A demanda de madeira estrutural para construción abre un novo mercado para o monte galego

Finsa e a Universidade de Santiago desenvolven novos produtos destinados á edificación a partir de piñeiro, eucalipto e castiñeiro. A empresa galega prevé a súa distribución a toda España e Europa

A demanda de madeira estrutural para construción abre un novo mercado para o monte galego

Construcción en madera estructural. / Archivo.

O auxe da construción de edificios en base a estruturas de madeira, en sustitución do formigón, está espallándose nos últimos anos por Europa e Norteamérica. As expectativas de mercado son de tal calibre que Finsa embarcouse nun proxecto para abrir unha nova liña de negocio con madeira estrutural, complementaria ás súas tradicionais liñas de taboleiro (aglomerados, MDF) e táboa de piñeiro. A iniciativa, presentada hoxe en Santiago, permitirá ademais xerar un maior valor engadido para a madeira de calidade dos montes galegos, en particular para piñeiro, eucalipto e castiñeiro.

O lanzamento de produtos orientados á construción en madeira estase a levar a cabo por medio dunha unidade mixta creada conxuntamente por Finsa coa Plataforma de Enxeñería para o Desenvolvemento da Madeira Estrutural (Pemade), ligada á Universidade de Santiago. A unidade oriéntase a lograr produtos de madeira sólida que sexan resistentes, durables e co mellor comportamento posible en caso de lume, segundo se explicou hoxe durante unha visita a Finsa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

A empresa galega está a desenvolver a súa liña de produtos de madeira estrutural con piñeiro, eucalipto e castiñeiro, tres especies habituais no monte galego que terán un novo mercado para a madeira de calidade. A expectativa de Finsa é que esta liña de negocio permita maiores pagos para a madeira de calidade no monte, pois trátase dunha gama de produto cun alto valor engadido.

Unha das liñas nas que traballa Finsa é no lanzamento ó mercado de Cross Laminated Timber (CLT), un produto técnico conformado por láminas de madeira encoladas que está experimentando crecementos da demanda incluso a dobres díxitos. A compañía galega quere convertirse na referencia na Península na produción de madeira estrutural, competindo tamén no mercado europeo.

Finsa está acometendo un proceso de robotización.

Finsa está acometendo un proceso de robotización.

Robotización das factorías
Outro dos focos de investimento de Finsa é a robotización das súas factorías, cun aumento do uso da intelixencia artificial. Este cambio tecnolóxico permítelle á empresa automatizar tarefas repetitivas e centrar o traballo das persoas en aspectos con maior valor engadido.

A compañía galega, que ten a 3.200 persoas en plantilla, máis de 1.000 delas nas súas instalacións de Santiago, demanda un perfil de profesional especializado e está a distinguirse nos últimos anos pola súa colaboración cos ciclos formativos de Formación Profesional. Desde o 2014, mantén un convenio de FP Dual cun ciclo superior de Mecatrónica e ten en proxecto colaboracións con ciclos formativos de aserrado e mobles.

O conselleiro delegado de Finsa, José Carballo, que acompañou hoxe ó presidente da Xunta na súa visita á factoría de Santiago, destacou que a empresa galega está a acometer un investimento de 200 millóns de euros no periodo 2016-2021. Finsa ten na actualidade 10 plantas produtivas na Península e Francia, estando catro plantas de fabricación de madeira en Galicia (Santiago, Ourense, Padrón e Rábade). A súa facturación en vendas no exercicio 2017 foi de 870 millóns de euros.

Imaxe de grupo da visita institucional hoxe a Finsa.

Imaxe de grupo da visita institucional hoxe a Finsa.

Industria da madeira en Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacou hoxe durante a súa visita a Finsa o papel da firma como “empresa tractora da cadea da madeira en Galicia”. “A industria da madeira en Galicia emprega a 20.300 persoas, que é unha cifra similar ó emprego que xera o sector da automoción na comunidade. Estamos, por tanto, ante un sector clave para a economía galega, que representa o 12% do emprego industrial de Galicia”, subliñou Feijoo.

A aposta de Finsa pola madeira estrutural foi apoiada por Feijoo, que agradeceu que a compañía galega estea a potenciar en Galicia a súa investigación e desenvolvemento (I+D). “A Xunta apostará pola construcción con madeira estrutural de edificios públicos coma colexios ou centros de saúde. Animo a todos os galegos a que tamén usen a madeira nos seus fogares, ben como elemento estrutural, ben como elemento decorativo. É unha materia prima autóctona, que contribúe a unha economía verde e o seu emprego é bo para Galicia”, sentenciou.

Feijoo puxo como exemplo do compromiso da Xunta coa madeira a sustitución das 1.200 fiestras dos edificios da Xunta en San Caetano, para as que se empregou exclusivamente madeira.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información