Curso sobre xestión forestal en Santiago

A actividade formativa, organizada pola Asociación Forestal de Galicia, enmárcase no proxecto Forest-in, que procura a mellora do manexo do monte. Desenvolverase en Compostela e incluirá visitas de campo en Oroso, Curtis, Pico Sacro e Fragas do Eume

Curso sobre xestión forestal en Santiago

Monte demostrativo do Pico Sacro.

A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con FSC Internacional, organiza entre o 11 e o 15 de marzo un curso dirixido a xestores forestais, tanto propietarios coma técnicos. A actividade formativa, que inclúe conferencias, sesións prácticas e visitas de campo, busca mellorar os coñecementos dos participantes no manexo do monte.

O curso enmárcase no proxecto Forest-in, impulsado por entidades de España, Francia e Portugal para impulsar a educación forestal. A asistencia ó curso é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente enviando un correo a afg (arroba) asociacionforestal.org ou chamando ao teléfono 981 564 011.

A actividade formativa inclúe tanto conferencias como visitas ó monte. Os relatorios e clases prácticas desenvolveranse en Santiago (Museo das Peregrinacións, praza das Praterías), e están previstas visitas a zonas de concentración parcelaria de Oroso e Curtis, ó monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón) e ó Parque Natural das Fragas do Eume.

O curso, no que participarán propietarios e técnicos de Galicia, do resto de España, de Portugal e de Francia, abordará diversas cuestións de interese forestal, como o silvopastoreo, o Banco de Terras, a concentración parcelaria, a certificación forestal, as plantas medicinais no monte ou a xestión práctica de unidades forestais.

Sobre o proxecto Forest-in
Forest-in é unha alianza estratéxica para a educación forestal participada pola Universidade de Aveiro (Portugal), a Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza (Francia).

Programa

Luns, 11 de marzo
16 – 16.45 h. Presentación do proxecto Forest-IN e do curso. Presentación dos participantes. (Nelson Matos, Universidade de Aveiro).

17 – 18 h. A experiencia da cooperativa Monte Cabalar, A Estrada. (Francisco Javier Barreiro).

18-19 h. As plantas medicinais en Galicia: aproveitamento nos sistemas agroforestais. (Ruth María Barros).

Martes, 12 de marzo
9.30 – 13.30 h. – Exercicio de simulación de xestión dunha unidade forestal. Posta en práctica dun modelo multifuncional baseado en cartografía e indicadores medioambientais e ecolóxicos. Avaliación de riscos. (Nelson Matos, Universidade de Aveiro. Carmo Tavares, FSC).

16 – 19 h. – Visita ao Pico Sacro e ao Monte Demostrativo do Pico Sacro (Francisco Dans e Braulio Molina, da Asociación Forestal de Galicia). (*)

Mércores, 13 de marzo
9.30-10.30h. Conferencia sobre o proceso de concentración parcelaria. (Ana Arizón Fanlo. Servizo de Infraestruturas Agrarias. Xefatura Territorial da Coruña. Consellería de Medio Rural). (Nota: Esta conferencia desenvolverase no Centro Cultural Fernando Casas y Novoa, en Sigüeiro). (*)

10.30-13.00 h. – Visita a montes concentrados no concello de Oroso e a montes en proceso de concentración en Curtis. (*)

15.30-18.00h. – Visita guiada ao Parque Natural das Fragas do Eume. (Antonio Rigueiro Rodríguez. Universidade de Santiago de Compostela). (*)

18.15-19.00h – Conferencia ‘Bosques galegos en Rede Natura 2000’. (Antonio Rigueiro Rodríguez. Universidade de Santiago de Compostela). (Nota: este relatorio impartirase na sede do Parque Natural Fragas do Eume) (*)

Xoves, 14 de marzo
9.30-14.00 h. – Certificación forestal, compoñentes e fases, motivación e vantaxes. Principios xerais. Exercicio de dinámica de grupos. (Carmo Tavares e Marcos Estévez. FSC; Marta Salvador. PEFC España).

16.00-17.00 h. – A experiencia de Selga na certificación forestal. (Daniel Rodríguez Cebreiro. Selga, Compañía Galega de Silvicultores, S.L.).

17.00-18.00 h. – O Banco de Terras de Galicia. (Alejandro Sánchez de Dios. Dirección Xeral de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

Venres, 15 de marzo
9.30-10.30 h. – Avaliación e sesión de clausura. Enquisa de satisfacción e cumprimento de obxectivos. (Nelson Matos. Universidade de Aveiro).

11.00-13.30 h. – Visita guiada ao parque de San Domingos de Bonaval. (Irene López Franco. Concello de Santiago).

* A organización disporá autobuses para facilitar transporte gratuíto ás visitas de campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información