Decálogo de recomendacións para evitar lumes en época de alto risco de incendios

Durante o periodo que vai de xullo a setembro cómpre extremar as precaucións. Calquera descoido pode ser fatal en días de calor e monte seco. Repasamos as principais recomendacións a ter en conta

Decálogo de recomendacións para evitar lumes en época de alto risco de incendios

A época de alto risco de incendios (xullo-setembro) obriga a manter un especial coidado nas actividades que se realizan nas zonas forestais ou nas súas áreas de influencia. O uso do lume para queimas está prohibido e cómpre prestar atención ás normas e consellos básicos noutras actividades de risco, como uso de maquinaría agrícola ou lanzamento de fogos pirotécnicos en festas.

Repasamos con técnicos da Consellería do Medio Rural dez cuestións a ter en conta na prevención dos lumes forestais.

1) Non realizar queimas de restos agrícolas ou forestais, están prohibidas na época de alto risco de incendios, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Durante o resto do ano, haberá que cursar a correspondente comunicación ou solicitude de autorización.

Desde o 30 de setembro, para a queima de restos agrícolas amoreados, hai que comunicalo alomenos con dous días de antelación ao teléfono 012 e seguir as normas básicas establecidas pola Consellería. Entre as cuestións a ter en conta, Medio Rural destaca as seguintes:

– As queimas non se farán antes da saída do sol e deben quedar extinguidas dúas horas antes da súa posta.

– Antes de iniciar o proceso, hai que limpar unha franxa perimetral de 5 metros ao redor da fogueira.

– En caso de vento, non se poderá prender a fogueira. Se o vento comezase despois de prendida, haberá que apagala.

– Débese vixilar o lume e non se pode abandonar a fogueira ata dúas horas despois de extinguida, a fin de evitar que se reproduzan as lapas.

– Dado o risco que leva consigo o lume para a seguridade persoal, as queimas deben facelas un mínimo de dúas persoas.

Para a queima de residuos forestais, haberá que solicitar unha autorización con alomenos 7 días de antelación a través do teléfono 012. Un axente forestal desprazarase ao lugar para valorar a queima e emitir a correspondente autorización.

2) Non fumar ou facer lume en terreos forestais. Non guindar cigarros nin fósforos ao chan.

3) Non realizar fogueiras para recreo ou ocio. Non se poden preparar alimentos en zonas forestais ou de influencia forestal, coa excepción de:

– Áreas recreativas equipadas e identificadas en concellos non declarados zonas de alto risco de incendio.

– Festas locais tradicionais que conten con autorización previa do Concello.

4) Só poden realizarse por persoal autorizado lanzamentos de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal. O lanzamento non poderá realizarse se o índice de risco é extremo. O índice de risco pode consultarse na web http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/incendios_forestais/irdi/

5) En época de risco, non utilizar maquinaria agrícola ou forestal que poida xerar faíscas, co conseguinte risco de lumes. En caso que haxa que usar a maquinaria en zona forestal ou de influencia forestal, débese procurar ter o tractor agrícola dotado de dispositivos de retención de faíscas e antilapas nos tubos de escape. Ademais, deben estar provistos de equipamento para a extinción de incendios.

6) Cumprir coas restriccións de acceso ao monte que se establezan nas zonas de alto risco de incendio forestal.

7) Non botar lixo fóra de colectores autorizados.

8) En caso de ver lume, débese chamar de inmediato ao 085.

9) O voluntariado social e as agrupacións veciñais contra os incendios constitúen sistemas de vixilancia que poden ser disuasorios para os incendiarios. Tamén poden permitir a identificación de persoas sospeitosas. En todo caso, a colaboración veciñal é imprescindible na identificación de posibles incendiarios.

10) O 95% dos incendios débese á acción humana, ben en lumes intencionados ou por descoidos. Cómpre poñer toda a atención en evitar factores de risco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información