Cuns, un monte unido contra o lume

Veciños de Outes presentan unha das cinco sociedades de fomento forestal (Sofor) que se están a crear en Galicia para traballar as parcelas en conxunto. O obxectivo principal do proxecto, previr incendios e mellorar a rendibilidade

Cuns, un monte unido contra o lume

A directiva de Somos Cuns, á esquerda, xunto coa conselleira, o alcalde de Outes e o director xeral, na presentación da sociedade.

Cando os incendios forestais do 2006, o lugar de Cuns, en Outes (A Coruña), encheuse de camións de bombeiros de arriba para abaixo polas pistas. Pouco puideron facer máis que salvar as casas da aldea. O 60% do monte quedou calcinado. Hai dous anos o lume volveu andar preto de Cuns e os veciños tomaron conciencia de que calquera verán ardíalles de novo o monte. Xuntáronse e falaron de facer algo para xestionar as parcelas en conxunto, coa idea principal de manter o terreo limpo. Daí xurdiu a Sociedade de Montes Sostibles de Cuns (Somos Cuns), que se presentou onte nun acto ó que acudiu a nova conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Veciños de Cuns, durante o acto.

Veciños de Cuns, durante o acto.

Somos Cuns, un proxecto no que os veciños levan traballando desde o 2013, é unha das cinco sociedades de fomento forestal (Sofor) que están creadas ou en trámites de constitución en Galicia; as outras están en Silleda (2), Lalín e A Estrada. As Sofor son un modelo particular de sociedade limitada constituida por pequenos propietarios forestais que ceden o uso das súas parcelas –non a propiedade- para facer un aproveitamento conxunto das mesmas. Cada socio posee unha participación, en función da cal ten unha cota nos investimentos e no reparto de beneficios da Sofor.

Proceso

En Cuns entraron na Sofor 80 veciños que lle achegaron á sociedade 750 fincas, cunha superficie total de 80 hectáreas. Os primeiros pasos de Somos Cuns remóntanse ó verán do 2013, cando a xente nova do lugar comezou a falar de asociarse para traballar o monte en conxunto.

“Xuntámonos e estabamos todos de acordo na mesma idea, así que decidimos que había que ir para adiante” -lembrou onte Álvaro Dosil, un dos impulsores do proxecto, na presentación pública da sociedade.- “Só había un problema, ningún dos que estabamos alí tiñamos nin tan sequera a primeira leira e faltaban moitos anos para que fósemos propietarios. Entón, convocamos ós verdadeiros propietarios do monte, comentamos a iniciativa e todo o mundo estivo tamén moi interesado na proposta, así que acordamos poñernos a traballar”.

Plantación dun acivro ó final do acto.

Plantación dun acivro ó final do acto.

No primeiro fin de semana de traballo, os veciños comezaron a comunicar as fincas que estarían dispostos a meter na sociedade. “Logo do primeiro sábado, tiñamos xa 350 fincas. Dixemos ‘espectacular’. Cantas hectáreas son? Catro. Bueno, vai levar máis tempo do que pensabamos, pero a partir daí pouco a pouco fomos sacando unha superficie interesante”, conta Álvaro Dosil.

Unidade
As 80 hectáreas que conforman Somos Cuns presentan numerosos enclaves polo medio que corresponden a parcelas de veciños que non quixeron participar na sociedade. “A maioría dos propietarios entraron na Sofor, pero tamén houbo veciños que foron poñendo os seus problemas. Algún non quixo meterse porque non estaban as partillas feitas, e outros simplemente porque non querían entrar. Dicían ‘é a miña leira, non me dá nada, pero cando quero vou a ela, quítolle algo de leña para meter no lume e vaime ben. Para que vou ter que pagar cartos para montar unha asociación e que traballe o monte e estea limpo?”, lembra Álvaro Dosil.

“Contra iso, nós non temos argumentos. É aí onde a Administración se debería meter para que non houbese esa alternativa, para que o monte tivese que estar limpo e que non teñamos que andar preocupándonos de se nos arde a casa ou nos arde todo o que temos.”, trasladoulle Dosil á conselleira e ó director xeral de Produción e Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, tamén presente no acto.

Plano das parcelas que integran a sociedade.

Plano das parcelas que integran a sociedade.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recollería o guante na súa intervención e sinalou que se estudiarán posibles cambios no modelo das Sofor. “Imos valorar cambios porque a unión é moi importante. Un anaco de monte por aí adiante so non di nada. Moitas veces non sabemos nin onde están os marcos e a metade das fincas non están rexistradas. O monte supón riqueza e hai que ordenalo; e o xeito de facelo son estas sociedades”, valorou.

Ángeles Vázquez, igual que o alcalde de Outes, Carlos López, avogou por manter a Sofor de Cuns aberta a novas incorporacións. “Cantos máis sexades, mellor. Tendédelle a man ós que non quixeron entrar porque un proxecto coma este vai dar froito en todos os sentidos” -manifestou a conselleira.- “Vendo esta iniciativa, apréciase que o rural está vivo e que vai seguir vivo con persoas coma vós. Vou levarvos de exemplo porque esta é a liña que hai que seguir no monte”, declarou.

Proxecto de ordenación
O acto de presentación de Somos Cuns é só o punto de inicio do traballo da Sofor, xa que polo de agora, o monte segue na situación na que estaba. O presidente da xunta directiva da sociedade, Fran Dosil, fixo un repaso no acto de onte polos retos que se lle presentan a partir de agora á entidade.

“O prioritario, que nos interesa a todos, é evitar que se repita un incendio coma o do 2006. Para iso, unha das primeiras actuacións vai ser a de facer un plan de ordenación. Temos idea de facer un plan en colaboración con varias entidades, como a Universidade de Santiago, para que o proxecto leve consigo I+D+i (Investigación + Desenvolvemento + innovación). Non queremos ir ó monte a rozar e xa está. Queremos que o monte xere un valor engadido e producir unha madeira de calidade”, explicou Fran Dosil.

A conselleira departiu co persoal do Distrito Forestal.

A conselleira departiu co persoal do Distrito Forestal.

A idea de Somos Cuns é adicar a parte alta do monte, por riba da aldea –que está ao pé dunha ladeira- á produción de madeira, principalmente piñeiro e eucalipto; en tanto a parte do monte por baixo da aldea, preto do río, adicarase á frondosas, en especial castiñeiros para produción de castaña, e ó cultivo de setas. “Con estas actividades poderemos ter uns ingresos de xeito anual. Non haberá que esperar 15 ou 20 anos para obter unha rendibilidade como coa madeira”, valora o presidente da sociedade.

A actuación máis urxente que se lle presenta a Somos Cuns é o desbroce e clareo da madeira na zona que ardeu hai uns anos, unhas tarefas para as que a Sofor pediu o apoio de Medio Rural.

Gando no monte
De cara a reducir custos na limpeza periódica do monte, Somos Cuns proponse facer peches perimetrais de parte das parcelas da sociedade co obxectivo de introducir animais no monte. “Fíxose noutras zonas e funciona. Ter o monte limpo, con áreas de pasto para os animais, permitiría ademais ter ingresos pola parte da gandeiría”, concluiu Fran Dosil

A directiva da asociación Somos Cuns agradeceu a colaboración de todos os veciños e do alcalde de Outes, así como do persoal do Distrito Forestal do Barbanza – Noia. Por parte do alcalde, Carlos López, tamén houbo agradecementos á Consellería, en especial a Fernández Couto, que lembrou que se desprazou a Cuns na fase inicial do proxecto para trasladar o apoio da Xunta á iniciativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información