Desenvolven un modelo para estimar o crecemento das masas de piñeiro en Asturias

Unha tese de de doutoramento do enxeñeiro de montes Manuel Arias, desenvolvida na Escola Politécnica de Lugo, xerou ferramentas para calcular a produción do ‘pinus pinaster’

Desenvolven un modelo para estimar o crecemento das masas de piñeiro en Asturias

Manuel Arias, no centro, cos directores da tese.

Unha investigación desenvolvida na Escola Politécnica de Lugo (Universidade de Santiago) xerou ferramentas para estimar a produción do piñeiro marítimo (‘pinus pinaster’) en Asturias. Os modelos de simulación do crecemento do piñeiro obtivéronse no marco da tese doutoral ‘Desenvolvemento dun modelo dinámico de rodal e optimización da xestión de Pinus pinaster Ait. en Asturias’. A tese foi dirixida por Ulises Diéguez e Marcos Barrio, e mereceu a máxima cualificación académica.

A investigación determinou métodos de cálculo sobre a calidade dunha localización para as plantacións de piñeiro e tamén xerou unha ferramenta para prever a evolución das masas da especie. A estimación da calidade dun emprazamento para o piñeiro estableceuse a partir da medición entre o primeiro e o oitavo nó. A tese buscou metodoloxías de cálculo independentes da idade das árbores, pois a míudo resulta complicado coñecer este dato.

Programas silvícolas
Outra ferramenta desenvolvida permite obter un modelo da evolución dunha masa de piñeiro en función de diferentes programas silvícolas. Os resultados do modelo comparáronse con outros modelos existentes para a mesma especie en Galicia e no norte de Portugal. A comparación indica que podería ser suficiente cun único modelo para explicar a evolución da masas de piñeiro en todo o noroeste da península Ibérica.

Nunha fase posterior, o investigador empregou o novo modelo para determinar o mellor programa silvícola para o piñeiro en Asturias (número, intre e intensidade das claras, así como idade axeitada para a corta final). Os resultados obtidos reflicten un programa silvícola óptimo con tres claras de intensidade forte.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información