Decálogo básico para previr incendios forestais

O MAGRAMA realizou un decálogo básico de prohibicións e recomendacións para previr a declaración de incendios forestais. O 95% dos incendios débense á acción humana

Decálogo básico para previr incendios forestais

Avión extinguindo un lume. Autor: MAGRAMA

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente recorda que o 95 por cento dos incendios forestais se deben á acción humana. Así, as principais causas dos lumes son descoidos ou despistes, imprudencias, falta de atención, irresponsabilidade ou a súa provocación de forma intencionada.

Para extremar as precaucións, o Ministerio elaborou unha serie de recomendacións fundamentais á hora de realizar aquelas actividades que poidan provocar o inicio dun incendio.

Excursións e acampadas

A prevención dos incendios é fundamental nas excursións e acampadas. Por iso é necesario recordar que non se deben tirar cabichas acendidas ao chan nin botar ou deixar lixos fóra das papeleiras, xa que determinados residuos poden favorecer o inicio dun incendio.

Tamén se recorda que as cacharelas só poden prenderse en zonas e épocas autorizadas. Tamén é recomendable non deixar lámpadas acendidas ao ausentarse do campamento.

Se o excursionista ve un incendio, o primeiro que debe facer é avisar e pedir axuda ao número de teléfono 112. En caso de que se vexa ameazado polo lume, recoméndase intentar bordealo e fuxir rapidamente, procurando non subir pola montaña, xa que o lume avanza máis rapidamente que as persoas. Nese caso, o máis conveniente é non cargar con máis cousas das que realmente son necesarias.

No caso de viaxar nun vehículo, recórdase a prohibición de tirar cabichas pola xanela ou outros obxectos que poidan servir de combustible ao lume.

Nas actividades agrarias

Na queima de restrebas, o Ministerio recorda que se debe solicitar a autorización necesaria e, en todo caso, evitalas en días de vento forte ou de seca. Se se realiza esta actividade, débese vixiar a queima e non a abandonar ata estar seguro de que estea totalmente apagada.

Tamén se debe solicitar autorización nas queimas para a limpeza dos montes, que só se poderán realizar nos períodos autorizados e nunca en días de vento ou seca.

En Galicia, ata novo aviso da Xunta, están prohibidas as queimas agrícolas.

Nas casas de campo e urbanizacións

Por outra parte, o Ministerio quere sensibilizar os cidadáns sobre a necesidade de manter limpos os camiños e as estradas. Dentro das vivendas, é conveniente instalar matafaíscas nas chemineas e evitar nos xardíns a excesiva frondosidade e vexetación seca. Así mesmo, recálcase a importancia de manter sempre limpos os tellados e as chemineas.

Ao mesmo tempo, convén recordar que, nas proximidades de zonas forestais e en épocas de risco, non se deben empregar motoserras, rozadoras, soldadores, serras radiais ou ferramentas que poidan provocar faíscas e, polo tanto, incendios.

Participación na extinción

No caso de que un cidadán participe na extinción dun incendio forestal, o Ministerio recomenda non traballar nunca illado e poñerse sempre ás ordes da autoridade competente.

Indicar que, cando un avión vai lanzar auga, hai que procurar protexerse e afastarse da súa traxectoria. Tamén é importante apuntar que non se debe botar auga aos cables eléctricos.

Decálogo de recomendacións

Por outra parte, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio realizou un decálogo básico de prohibicións e recomendacións que os cidadáns deben ter en conta para previr a declaración de incendios forestais.

Desta forma, os aspectos básicos, tendo en conta as motivacións dos incendios, son:

1. Non botar cigarros nin fósforos ao chan.

2. Non acender lume no monte en épocas de risco.

3. Se se vai facer unha queima, solicitar a autorización oportuna. Ademais, aconséllase extremar todas as precaucións na súa execución.

4. En época de risco, non utilizar maquinaria agrícola ou forestal que poida xerar incendios.

5. Cumprir coas restricións de acceso a zonas forestais en épocas de risco.

6. Extremar as precaucións se se emprega lume nas actividades agrícolas.

7. Se se divisa un incendio, avisar de xeito inmediato ao 112 ou ao teléfono de emerxencia da Comunidade Autónoma correspondente. Recordar que a seguridade é o factor máis importante, polo que nunca se debe traballar só.

8. En época de risco, non utilizar ferramentas que poidan xerar faíscas.

9. Non botar lixo fóra dos colectores habilitados.

10. Por último, insistir que o 95% dos incendios forestais se deben á acción humana, polo que debemos poñer toda a nosa atención en evitalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información