Críticas do Sindicato Labrego sobre o Plan de Defensa contra Incendios 2019

A organización agraria, conxuntamente con Amigos da Terra, sostén que a Consellería do Medio Rural incumpriu o seu compromiso de crear unha mesa de traballo sobre lumes no marco do Consello Forestal

Críticas do Sindicato Labrego sobre o Plan de Defensa contra Incendios 2019

O Sindicato Labrego demanda maior participación social nos plans de defensa contra incendios que cada ano elabora a Xunta. A organización agraria, conxuntamente con Amigos da Terra, advirte de que Medio Rural se comprometera no 2018 a crear unha mesa de traballo sobre lumes no marco do Consello Forestal, “un compromiso que incumpriu”, cuestionan.

O Consello Forestal, un órgano consultivo da Administración no que participa toda a cadea monte – industria, xúntase tódolos anos antes do verán para recibir o Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga) de cada ano. Desde o sector forestal sempre se criticou que a Xunta acudise ó Consello Forestal co documento pechado, sen posibilidade de aportacións, e ás veces coa tempada de lumes xa iniciada.

Este ano, as liñas do Pladiga expuxéronse no Consello Forestal celebrado o pasado 26 de abril, se ben o Sindicato Labrego, que integra á asociación sectorial Frouma, sostén que a Xunta “non admitiu achegas” e apunta que o Consello Forestal segue “unha deriva totalitaria”, según expón en nota de prensa. “Non se enviou ningunha documentación previa do Pladiga aos membros do Consello e nin sequera se abriu a posibilidade de facerlle achegas. O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, sentenciou o debate indicando que o Pladiga se aproba no Consello da Xunta e punto”, cuestionan Sindicato Labrego, Frouma e Amigos da Terra.

Normativa de prevención
Outro punto de disconformidade destas organizacións céntrase na normativa de prevención que obriga á creación de franxas de protección arredor dos núcleos rurais e vivendas.

“Temos constatado que hai distintas interpretacións da mesma, incorrendo en graves erros cos conseguintes prexuízos á cidadanía: circulares e bandos de concellos nos que se aplican distancias e obrigas que nada teñen que ver co aprobado pola Xunta de Galicia; interpretacións da normativa distinta segundo o distrito forestal, habendo diferencias entre os distintos distritos das catro provincias; ou persoal da administración forestal dando charlas e interpretando a lexislación á súa maneira” -cuestionan-. “Esta interpretación caótica da lei está afectando seriamente o noso patrimonio arbóreo, con cortas de árbores que non son nin necesarias nin obrigatorias”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información