A Deputación de Pontevedra aproba as bases para as axudas a montes veciñais

Os apoios do organismo provincial enfócanse á creación de parques forestais públicos. Financiaranse tarefas de prevención dos lumes e a posta en valor dos terreos a nivel ambiental, recreativo e produtivo

A Deputación de Pontevedra aproba as bases para as axudas a montes veciñais

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou as bases das axudas.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará mañá venres as bases das axudas dirixidas a comunidades de montes veciñais da provincia. O organismo provincial, que reservou 1,2 millóns de euros para esta iniciativa, enfocará os seus apoios á creación de parques forestais de uso público.

Co obxectivo de garantir ese uso público, as bases das axudas establecen que as solicitudes deberán presentalas os Concellos, non as comunidades de montes. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou en rolda de prensa os motivos: “Queremos que os Concellos sexan os garantes do uso público e que, mediante convenios ou acordos coas comunidades de montes, estas cedan o uso aos municipios. Deste xeito evitamos que unha comunidade de montes que solicite unha axuda e que a consiga, despois non manteña a actuación ou peche o espazo ao público xeral”.

As solicitudes deberán facelas os Concellos tras chegar a acordos de cesión para o uso dos terreos

O periodo mínimo de cesión dos terreos do monte veciñal ó Concello establécese en 20 anos.
Os municipios interesados disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes.

Mosquera destacou que a intención da Deputación é crear áreas de uso público e disfrute da cidadanía mediante a posta en valor de áreas de monte comunal con valores paisaxísticos, produtivos ou ambientais.

As actuacións a subvencionar inclúen tarefas de prevención de incendios, posta en valor ambiental ou recreativa, revexetación e actividades produtivas como gandería e aproveitamentos micolóxicos. É obrigatorio que as actuacións se executen en alomenos en 50 hectáreas de terreo. “Non queremos financiar zonas verdes de 200 metros senón parques forestais en toda a provincia con diferentes reclamos. Esperamos que en dous meses poidamos dicir que temos proxectos significativos para apoiar”, sinalou o político nacionalista.

Liñas
As subvencións para os montes divídense en dúas liñas. A primeira terá 360.000 euros e destinarase á redacción de proxectos de intervención no monte. Subvencionarase o 80% do custo de elaboración do proxecto, cun límite de 120 euros / hectárea. Aqueles Concellos que soliciten esta liña poderán pedir no 2018 axudas para actuacións concretas que se deriven do proxecto.

A segunda liña, dotada de 840.000 euros, servirá para financiar tarefas de prevención de lumes, actuacións sobre o solo, revexetación e posta en valor ambiental e paisaxística. A subvención financiará como máximo o 80% do custo da actuación, cun límite de 900 euros por hectárea. Non se poderán acoller a esta liña as solicitudes que non incorporen un proxecto xa redactado.

En ambos casos, o 20% restante do orzamento total, ou a cantidade que quedase pendente de completar, terana que aportar os Concellos solicitantes, ben dos seus fondos, ben mediante acordos coas entidades titulares dos montes veciñais obxecto da actuación pretendida.

O vicepresidente da Deputación subliñou que o Plan de Mellora dos Montes nace con vocación de continuidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información