Demandan unha avaliación da superficie agrícola transformada en eucaliptais

A Sociedade Galega de Historia Natural pide que Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil elaboren sendos informes sobre a conversión ilegal de terras agrarias a plantacións forestais. Advirte do impacto do cambio nas reservas de auga

Demandan unha avaliación da superficie agrícola transformada en eucaliptais

Prados plantados con eucaliptos. / Arquivo.

En Galicia, nas últimas décadas é práctica habitual que parte das explotacións agrarias que abandonan a actividade fagan plantacións forestais nas súas fincas. O eucalipto é unha das especies elixidas con frecuencia para esas plantacións, aínda que a normativa prohíbe o seu cultivo en terras agrarias. En cálculos do sector, estímase que hai máis de 30.000 hectáreas forestadas de xeito irregular. A Sociedade Galega de Historia Natural vén de pedir agora unha avaliación oficial sobre a superficie agrícola transformada en eucaliptais.

O motivo da petición da Sociedade Galega de Historia Natural é o impacto que a forestación de terras agrarias pode ter no réxime de augas. A entidade cita un estudo que demostrou como o cambio dunha rotación agrícola millo – pradeira a unha plantación de eucaliptos alterou a hidroloxía dunha zona ata o punto de que ó cabo de seis anos, a capa freática de auga baixaba o dobre de rápido que antes da plantación. O motivo é unha maior interceptación da chuvia no outono – inverno e unha maior evotranspiración das plantas no verán.

Un dos autores do estudo, o edafólogo Francisco Díaz Fierros, advertía tamén recentemente nun acto público do impacto dos eucaliptos en terras agrarias e en zonas como cabeceiras de concas fluviais, se ben tamén precisaba que na maioría de solos forestais, os eucaliptos carecían de impacto perxudicial sobre a auga. Durante o verán, nun solo forestal, é mesmo maior o consumo de auga dun carballo que o dun eucalipto, segundo explicou Díaz Fierros, aínda que no global do ano, o eucalipto ten un maior consumo de auga que o carballo.

Petición por escrito dun informe
Os posibles problemas que poden xerar as plantacións de eucaliptos en terras agrarias levaron á Sociedade Galega de Historia Natural a contactar con Augas de Galicia -xestora das concas fluviais de Galicia Costa- e coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A organización ambientalista solicitou das dúas Administracións unha avaliación das superficies agrícolas transformadas en eucaliptais nos últimos 25 anos nos territorios da súa competencia.

A Sociedade Galega de Historia Natural pide asímesmo unha avaliación do impacto dos eucaliptos sobre os caudais circulantes e sobre as reservas de auga. Demanda, por último, que se adopten as correspondentes medidas correctoras.

Conflicto enquistado
O problema das plantacións ilegais de eucaliptos en terras agrarias é unha queixa recurrente das organizacións agrarias, que veñen pedindo desde hai tempo que a Xunta actúe de oficio contra elas, sen ser preciso que medie unha denuncia previa dun particular. O sector agrario advirte de que a forestación de terras agrícolas míngua o potencial produtivo da gandería e do agro, dificultando a expansión ou continuidade das explotacións.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información