ser bombardeados por multitude de selos diferentes nin teñen tempo para investigar a orixe dos produtos que compran. Queren ter confianza nas compañías coas que traballan e FSC é unha certificación que xera confianza en que as compañías co noso selo están a facer o correcto na súa subministración de materias primas do bosque.

O noso obxectivo é cubrir o maior rango posible de produtos procedentes dos bosques, tanto para grandes empresas como para as empresas máis pequenas.

– FSC ten unha presenza destacada en países europeos e Norteamérica, pero a súa presenza é menor nos países do Sur. Como ve o problema da madeira ilegal que chega a Europa de bosques tropicais e que pode facer FSC para reducir esta situación?
– O primeiro que hai que destacar é que o noso principio fundamental é a legalidade. Forma parte dos nosos valores. En moitos países do Sur, hai un problema de gobernanza relacionado coa capacidade de implementar políticas. E aí é onde FSC pode axudar, funcionando en certa forma como unha subcontrata. Temos casos como Gabón, onde o seu presidente anunciou que toda concesión a empresas madeireiras debe realizarse coas garantías de FSC, por medio da certificación forestal de todo o proceso.

“Os países tropicais queren que os seus bosques sexan sustentables no tempo, un obxectivo para o que ven a FSC como un aliado”

A visión que teñen dos bosques países como Gabón é que queren que os seus bosques sexan sustentables a longo prazo e ven a FSC como un sistema que pode axudarlles a lograr ese obxectivo, pois podemos asumir a responsabilidade de monitorear no terreo a xestión forestal.

– A certificación forestal FSC sempre foi recoñecida polo seu peso ambiental e tradicionalmente viña contando co respaldo das organizacións ecoloxistas, pero en 2018 Greenpeace decidiu abandonar FSC. Cre que esa situación se pode reconducir?
– É certo que a nivel internacional Greenpeace deixou FSC, pero trátase dunha organización moi descentralizada e en moitos países Greenpeace segue sendo membro de FSC, como poden ser os casos de Nova Zelanda, Canadá ou algúns países europeos.

A cuestión principal é que Greenpeace aposta por un desafío máis profundo ao modelo de consumo. Non cre que sexa suficiente o reto de FSC, que é a promoción dun consumo máis responsable. Greenepeace oriéntase a promover a redución do consumo e a reciclaxe, que é un desafío que tamén nos parece interesante.

Quizais Greenpeace non poida promover os cambios que desexa a través de FSC, pero aínda así, recomenda aos consumidores que se aseguren de que un produto é FSC cando compran un produto novo con materias primas procedentes de bosques. Así que, en definitiva, continuamos tendo apoio de Greenpeace.

– FSC anunciou recentemente que está a desenvolver unha verificación de operacións da cadea do eucalipto en Portugal e España. Detectaron irregularidades na certificación da madeira de eucalipto?
– Realmente non podo ofrecer unha boa resposta sobre este tema porque aínda non sabemos o suficiente. Temos unha unidade especializada que traballa nestas cuestións e o que sabemos polo momento é que hai indicios de problemas que debemos analizar. Non sabemos como de grande ou pequeno é o problema. Por iso estamos a facer unha investigación para pescudar que sucedeu e traballar coas partes interesadas para atopar solucións.

– Que desafios destaca para o futuro na certificación FSC?
– Un reto claro é converter o sistema FSC en máis accesible para propietarios e xestores forestais. Debemos simplificalo, pero de xeito que siga sendo un sistema crible. Simplificar non significa convertelo en máis fácil, senón buscar diferentes formas de acceso ao sistema. Debemos atopar un equilibrio entre a simplificación e as seguridades que achega a certificación.

Pero o desafío máis grande é cambiar as actitudes, a percepción do que é FSC e como pode axudar a propietarios e xestores forestais no mercado da madeira.

Aumento da certificación forestal en Galicia en montes de xestión pública

Reunión da Xunta con FSC.

Reunión da Xunta con FSC.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, mantivo un encontro de traballo con representantes do sistema de certificación forestal FSC para analizar a situación actual do mercado da madeira e dos produtos transformados en Galicia. No encontro, o director xeral avanzou que se vai pór en marcha nas próximas semanas un proceso de certificación en montes de xestión pública.

Chan destacou a importancia destes selos de certificación para garantir o acceso da madeira aos mercados, á vez que garante tamén a propia sustentabilidade e xestión dos montes. De aí, sinalou, que sexa necesario realizar un esforzo conxunto por incrementar as superficies forestais certificadas en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información