A Deputación de Pontevedra destina 54.000 euros a un parque forestal en Vilaboa

A actuación enmárcase na liña de axudas do organismo provincial para a creación de áreas de recreo en montes veciñais

A Deputación de Pontevedra destina 54.000 euros a un parque forestal en Vilaboa

César Mosquera, vicepresidente da Deputación.

A Deputación de Pontevedra aprobará este luns unha axuda de 54.000 euros para a creación do parque forestal ‘Miradoiro de Cotorredondo’, en Vilaboa. A achega enmárcase na liña de axudas que o organismo provincial destina á creación de áreas de ocio en montes veciñais.

O parque forestal ‘Miradoiro de Cotorredondo’ terá unha superficie de 53 hectáreas, sendo o terreo da comunidade de montes de Santa Cristina de Cobres, que vén de cederllo ao municipio. A Deputación concederalle oficialmente ó Concello de Vilaboa un total de 6.360 euros para a redacción do proxecto do parque (o 80% do orzamento total de 7.950 euros), así como tamén 47.700 euros para a execución das actuacións indicadas nese proxecto, o que supón tamén o 80% do investimento orzamentado.

O parque forestal de Cotorredondo será singular, xa que os seus 549,5 metros de altitude sobre o nivel do mar fan que teña unha das mellores vistas da contorna das Rías Baixas. Así mesmo, existe na superficie de actuación unha necrópole composta por cinco mámoas e un petroglifo. Todo isto, xunto a súa situación entre Vigo e Pontevedra, e a súa proximidade ao parque do Lago Castiñeiras, convírteno nun dos puntos sur da provincia con máis interese paisaxístico.

O espazo conta con especies frondosas caducifolias, como castiñeiros e carballos, e con piñeiros, así como cunha zona de colección botánica composta por especies arbóreas de catro espazos do mundo, que é preciso liberar de especies invasoras como as acacias.

Neste sentido, no proxecto prevense realizar labores de conservación das masas frondosas autóctonas e eliminar acacias e eucaliptos, que na actualidade dificultan a visión da panorámica do entorno.

Dentro da superficie a mellorar, existe un antigo parque biosaludable, composto por táboas de exercicios de madeira, que vai ser arranxado e restaurado para uso e desfrute de visitantes e comuneiros.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, incide en que a liña de axudas para a creación de parques forestais trata de paliar “un dos maiores problemas ambientais de Galicia, o abandono do monte”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información