De que se queixa o agro ante o Valedor do Pobo?

Un terzo das denuncias relacionadas co sector agrario nos últimos dous anos advirte da forestación de terras agrarias e do incumprimento de distancias do arborado a núcleos de poboación. Concentracións parcelarias, danos da fauna salvaxe e montes veciñais, outros asuntos candentes

Publicidade
Publicidade
De que se queixa o agro ante o Valedor do Pobo?

Forestación ilegal de terras agrarias con eucaliptos. / Imaxe: Adega.

O Valedor do Pobo recolleu nos últimos dous anos un cento de denuncias relativas ó sector agrario e forestal. As queixas ante o Valedor revelan algúns dos focos de conflictividade que existen no rural. A cuestión estrela nos últimos dous anos nas reclamacións do sector agrario refírese a problemas ligados ó ámbito forestal. A maioría das denuncias apuntan a incumprimentos das distancias do arborado a núcleos de poboación ou trasladan casos de forestación ilegal de terras agrarias.

A normativa autonómica obriga a manter sen piñeiros e eucaliptos os 30 metros do monte limítrofes con vivendas, solo de núcleo rural ou urbán, en tanto que os primeiros 50 metros deben estar rozados antes do 30 de xuño de cada ano.

En caso de edificacións sen licenza municipal, o propietario do terreo forestal terá dereito a indemnización pola corta de árbores

A este respecto, o Valedor lembra que a Lei de Prevención de Incendios engade un matiz importante a ter en conta. En caso de construcións sen licenza municipal, o propietario dos terreos forestais terá dereito a indemnizacións por perdas e lucro cesante a cargo do propietario do terreo edificado. Sinálase tamén que nese caso, é obriga do propietario do terreo edificado a roza do espazo perimetral a súa construción, debendo permitírselle servidume de paso para executar eses traballos. A retirada das árbores, en cambio, corresponderá ó propietario das mesmas.

Concentracións parcelarias

Outro dos asuntos que motivan reclamacións frecuentes desde o rural son as concentracións parcelarias. O Valedor do Pobo recoñece que hai unha lentitude nos procesos e ten urxido no pasado á Xunta a axilizar a execución dos traballos. En calquera caso, o organismo confía agora en que a Lei 4/2015 de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia contribúa a reducir o problema.

O Valedor lembra casos como o da parcelaria de Biduído – Bugallido, en Ames (A Coruña), iniciada no 1991 e que estaba aínda sen rematar a finais do 2015.

A relación de problemas que se lle trasladan ó Valedor complétase con cuestións como os danos da fauna salvaxe no agro, as débedas de montes veciñais coa Administración ou problemas derivados do retraso ou denegación de axudas agrarias.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información